miércoles, 30 de noviembre de 2011

O APALPADOR

Esta semana comezamos a traballar ao redor da figura do Apalpador. Un velliño xigante que vive nas montañas do Courel.  Ao chegar o Nadal, baixa ás casas dos meniños a palparlles a barriguiña mentres dormen. Comproba se están ben mantidos e  déixalle castañas e xoguetes de madeira que el mesmo realiza. Aquí deixámosvos estas actividades LIM do CRA Raíña Aragonta e do C.E.I.P. Outeiro das Penas coas que xogamos na aula, soamete tedes que picar nas imaxes.


Se vos gustaron, lembrade que na biblioteca escolar tedes este conto e “Anton e o Apalpador”.  Pero se o que preferides son láminas para colorear  picade aquí.

martes, 29 de noviembre de 2011

XAIME E AS LANDRAS

Hoxe vimos un conto no que o seu protagonista, Xaime, plantou landras coma nós. Se na casa tamén queredes gozar coa súa lectura, aquí deixovos a seguinte  presentación

lunes, 28 de noviembre de 2011

AS LANDRAS DO NOSO CARBALLO

Aínda nos leva tempo dabondo, pero xa imos controlando a tarefa de poñer as luvas antes de traballar coa terra no xardín. Estes días andamos a plantar as landras que caeron do carballo da nosa escola.
Estamos a aprender moitas cousas sobre elas. Se as coidamos, tal vez medren e, dentro de moitos anos,  convértanse  nunha árbore como as que estudamos coa profe Ana.

domingo, 27 de noviembre de 2011

AS NOSAS BUXAINAS


Galácticas
 
Algodonosas

Esteladas
¡Que bonito está o mural que se montou coas buxainas de todos os cativos!. Hainas para todos os gustos…

Preparadas para o Nadal



Coloridas







E moitas máis que non son capaz de colgar...

Nas clases de informática, ademais de traballar as partes do peón, os pequenos tamén deixaron aflorar a súa faceta artística. Se queredes ver todas as fotos, podedes visitar a galería de imaxes da web do cole ou acceder directamente picando aquí.
 

sábado, 26 de noviembre de 2011

MOUSSE DE LIMÓN

Onte no obradoiro de cociña probamos un novo utensilio, o espremedor. Os de 4 anos xa o controlaban do ano pasado e calcaban sen problemas.
Para moitos de tres era a súa primeira vez e, ao principio, custoulles un pouquiño.
O limón escorregaba, a presión que exercían non era suficiente, a vibración facíalles dubidar e sacaban a man…
Pero despois de varios intentos, todo estaba controlado.
Engadimos os iogures, o leite condensado, batemos e…¡A merendar!

viernes, 25 de noviembre de 2011

CONTRA A VIOLENCIA

Hoxe, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, deixámoslle ás familias o conto para adultos, “La cenicienta que no quería comer perdices”. En palabras das súas autoras, un conto “dedicado a todas las mujeres valientes que quieren cambiar su vida y la todas aquellas que la perdieron y nos iluminan desde el Cielo”.

jueves, 24 de noviembre de 2011

REIS E RAÍÑAS...

Fai unhas semanas, coa viaxe de Félix por Londres, coñecemos á raíña Isabel II. Onte, o que descubrimos moitos de nós, foi que en España tamén temos un rei. Vímolo no xornal, levaba unha “tirita” no nariz que, como dixo Ángela, parecía o “X” de Anxo. Hoxe escribimos o seu nome, o da raíña e fixemos de pintores das Súas Maxestades.

miércoles, 23 de noviembre de 2011

RELAXACIÓN NA AULA


Onte, cando ollabamos o Faro de Vigo, vimos como lle daban masaxes a bebés para relaxalos. A profe Ana díxonos que, con pelotas, como aparecía na foto do xornal, eran sinxelos de realizar e moi agradables. Ensinounos como facelo e, nun plis plas, buscamos voluntarios e improvisamos unha clase de relaxación como a que viña publicada na prensa. Se vos atrevedes e tedes un balón pola casa, pedídelle aos cativos que vos dean unha masaxe.

martes, 22 de noviembre de 2011

CHOVE, CHOVE E CHOVE

Outro día máis de choiva e o noso patio de recreo cada vez máis enchoupado. Hoxe vimos no xornal que mañá e pasado vai facer sol, a ver se hai sorte. Mentres tanto, a conformarnos con lembrar os últimos días cálidos de outono cando xogabamos a sombra do carballo a
Pase misí, pase misá,
pola Porta de Alcalá
o de diante corre moito
e o de atrás quedará.

