Contos e películas de
Nadal, obradoiros de postais e adornos para a árbore, xogos cos bolos e os
zancos, merendola con doces típicos destas datas e outras exquisiteces preparadas
polas familias, exhibición de karate, actuación de cada escoliña, e para
rematar, visita do Apalpador para recoller as nosas cartas. Graciñas a todos
pola vosa colaboración, que pasedes un Bo Nadal e teñades un marabilloso 2014. Vémonos
en xaneiro.
viernes, 20 de diciembre de 2013
jueves, 19 de diciembre de 2013
REMATAMOS O TRIMESTRE…
Chegou
o momento de levar para casa os traballiños que estivemos a realizar dende
principios de curso para ensinarllos á familia. Hoxe preparamos as carpetas
pero o que fixemos ao redor do proxecto de Xapón quedará na aula para continuar
á volta das vacacións, esperamos seguir aprendendo e descubrindo cousas deste
impresionante país durante o segundo trimestre.
miércoles, 18 de diciembre de 2013
PREPARANDO A FESTA DE NADAL
As bolas de Nadal
decoradas coa axuda das familias dos xeitos máis divertidos xa están comezando
a adornar a árbore de Nadal da escola. Os que non a fixeron aínda están a tempo, lembrade que
podedes empregar calquera cousa que teñades na casa: teas, botóns, lá,
adhesivos, pastas, caramelos... Se queredes coller ideas, na seguinte
presentación podedes ver as dos vosos compañeiros.
martes, 17 de diciembre de 2013
POSTAIS DE NADAL
Un ano máis, o Concello de Ribadumia convocou o concurso
escolar de Postais de Nadal destinado ao alumnado dos centros de infantil,
primaria e secundaria da localidade. Na nosa aula levamos un par de semanas a
voltas con el e hoxe por fin rematamos os nosos traballiños. Temos que
agradecer a mestra Ana a súa axuda para conseguir que todos puideramos
participar como verdadeiros artistas. Na seguinte presentación vos deixamos o
resultado, esperamos que vos gusten tanto coma a nós.
lunes, 16 de diciembre de 2013
CARTAS PARA O APALPADOR
Todos os anos na
noite de Nadal, o Apalpador
baixa das montañas do Courel para achegarse aos nenos mentres están durmidos. Coidadosamente, apálpalles a barriguiña para ver se están ben mantidos. Logo de
desexarlles que no vindeiro ano non pasen fame, marcha deixándolles unha morea de
castañas ben quentiñas e xoguetiños de madeira feitos por el mesmo. Dende vai
varios anos, sempre ven ao noso centro na festa de Nadal para recoller as
cartiñas que na aula facemos para pedirlle un xoguetiño de madeira para á
escola. Cada neno fai a súa petición pero xa sabemos que el elixe un e nolo
deixa en cada aula para compartir. Hoxe na nosa visita semanal á biblioteca, limos
o conto “Antón e o Apalpador”
co que lembramos esta fermosa tradición e aproveitamos para facer as cartas coas
nosas peticións: trens, dinosauros, princesas, camións… A ver que nos atopamos
á volta das vacacións.
sábado, 14 de diciembre de 2013
jueves, 12 de diciembre de 2013
BUSCANDO UNHA ESTRELA
Esta é a panxoliña
que estamos a preparar para a festa de Nadal deste ano. Xa eliximos se queremos
facer de pitiños, gatiños ou peixiños. Agora andamos a facer os traxes, ensaiar
o baile, aprender a canción … Non todo nos está a saír o ben que nos gustaría… Pero
estas actividades axúdanos a adquirir destrezas no recortado, na coordinación
de movementos, no sentido do ritmo e, sobre todo, a aprender a traballar en equipo.
Se queredes escoitar a panxoliña e practicar na casa, podedes escoitala
clicando no seguinte audio:
miércoles, 11 de diciembre de 2013
MONTE FUJI
Hoxe, 11 de decembro,
conmemorase o día internacional das montañas. Na aula aproveitamos para coñecer a cima máis
alta de Xapón, o Monte Fuji.
Aínda que máis que a súa altura, impresionounos saber que é un volcán activo. O
Monte Fuji é moi querido por todos os xaponeses e existe a vella crenza de que se
debe subir a súa cima
polo menos unha vez na vida.
martes, 10 de diciembre de 2013
CONTÍN CONTÓN
Este
é o título do contiño de Antón Cortizas que limos o luns na biblioteca. Non nos dera tempo de facelo cando vimos os que temos deste autor publicados
por Edicións Embora. O animal protagonista, esquece a súa identidade e terá que
preguntar aos animais do bosque. A través das repeticións que tanto gustan aos
cativos chegamos ao desenlace do conto. ¿Lembrades quen é o animaliño que non é
nin piña nin piñón, nin lobo nin lobón… ?
lunes, 9 de diciembre de 2013
ENREDAMOS
Este é o nome dun blogue
onde tamén poderedes atopar xogos de botar sortes para seguir enriquecendo o
noso caderno viaxeiro. Cada semana van chegando novidades e xa son varias as “cantinelas”
que sabemos. Soamente lle queda catro casas por visitar, ao mellor témolo rematado
antes de dar as vacacións de Nadal.
jueves, 5 de diciembre de 2013
PROFE… ¿PODEMOS XOGAR CO BELÉN?
Dende que o martes
comezamos a montalo na aula, esta é a frase máis escoitada ao longo da mañá.
Gústanos xogar coas ovelliñas do pastor, prender a luz do candil, deitar o Meniño,
colocar o boi no cortello… ¡ata queremos
levar o dinosauro de Gabriel ao Portal!... O Nadal está chegando á escola e son
múltiples as actividades previstas: montar a árbore, escribir as cartas ao
Apalpador, preparar a festa, aprender panxoliñas… esperamos ser capaces de ter
todo listo a tempo, xa vos contaremos.
miércoles, 4 de diciembre de 2013
O MEU MARABILLOSO SOMBREIRO
Este é o título do precioso
conto disco en edición bilingüe galego- xaponés que estivemos traballando esta semana.
