lunes, 28 de octubre de 2019

O SAMAÍN NA BIBLIOTECA


O vindeiro mércores celebraremos na nosa escola a festa do Samaín. Para coñecer mellor esta tradición, Zapatocas preparounos na biblioteca un recuncho con contos e diverso material relacionado co tema. Paseniño estamos léndoos e entre risas enfrontándonos aos medos.
E como non podía ser doutro xeito, o Samaín tamén chegou ás clases de informática. A continuación vos deixamos un LIM por se queredes xogar tamén na casa. Picade na imaxe inferior e accederedes ás actividades.

domingo, 27 de octubre de 2019

UNHA MISIVA ESPECIAL


A semana pasada a irmá de Gael fíxonos chegar unha carta cun debuxo dun lobo que nos gustou moito. Decidimos redactar unha resposta e darlle as grazas por tan agradable presente. Entre todos puxémonos de acordo co contido e serviunos de detonante para traballar ao redor das partes dunha misiva. Entre isto e os contos de cartas que andamos a ler, aos meniños entráronlles moitas ganas de escribir aos seus amigos e familiares. Animádevos na casa a axudar aos nenos a envialas e veredes que ben o pasades e a ilusión que fai recibilas.

martes, 22 de octubre de 2019

A PALMEIRA DA IGREXA DE LEIRO

Dende que limos no xornal que o picudo vermello continuaba a facer estragos nas palmeiras de Cambados, queríamos saber se a que está máis preto da nosa escola estaría afectada. Hoxe por fin chegou o bo tempo e, xuntos cos nenos de Ribadumia B, fomos a vela. Continúa tan bonita coma sempre e ademais de dar un agradable paseo, puidemos ver os seus froitos, o tamaño das polas e a súa gran altura.


domingo, 20 de octubre de 2019

COMER UN LOBO

Dende que limos este divertido contiño, decidimos que chegara o momento de cambiar as tonas e ser nós quen comera ao lobo. Así que se na casa tamén queredes cociñar un para merendar, a continuación vos deixamos a receita.



jueves, 17 de octubre de 2019

DÍA MUNDIAL DO CORREO


A mascota da nosa biblioteca tamén gusta de ollar a prensa diaria. O pasado mércores, no xornal que nos trouxo Marta, leu que cada 9 de outubro se celebra o Día Mundial do Correo. Quixo celebralo connosco e preparounos unha bolsiña coa noticia do periódico e unha chea de contos de cartas. Dende entón, cada día o encargado elixe cal quere que leamos. Son libros cheos historias, con sobres, postais e unha chea de sorpresas que paseniño imos descubrindo á vez que nos mergullamos no mundo das cartas.

martes, 15 de octubre de 2019

¡CANTAS NOTICIAS!

A semana pasada foron moitas as novas que chamaron a nosa atención no Faro de Vigo: a invasión de abrollo en Arousa, un iate de luxo con helicóptero e lancha, o ataque de avespas velutinas ao condutor dun tractor … ata unha moi curiosa sobre o ioga para cans na revista semanal XL que nos trouxo Marcos. Pero foi no artigo sobre o picudo vermello de La Voz de Galicia de Erik no que estamos afondamos máis. Vimos esa mesma nova na prensa dixital e un par de vídeos sobre este daniño insecto que anda a facer estragos nas palmeiras. Cando o tempo o permita queremos ir ver o exemplar que hai preto da nosa escola para ver se está afectado, mentres vos deixamos un dos vídeo por se queredes saber máis sobre o picudo vermello.

lunes, 14 de octubre de 2019

A LÚA E OS LOBOS

No contiño Quen levou a lúa?  ao redor do que traballamos a semana pasada na biblioteca, limos que os lobos ouvean á lúa chea. Non sabemos se será verdade pero imos investigar e intentar aprender cousiñas deste impresionante animal.
Paralelamente estamos traballando a educación documental para comprender como está organizada a nosa biblioteca escolar. Cada semana facemos actividades cos libros que lemos para saber onde están colocados e como temos que facer para acceder á información que buscamos.
Para que dende a casa tamén coñezades cómo está organizada, a continuación vos deixamos a nosa guía de usuarios que hoxe levaron os alumnos novos e os veteranos o curso pasado.

domingo, 13 de octubre de 2019

martes, 8 de octubre de 2019

O SISTEMA SOLAR


Onte aproveitamos a nosa sesión semanal no aula de informática para traballar ao redor do sistema solar. Para os que desexen aprender xogando tamén dende casa, a continuación deixamos o vídeo que vimos e os xogos LIM que realizamos. 

Picade enriba da imaxe e accederedes ás actividades.

lunes, 7 de octubre de 2019

A PRENSA NA ESCOLA

Grazas á colaboración das familias e á mestra Marta de Ribadumia que nolos traen, este curso a lectura dos xornais volve a formar parte das rutinas da nosa aula. Sempre que podemos, especialmente os martes e os xoves, ollamos o periódico e comentamos aquelas novas que nos parecen de interese.
Esta semana, a limpeza das praias de Vilagarcia dunha planta chamada abrollo chamou especialmente a nosa atención. Investigamos sobre ela, vimos vídeos e incluso a mestra Marta tróuxonos unha para observala. Descubrimos que bota ourizos con espiñas que produce danos nos pés das persoas, nas patas dos animais e picadas nas rodas das bicicletas. Así que moito coidadiño co abrollo.

miércoles, 2 de octubre de 2019

REPARTIMOS AS CASTAÑAS


Hoxe descubrimos que algunhas das castañas que apañaramos estaban estragándose.  Con coidadiño separamos as que estaban picadas e observamos a eiruga que había no seu interior. Despois fixemos cucuruchos con folios que non servían e repartimos as que estaban en bo estado. Pero antes cada meniño contou as que les correspondían para levar todos o mesmo número.

martes, 1 de octubre de 2019

INFORMÁTICA

A semana pasada comezamos coas clases de informática. Cada luns, a través de xogos, realizaremos diversas actividades para aprender a manexar o rato, facer clic, premer e arrastrar. Paralelamente empregaremos os ordenadores para reforzar contidos traballados na aula á vez que os meniños vanse familiarizando coa linguaxe informática.
Esta semana foi o contiño “A que sabe a lúa?” o que empregamos como detonante para traballar todos eses aspectos. Se na casa tamén queredes xogar picade na imaxe inferior e accederedes ao LIM.