lunes, 21 de noviembre de 2011

VERDE, VERDE, VERDE…

Cando comezamos o curso, a moitos dos cativos de 3 anos aínda se lle resistían os nomes das cores. Co conto de “Crocodilo” de Antonio Rubio e Óscar Villán, ademais de aprendelos, mirade que divertida presentación preparamos cos traballos realizados durante estas semanas polos nenos de catro anos. Probade a que sexan os vosos fillos quen volo conten, veredes que ben o pasades.

sábado, 19 de noviembre de 2011

ESTAMOS A DIETA…

Mencía está de convalecencia, operárona de vexetacións e ten que seguir unha dieta branda durante un par de semanas. Durante unha tempada o noso obradoiro de cociña será a base de triturados porque pronto intervirán tamén a Rubén, así que se aceptan suxestións. Como non sabíamos que cociñar optamos por facer batido de chocolate con iogur e xeado deste sabor.   Non nos saíu moi rico pero o xeado de vainilla que nos sobrou estaba boísimo.

viernes, 18 de noviembre de 2011

SEI AMASAR…

Sei amasar,
sei peneirar,
sei dar a volta
por riba do mar...
¡Canto traballiño custou que nos saíra este xogo popular!. Virábamos para onde non era, caiamos, enredabamonos…Parece doado pero non o é. Primeiro o noso compañeiro de xogo ten que ser da nosa mesma altura e poucos o son, temos que virar os dous para o mesmo sitio e cada un faino para onde lle peta, hai que dar unha vota completa e hai quen da media e quen da dúas… pero agora, tras varias semanas practicando, xa empezamos a ser uns espertos xogadores...

 Se vos apetece lembrar outros xogos tradicionais, picade neste enlace e atoparedes unha recompilación da EEI de Milladoiro.

jueves, 17 de noviembre de 2011

¡CANTOS ACCIDENTES!

 Case todos os días ven no xornal algunha noticia relacionada cos accidentes de tráfico. Ultimamente varias delas causadas por animais. Na que limos  a semana pasada, un dos ocupantes do coche sufriu feridas nas costelas. As “costilletas”, como as nomeaba ao principio unha meniña,  non sabíamos onde estaban, pero co esqueleto da escola foron doadas de localizar. Tampouco sabíamos que era un corzo pero neste enlace observamos, machos, femias e crías.

miércoles, 16 de noviembre de 2011

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

Como somos pequeniños, a nosa técnica artística aínda a estamos a perfeccionar, pero non por iso deixamos de participar no concurso de postais de Nadal que anualmente convoca o Concello de Ribadumia. Aquí vos deixamos unha pequena mostra das nosas creacións a ver que vos parecen.

martes, 15 de noviembre de 2011

A TODAS AS FAMILIAS…

Seguro que xa vístedes na galería de imaxes da web do cole as fotos da festa do Samaín, para os que non o fixeran picade aquí e accederedes directamente a elas. O que aínda ningún fixo foi darnos as receitas deses doces ricos, ricos, ricos que trouxéchedes á festa… Na aula de Leiro queremos probar a facelos no obradoiro de cociña dos venres ¿quen se anima a dánola nun comentario no blogue?...

lunes, 14 de noviembre de 2011

BROCOLI

Si, xa sabemos que as verduras non son o alimento preferido dos cativos e, tal vez menos, os brócolis, pero cando son eles mesmos os que os plantan e os coidan, todo é diferente. ¿E se probamos a cociñalas cun pouquiño de imaxinación cos nosos fillos axudando?... seguro que non se resisten a probar un anaquiño. Para animarvos déixovos o enlace coas fotos dos cativos plantando os brócolis na nosa horta escolar.

sábado, 12 de noviembre de 2011

SEMANA DA BUXAINA NA ESCOLA

O luns hai que lembrarse de traer decorada a buxaina que levamos o venres para casa. Pero sobre todo, non vos podedes esquecer de xogar moito en familia con ela esta fin de semana. Para o peón en formato papel, podedes empregar calquera cousa que teñades na casa: teas, botóns, lá, adhesivos, pastas, caramelos... será divertido crear un mural con todos. Para os que busquen inspiración aquí vos deixo unha páxina cunha pequena mostra de buxainas de diferentes países. Na columna da esquerda deste enlace http://www.baldufa.com/portalinicio.htm, tamén tedes unha interesante recompilación se picades en “países y peonzas”.Como nota curiosa sinalar este “trompo alimenticio” para promover hábitos nutritivos saudables. Picade na imaxe se queredes máis información.