Mostrando entradas con la etiqueta Cartas de Félix. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cartas de Félix. Mostrar todas las entradas

viernes, 23 de enero de 2015

PLÁTANOS EN PIXAMA


A receita do noso obradoiro de cociña de hoxe tróuxonola Félix de Australia. Vímola no seu libroEl correo flotante de Félix. Como podedes ver na ilustración, na receita orixinal, o pixama do plátano faise con follado e hai que metelo ao forno. Coma na escola non o temos, optamos por adaptala e substituír ese ingrediente por pan de molde. Cando xa o tiñamos feito pensamos que quedaría moito máis bonito se lle poñiamos ollos, boca, pelo… Quedamos en probar na casa esta fin de semana a ver que tal nos sae.

martes, 20 de enero de 2015

A PEDRA DE ULURU


No medio do deserto australiano atópase a rocha máis grande do mundo. Félix falounos dela na súa carta e onte puidémola ver en varios libros da biblioteca, pero especialmente nunha fotografía preciosa do exemplar “Las maravillas del mundo explicadas a los niños.

A rocha Uluru, tamén chamada Ayers Rock, é un lugar sagrado para os aborixes. Aínda que é posible escalalo, os propietarios tradicionais non o fan e piden que, por respecto a súa cultura, outras persoas tampouco o fagan. Pero como puidemos ver no seguinte vídeo en clase, hai moitas persoas que soben a súa cima. 

lunes, 12 de enero de 2015

CARTA DE FÉLIX


A nosa lebre viaxeira chegou a Australia. Soubémolo hoxe a través dunha misiva que recibimos na biblioteca. Nela fálanos dunha chea de cousas descoñecidas para a maioría de nós, pero nas vindeiras semanas iremos debullándoas e seguro que aprenderemos moitas cousiñas.

Para comezar intentamos memorizar o nome do país, aínda nos custa pronuncialo, e miramos nos mapas para localizalo. Limos e buscamos na carta os nomes dalgúns animais que coñecemos e outras palabras que xa somos capaces de atopar no texto sen problemas. Un novo proxecto está en marcha, xa vos contaremos.

miércoles, 24 de septiembre de 2014

CARTA DE FÉLIX DENDE A SELVA AMAZÓNICA


Xa sabemos onde está a nosa lebre viaxeira: ¡en “A Selva Amazónica!. O luns recibimos a primeira carta de Félix deste curso e nela fálanos de animais sorprendentes: preguiceiros, golfiños rosados, tucanos, anacondas …  
Levamos varios días traballando ao redor da súa misiva e pronto comezaremos a montar un recuncho con toda a información que atopemos sobre este impresionante lugar. Se na casa tedes contos, libros, DVDs, fotos, quebracabezas, postais, mapas, obxectos, folletos ou publicidade de axencias de viaxes, receitas… relacionado co tema e adaptado ás idades dos nosos alumnos, podédelo traer para velo na aula e aprender xuntos. Graciñas.

jueves, 18 de septiembre de 2014

O NOSO AMIGO FÉLIX


Félix é a lebre de peluche de Sofía. Viaxa por diferentes lugares do mundo e manda cartas a súa querida amiga para contarlle como son. Esta semana estivemos vendo os seus contos e lembrando as súas últimas andainas. 
Mentres os pequenos van coñecendo a historia de Félix e Sofía, os maiores imos lembrando como se escriben os nomes dos personaxes destes bonitos contos: o papá e a mamá de Sofía; Julio, o seu irmán maior; Nicolás, o mediano; e Lena a irmá máis pequena. Os que desexen coñecer como comezou a súa última aventura poden clicar aquí para ver as primeiras páxinas do conto.

viernes, 30 de mayo de 2014

FÉLIX ESTÁ NO CARIBE


Sabémolo dende o luns que recibimos unha nova carta da nosa lebre viaxeira. O mesmiño ca nós, Félix estaba canso de tanto frío e mal tempo, así que decidiu marchar para O Caribe. Na súa misiva fala de cocos, golfiños, baleas… e, coma sempre, aproveitamos a nosa visita á biblioteca para buscar información ao respecto e comezar a montar un novo recuncho. ¡Benvidos a “O caribe”!.

martes, 1 de abril de 2014

FÉLIX NO POLO NORTE

Onte soubemos que a nosa mascota viaxeira leva varias semanas vivindo cun neno esquimó no Polo Norte. O luns na biblioteca limos a súa última carta e xa comezamos a buscar información sobre este novo lugar. Como sempre, se na casa tedes materiais relacionado co tema, podedes traelo á escola para aprender todos xuntos.

