lunes, 30 de abril de 2012

ABRIL O MES DAS PIZZAS

Cando cociñamos as de xamón e queixo soubéronnos a pouco e quedamos con ganas de máis. O venres, para compensalo, dedicamos de novo o obradoiro de cociña ás pizzas, nesta ocasión ás de atún.  Xa coñecíamos o proceso de elaboración, así que soamente tíñamos que engadir os novos ingredientes: o atún e os champiñóns. Pero o que máis nos gusta é botar o ourego, para os cativos é como o toque máxico que pon o punto e final … Logo soamente queda esperar a que a torradora faga o seu traballo mentres que imos preparando a segunda remesa de pizzas …

sábado, 28 de abril de 2012

MOTOCICLISMO EN LEIRO

Esta fin de semana celébrase “O Gran Premio de España de Motociclismo”, pero en Leiro xa estivemos “quentando motores” dun xeito moi especial. O mestre Rafa sabe que andamos aprendendo os nomes dos deportes que aparecen no xornal e, ao chegar ao motociclismo, quixo axudarnos a coñecelo mellor traendo a clase ¡un auténtico equipamento de motorista!.
Explicounos que para practicar este deporte é necesario protexerse cunha roupa especial para evitar, na medida das posibilidades, lesións en caso de caídas. Casco, luvas, pantalón, chaqueta e botas. Todo está feito dun xeito diferente que pouco a pouco nos foi mostrando. Vimos, tocamos e incluso probamos … A ver se adiviñades quen son os “motoristas” que aparecen nas fotos … ¿Quen se anima a mandar un comentario coa resposta? …E xa que andamos a voltas coas motos, dende aquí animámosvos a visitar a exposición “Motos históricas. Cen anos sobre rodas” que se exhibe no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra, nela expóñense 58 motos dende finais do século XIX ata finais do XX, máis información en http://www.museo.depo.es/noticias/notas.de.prensa/es.02010345.html

viernes, 27 de abril de 2012

NA HORA DE LER: DON QUIJOTE

Para conmemorar o día do libro, esta semana a nosa bolsiña especial para a “hora de ler” veu cargada de contos de Don Quijote. Aínda non rematamos de lelos todos pero, por agora, o favorito é “O dragón voador” da colección Don Quixote e Breogán de Anxo Fariña.
Para os que esta fin de semana opten por seguir coñecendo e xogando con Don Quijote, no blogue http://www.blogoteca.com/orecantodemik/index.php?cod=112086 atopamos os enlaces que aparecen nas imaxes, se picades nelas poderedes decidir ver o mundo como Sancho ou como Don Quijote, rir coa aventura dos muíños ou coñecer a Cervantes.

jueves, 26 de abril de 2012

PREPARANDO A VISITA A “MONTE DO CASTRO”

Se o tempo o permite, a vindeira semana visitaremos “Monte do Castro”. Como podedes ver na imaxe inferior, está moi pretiño da nosa escola. Na foto está marcado en vermello o percorrido que temos pensado facer. Para coñecer que é un castro e como vivían os seus habitantes, hoxe na escola estivemos lendo e despois vendo no encerado dixital o libriño de Pepe Carreiro “Os Bolechas queren saber como é un castro”. Por se na casa tamén queredes aprender e gozar coa súa lectura, aquí vos deixamos esta presentación que atopamos no blogue http://ceipogruporamo.blogspot.com.es/2011/01/bolechas-como-e-un-castro.html 

miércoles, 25 de abril de 2012

CONTINUAMOS COÑECENDO A PICASSO

A semana pasada retomamos o noso proxecto “Coñecer a Pablo Picasso”. Situamos no mapa as cidades nas que viviu: Málaga, A Coruña, Barcelona, Madrid e París. Nesta última, transcorre a historia de “Picasso y Minou libro no que, coa axuda de Minou, o gatiño protagonista, descubrimos a tristura que envolve os cadros da época azul de Picasso, provocada pola morte do seu amigo Carlos Casagemas. Este é un dos moitos volumes que temos na biblioteca da escola que falan deste pintor. O luns, cando estivemos nela, aprendemos onde estaban situados e como temos que facer para localizalos. Todos os exemplares que tratan de pintores están no andel que ten o número 75 e a etiqueta de cor rosa.

martes, 24 de abril de 2012

COÑECENDO A DON QUIJOTE

Onte, aniversario da morte de Cervantes, celebrouse o Día mundial do Libro. Cando en clase reflexionamos sobre o motivo da elección desta data, os cativos nunca escoitaran falar de tan ilustre escritor nin do seu personaxe máis famoso: “Don Quijote de la Mancha”.  Para comezar a familiarizarnos con el decidimos ver no encerado dixital o primeiro episodio da famosa serie televisiva que leva o seu nome. Deste xeito descubrimos a Rocinante, o seu cabalo. Posteriormente atopamos varios libros na biblioteca coas súas aventuras. Pouco a pouco lerémolos e coñeceremos as andanzas deste cabaleiro.

