jueves, 30 de mayo de 2019

¡¡GRAZAS AVÓ!!


A semana pasada o avó de Marcos veu cargado cunha bolsiña chea de cestiños que confeccionara con moito agarimo para cada un dos meniños da nosa aula. Todos eran preciosos e vimos que podían ter moitas utilidades: para coller amorodos, para xogar, para gardar os nosos tesouros … 
Como ía ser imposible poñernos de acordo para repartilos, decidimos numeralos e efectuar un sorteo como o que realiza a mestra Ana cos produtos da horta. E así, un a un, foron sacando papeliños e comprobando cal era o que lle correspondía. Gustáronlle tanto a todos, que seguro lle dan utilidades moi diferentes e especiais. Se queredes podedes mandar fotos con eses usos ao correo da nosa escola. Queremos agradecer ao avó Santiago o traballo que levou realizándoos.

miércoles, 29 de mayo de 2019

CONCURSO OS ELECTRECOS

Co obxectivo de sensibilizar aos máis pequenos sobre a necesidade de reciclar os aparellos eléctricos e electrónicos, a nosa escola participou na campaña “Os Electrecos” dos Bolechas. A principios de febreiro viñeron a visitarnos e agora convocaron un concurso de debuxo no que sortearán grandes premios. Os traballos dos meniños xa están listos e pronto pasarán pola escola a recollelos. A ver se hai sorte e gañamos algún. Lembrade que dende a casa tamén podedes participar, aínda que nun primeiro momento o código de acceso deu fallo, dixéronnos que xa está arranxado. O sorteo será o 6 de xuño e a organización poñerase en contacto cos afortunados.

martes, 28 de mayo de 2019

IV XORNADAS DE EDUCACIÓN VIAL


Un ano máis, todos os meniños do centro acudiron a Sisán equipados cos seus cascos e bicicletas, motos, patíns e demais vehículos, para participar nos circuítos  que con tanto agarimo monta a DXT coa axuda de Paco da Autoescola Barrantes. Por grupos foron facendo de condutores e peóns para aprender as normas de circulación e experimentar as consecuencias de non cumprilas.


Pero a mañá veu cargada de actividades. Despois do circuíto, montamos na moto da Garda Civil e no camión da Autoescola, vimos un vídeo dos Bolechas de como debemos viaxar no autobús e asistimos a unha charla de Educación Vial. Tras recuperar forzas coa merenda, estaba agardándonos unha sorpresa moi especial. Fátima Rey da compañía Tatana Teatro, nun obradoiro sorprendnete, ensinounos como facer para converternos en auténticos pallasos e despois fíxonos rir  cunha divertida actuación.

Pero aínda hai máis. Rematamos a xornada coñecendo uns paxariños extraordinarios: as pombas mensaxeiras do colombódromo Derby Rías Baixas coas que puidemos mandar unha nota co nome do noso colexio. Moitas grazas a todas estas persoas que viñeron desinteresadamente a mostrarnos o seu traballo con tanta paciencia e agarimo.

lunes, 27 de mayo de 2019

O CAMIÑO DE SANTIAGO 2019

Por fin deu chegado o día, despois de todo un curso adestrando para estar en forma, hoxe por fin fixemos o anaquiño do Camiño que pasa pola nosa localidade. A verdade é que percorrémolo tan ben e rápido, que xa nos estamos pensando ampliar o itinerario para o vindeiro ano.
Ademais de gozar coa andaina, observamos animais e plantas, falamos cos peregrinos que nos atopamos, pintamos ao aire libre, merendamos e, sobre todo, xogamos e rimos. Mirade nas fotos que ben o pasamos.















domingo, 26 de mayo de 2019

PREPARADOS, LISTOS…


Esta semana realizamos as últimas andainas  para estar en forma e poder facer mañá sen cansarnos unha  pequena etapa da chamada Variante Espiritual do Camiño Portugués. Lembrade que partiremos as 9:00 da Ponte de Cabanelas en fronte do club náutico de piragüismo “o Muíño". Non esquezades poñer aos meniños calzado e roupa cómoda para camiñar e mandádelle bocadillo e botella de auga nunha bolsa co nome posto.