viernes, 24 de enero de 2014

FÉLIX E AS GRÚAS DA PAZ

Esta semana recibimos unha nova carta da nosa lebre viaxeira. Ela serviunos de punto de partida para coñecer  a historia de Sadako Sasaki e reflexionar sobre as consecuencias da guerra. Sadako vivía en Hiroshima e tiña dous anos cando lanzaron a  bomba atómica. Nove anos despois, enfermou de leucemia como consecuencia da radiación recibida. 
Mentres estaba no hospital unha amiga contoulle a lenda das grúas de papel: aquela persoa que fora capaz de facer 1.000 conseguiría que o seu desexo se fixera realidade. Sadako comezou a crear grúas pero pensou que no sería xusto pedir a curación soamente para ela e pediu que o esforzo que ía facer servira para traer a paz. Lamentablemente morreu despois de facer 644, pero os seus amigos continuaron a súa misión e completaron as mil grúas coa esperanza de que se evitaran as guerras no futuro. No Parque da Paz de Hiroshima realizaron unha estatua dela cunha grúa na súa man. Cada ano chegan grúas de papel de todo o mundo coa esperanza de que leven os seus desexos de paz. Na nosa aula tamén queremos render unha pequena homenaxe a Sadako e comezamos a construír grúas de papel para celebrar o vindeiro xoves o día escolar da paz.

miércoles, 13 de noviembre de 2013

FÉLIX VIVE CON SAKURA

A semana pasada recibimos unha nova carta de Félix. Nela cóntanos máis cousiñas da súa vida en Xapón. 
Tamén volven a aparecer os signos como os das latas que nos trouxo Aaron, fala das cerdeiras e geishas que vimos na revista de Mencía e nas fotocopias de Rita, do tren bala que observamos nun libro da biblioteca e dos palillos para comer que  case todos miramos nos debuxos da tele. Nas seguintes semanas traballaremos ao redor de todos estes temas e intentaremos aprender algunhas cousiñas da cultura nipona.

sábado, 19 de octubre de 2013

KOINOBORI

Félix, na súa carta, falaba de que Sakura e a súa avoa estaban a facer carpas de papel. Esta semana soubemos que se trataba de Koinobori, bandeiras tradicionais xaponesas coas que se decoran edificios e casas o día do nenoSon izadas co desexo de que os rapaces medren fortes e con boa saúde.  A carpa máis grande, de cor negra, representa o pai; a seguinte, de cor vermella, á nai; e as restantes aos fillos. Na nosa aula tamén fixemos os nosos particulares koinobori cos membros da nosa familia e escoitamos a canción popular que adoitan cantar os nenos.


viernes, 11 de octubre de 2013

A BANDEIRA DE XAPÓN

Grazas a Félix, comezamos a coñecer algunhas cousiñas do país nipón. Unha delas é a súa bandeira. Fai días que viramos cales eran as súas cores e o círculo que a caracteriza. É tan sinxela que non dubidamos en facela no obradoiro de cociña deste venres. Cun queixiño, rebandas de pan de molde e chourizo, realizamos o noso peculiar despregue de bandeiras gastronómicas.

miércoles, 9 de octubre de 2013

O NOSO ESTANQUE

Xa sabemos que o pobre Félix caeu nun estanque cando os globos baixaron de súpeto en Xapón, por sorte Sakura e a súa avoa estaban preto de alí e axudárono a saír. No xardín da nosa escola tamén temos un, pero durante o verán secou e botáronlle pedras e lixo.
O luns estivemos a limpalo e enchémolo de auga.
O noso non é tan bonito como os xaponeses pero imos intentar que se pareza.
A mestra Ana tróuxonos carpas para botalas dentro cando rematemos de observalas, e a profe Ángeles plantas acuáticas para que os peixes teñan onde agocharse. Xa vos contaremos que tal lles vai no seu novo hábitat.


lunes, 30 de septiembre de 2013

CARTA DE FÉLIX DENDE XAPÓN

Cando Félix desapareceu no ceo, tanto Sofía coma nós quedamos preocupados. Pero agora xa sabemos que está ben, aínda que tivo un aterraxe un pouco accidentado. Contóunolo nunha carta que estivemos a ler a semana pasada, nela nos di que chegou a Xapón e que vai quedar alá pero… ¿onde está ese país?... en clase estivemos vendo mapas e intentado localizalo. Xa empezamos a saber que está formado por illas pero ao igual que Félix queremos coñecer a súa cultura, costumes, gastronomía…
Agora imos montar un recuncho na aula con todos os materiais que atopemos relacionados co país nipón. Coma sempre, se tedes na casa contos, libros, DVDs, fotos, quebracabezas, postais, mapas, obxectos, propaganda de axencias de viaxe, folletos ou calquera outro material relacionado co tema e adaptado ás idades dos nosos alumnos, podédelo traer para velo na aula e aprender todos xuntos.