domingo, 22 de abril de 2012

PSICOMOTRIDIDADE CON GLOBOS

Dannos medo cando estoupan, tamén desconcerto cando non sabemos a causa,  pero sobre todo provocan risas e motivan. Poucos son capaces de resistirse a golpear un globo antes de que toque o chan.  Pero para conseguilo hai que controlar o propio corpo, a coordinación de movementos, calcular a traxectoria de caída, non tropezar cos demais mentres intentamos collelo…  En resumo, contribuímos ao desenvolvemento de destrezas e habilidades cun obxecto sinxelo e ao alcance de todos. Se queredes pasar unha  divertida tarde en familia aquí vos deixamos a nosa proposta, xogos con globos. Pero non esquezades que desinflados poden ser moi perigosos e provocar accidentes. Se os cativos os introducen na boca poden esganar, por este motivo tamén hai que recoller inmediatamente os restos dun globo roto.

jueves, 19 de abril de 2012

PIZZA BOB ESPONXA

Como xa sabedes, mañá non teremos obradoiro de cociña, pero para aquelas familias que se animen a realizalo a fin de semana na casa, aquí tedes a proposta do noso restaurante escolar: Pizza Bob Esponxa. Esta e outras divertidas receitas de cociña italiana para nenos, podedes atopala en “Pastas e pizzas” da editorial Ouvirnos que está a vosa disposición na nosa biblioteca escolar. Xa nos contaredes que tal resulta… aínda que penso que sería máis doada de realizar polos cativos se substituímos os pauciños de mar por xamón cocido.

miércoles, 18 de abril de 2012

UN ANO DE POESÍA

O noso calendario da poesía avanza. Xa traballamos ademais de a Rosalía de Castro, a Gloria Sánchez e o seu libriño “Rimas con letras”, a Xosé María Álvarez Blázquez con “Roseira do teu Mencer” pero, sen lugar a dúbidas, o que por agora está a ser o favorito dos cativos é a “Cantiga do Mazarico” de Emilio Pita. Mentres que o confeccionamos tamén estamos intentando memorizar a serie numérica ata o 31, descubrindo que non todos os meses teñen o mesmo número de días nin empezan por sistema no luns e, loxicamente, a distinguir os días laborables dos festivos. Pero o mellor de todo é que estamos apreciando o fermosa que é a poesía.

martes, 17 de abril de 2012

BUSCANDO INFORMACIÓN DE ROMA

Onte, aproveitado a nosa estancia semanal na biblioteca escolar, iniciamos a busca de libros relacionados con Roma, os seus habitantes e a súa historia. Lembramos como tíñamos que facer para localizalos, seleccionamos os que máis nos interesaban e comezamos a ollalos. Nun vimos os gatos dos que Félix falaba na súa carta e a bandeira de Italia, noutro animais salvaxes pelexando, un río e pontes… unha chea de cousas que paseniño iremos coñecendo e intentando comprender.  Na aula comezaremos a montar un pequeno recuncho desta cidade e do país onde está situada.  Coma sempre, se tedes na casa contos, libros, DVDs, fotos, quebracabezas, postais, mapas, obxectos… relacionado co tema e adaptado ás idades dos nosos alumnos, podédelo traer para velo na aula e aprender todos xuntos.

domingo, 15 de abril de 2012

AO CHEGAR A ROMA: UNHA PIZZA

Como xa sabedes Félix está en Roma e, no noso obradoiro de cociña dos venres, queríamos comezar a familiarizarnos coa comida italiana elaborando a máis típica. No libro “Pizza”, presentado nunha replica de caixa de pizza que inclúe cun cortapizza que non dubidamos en empregar, vimos que as hai de moitas clases: margarida, catro estacións… incluso unha chamada tola. Aínda que xa somos uns cociñeiros con experiencia, decidimos empezar cunha sinxeliña: "minipizza de xamón e queixo". Primeiro, coma sempre, traballamos a receita. Despois de lavar ben as mans e limpar as mesas, simplemente tivemos que untar a salsa de tomate, cortar o xamón cocido e o queixo, engadir o ourego e… xa estaban listas para torrar…Tras o éxito que tiveron e o moito que lle gustaron a todos, estamos planeando establecer o “mes da pizza” e dedicar varias sesións do noso obradoiro a este rico alimento italiano.

viernes, 13 de abril de 2012

UN RECREO NOS RECUNCHOS DA CLASE

Esta semana o frío e a choiva impedíronnos saír ao patio da escola.
Gústanos correr e brincar por fora pero, cando polo mal tempo non podemos, tamén o pasamos ben xogando nos diferentes recunchos da aula. No da casiña preparamos comidas imaxinarias mentres imitamos aos adultos que nos rodean,  na colchoneta cos vehículos e as pezas inventamos construcións que serían a envexa dos arquitectos, nos disfraces creamos o mellor salón de peiteado do planeta, na biblioteca deixamos voar a nosa imaxinación, nos puzzles desenvolvemos o noso pensamento matemático sen darnos conta… na escola cos nosos amigos  sempre logramos pasalo ben con ou sen choiva.

jueves, 12 de abril de 2012

FÉLIX CONTINUA A SÚA VIAXE

Sofía recibiu outra carta da súa mascota de peluche. Nesta ocasión Félix vai axudarnos a coñecer Roma. Tras a lectura da carta son moitas as preguntas que empezan a formular os cativos: como é a súa bandeira, onde está… buscamos no mapa de clase… e xorden máis interrogantes: por que hai un lobo e unha moto... ¡Mira, Pinocho!... como podedes ver un novo proxecto xa está en marcha: ¡benvidos a Roma!.
Se queredes ver este e outros mapas que andamos a traballar en clase, podedes descargalos en