martes, 21 de mayo de 2019

O AVÓ SANTI


A semana pasada tivemos unha visita moi especial. O avó de Marcos veu a ensinarnos como facer cestos. Quedamos abraiados mirando como paseniño, a partir duns pauciños especiais chamados medulas, ía tecéndoos entre si ata formar unhas cestiñas preciosas. Explicounos que para traballar con eles sen que rompan hai que mollalos primeiro. Deixounos tocar o material e ata deunos un anaquiño a cada un.
Tróuxonos unha chea de cestas de diversos tamaños, formas e cores. Contounos como trenza a medula para facer debuxos diferentes. Tamén falounos doutros materiais que se empregan e como mesturalos para obter distintos resultados. Con infinita paciencia deixou aos meniños que probaran a facelo, axudándoos e animándoos.
Gustáronnos tanto os cestiños que confeccionou para nós, que decidimos empregalos para gardar os nosos tesouros do mar, esas cunchiñas que temos na aula que tanto nos gustan. Moitas grazas avó por ensinarnos tantas cousas e sobre todo polo teu agarimo e paciencia.

miércoles, 15 de mayo de 2019

VIEIRAS AO FORNO

Xa sabedes que semanalmente ollamos o xornal e lemos as novas que por un ou outro motivo resúltanos interesantes. A volta das vacación de Semana Santa, nunha relacionada co turismo e a gastronomía da nosa Comunidade, descubrimos unha receita de Vieiras ao forno. Iso foi o detonante para volver a ver as que trouxemos da casa e temos expostas na clase. Comprobamos que son cinco as que temos e que vos deixamos a continuación para os que se animen a cociñalas.




lunes, 13 de mayo de 2019

LETRAS GALEGAS 2019

Este ano Antonio Fraguas Fraguas é o autor homenaxeado. Hoxe na biblioteca comezamos a coñecer a este intelectual galego coas propostas do Seminario Galán Picade na imaxe inferior e accederesdes ao LIM onde poderedes seguir facendo actividades ao redor da rima que estivemos a traballar esta mañá.

domingo, 12 de mayo de 2019

PREPARANDO O FESTIVAL DE FIN DE CURSO

Un ano máis, coa axuda da mestra Olalla de música, andamos a preparar a nosa actuación para el festival de fin de curso. Como xa vos imaxinaredes, o tema central será o circo. Faremos de pallasos e aproveitaremos os disfraces do Entroido. Para ir ensaiando tamén na casa, a continuación vos deixamos a nosa canción.

jueves, 9 de mayo de 2019

ESPONXAS NATURAIS

Hoxe a mestra Ana invitounos a compartir cos nenos de Ribadumia a visita da avoa de Iago que veu á aula de natureza a ensinarlles unha planta especial coa que se fan esponxas naturais: a luffa. Mirade no enlace do blog de natureza como se planta e se fan as esponxas a partir do froito. Tamén deixounos unha macetiña que coidaremos con moito agarimo a ver se conseguimos que medre. ¡Moitas grazas avoiña!

miércoles, 8 de mayo de 2019

VELUTINA

Alá polo mes de xaneiro, vimos no xornal Faro de Vigo o gran número de niños da avespa velutina que se están a eliminar. É moito o dano que este insecto está a ocasionar principalmente nas colmeas de abellas. Fai unhas semanas, cando estabamos no recreo, uns operarios viñeron a colocar trampas ao redor da nosa escola. Graciñas a eles puidemos coñecer un chisquiño máis como son e como funcionan.

sábado, 4 de mayo de 2019

VISITA AO “COLE” DOS AVÓS

Dentro do programa Voluntariado miúdo: Móvete no que participa a nosa escola, onte fixemos unha xornada de convivencia interxeracional cos avós da Residencia de Maiores de Ribadumia. 
Primeiro realizamos unha visita guiada polas súas instalacións para coñecer un chisquiño como son as súas actividades. Rematamos o percorrido no xardín, onde comezaron os xogos co paracaídas e as pelotas. Cando os avoíños xa estaban preparados, elaboramos con eles os decorados da obra de teatro baseada no precioso conto “Avós”. Merendamos para recuperar forzas e, acto seguido, as mestras Montse e Olalla de música deleitáronnos cunha emotiva representación de dito conto. Rematamos a xornada cunha plantación de árbores na horta da residencia.