Tróuxonolo a mestra de CURTURGAL,
onde foi a presentación
das cantigas nas súas versións galego e xaponesa recollidas no CD que acompaña ao
libro.
O neno protagonista constrúe un sombreiro de papel e busca a quen llo
regalar. En cada páxina atopase cun animal que rexeita o agasallo pero antes de
pasar a folla poderemos escoitar a súa canción correspondente: O señor formiga de compras, O can policía, Voa voa voa… así ata un total de seis cantigas
populares en Xapón. Por agora soamente vimos as versións en galego, para
a semana a ver se nos atrevemos co xaponés, xa vos contaremos. Despois de
traballar ao redor do conto, imitamos ao protagonista da historia, e nós tamén fixemos
o noso marabilloso sombreiro de papel.
martes, 3 de diciembre de 2013
APADRIÑAMENTO LECTOR
Unha das múltiples posibilidades
que ofrece ter idades mesturadas na mesma aula é poder ler a un compañeiro máis
pequeno. Ver como espontaneamente “un maior” esforzase en agasallar a outro cativo cunha lectura
do seu agrado é algo que esperta unha tenrura infinita. Converterse durante uns
minutos en madriña ou padriño lector crea uns vínculos afectivos fermosísimos.
lunes, 2 de diciembre de 2013
CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE ROUPA USADA
Na actualidade son
moitas as familias necesitadas e que
carecen de recursos para poder vestir aos seus fillos adecuadamente. A Fundación GLORR e a ONG Global Humanitaria organiza no
noso centro unha campaña de recollida de roupa usada e calzado. Todas esas
prendas que xa non usamos poden converterse nunha axuda para os nenos máis
desfavorecidos do noso país. Na escola dispoñemos de bolsas para todos os
alumnos que poidan colaborar. A organización pasará polo colexio a recoller as doazóns
o vindeiro día 17 de decembro.
domingo, 1 de diciembre de 2013
viernes, 29 de noviembre de 2013
CONCURSO DOS BOLECHAS
A mediados de mes, Os bolechas e Novagalicia Banco puxeron en marcha o concurso escolar “Debuxa o teu cole”. O día
que comezou a convocatoria a mamá de Rita avisounos, limos as bases e afirmaban
que soamente por inscribirnos recibiremos como regalo un lote de cadernos de
actividades de Os Bolechas. Non dubidamos en anotarnos e durante estes días cada
cativo realizou o seu debuxo, a ver que vos parecen … seguro que atopades o
voso...
miércoles, 27 de noviembre de 2013
DICCIONARIO DA CONVIVENCIA
O
curso pasado, o noso centro, participou na proposta educativa “Convivimos” da Fundación Meniños coa que se pretende fomentar a convivencia baseada no respecto á
diversidade. Tratábase de elaborar entre todos os colexios participantes o “Dicionario da convivencia”. Nel recóllense palabras
que axudan á construción de valores e as actividades realizadas ao redor delas.
A nosa aula escolleu a palabra bicos e hoxe
levamos para casa un caderno dos Bolechas que nos deron como agasallo por
participar na proposta. Tamén recibimos algúns exemplares do “Dicionario” editado, onde
vimos as fotos dos traballos que fixeron os nenos doutras escolas pero, como
non hai para todos, quedaron nas bibliotecas das aulas.
martes, 26 de noviembre de 2013
EDICIÓNS EMBORA E ANTÓN CORTIZAS
Na biblioteca escolar
continuamos co noso traballo ao redor do escritor Antón Cortizas. Onte, a
nosa visita semanal, dedicámola a ver os contos que este autor ten publicado
con Edicións Embora e a localizar
onde están situados. Na escola temos tres. Como non nos daba tempo de lelos todos, botamos a sortes por cal comezabamos
empregando a cantinela que Pablo trouxo ese día no caderno viaxeiro. Tocoulle primeiro
a “Vestida co arco da vella”
e despois a “Sopra neste furadiño”, este último foi o que máis nos gustou, iso de poder soprar en
cada páxina ten algo de máxico. “Contín,contón” queda pendente para a nosa seguinte visita á biblioteca, xa vos
contaremos.
lunes, 25 de noviembre de 2013
¿QUEN PANDA?
Fai un par de semanas
que o caderno de xogos para botar sortes empezou a viaxar polos fogares dos cativos. Son
varios os recitados para rifar que aprendemos coa axuda das familias e xa
estamos familiarizados coa dinámica a seguir neste tipo de xogos.
Nos vindeiros
días o noso caderno viaxeiro continuará a súa andaina e, na escola, seguiremos
traballando ao redor das cantinelas recompiladas nas casas. Nesta entrada
iremos engadindo todas as que vaian chegando.
sábado, 23 de noviembre de 2013
jueves, 21 de noviembre de 2013
TIFÓN EN FILIPINAS
O martes foi
Gabriel quen trouxo o xornal coa noticia que eliximos para traballar esta semana. Contounos que o meniño
que aparecía na fotografía da portada pedía axuda. Comentamos en grupo o que
sucedera en Filipinas, buscamos na biblioteca libros que explicaran que é un
tifón, un furacán, un tsunami e cales son
as súas consecuencias. Limos de novo a noticia, fixemos un listado coas necesidades
máis urxentes e vimos que se pode facer para axudar. Como non sabíamos onde
estaba Filipinas buscamos no mapa, localizamos Xapón e, un pouquiño máis abaixo,
os maiores atoparon o grupo de illas que a forman.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)