sábado, 29 de octubre de 2016

SAMAÍN 2016

¡Que susto levamos ao chegar e ver un enorme Frankenstein na nosa aula! Pronto descubrimos que se trataba do mestre Alejandro e comezamos cos xogos.
Despois decoramos cartuchos para meter as castañas do noso Magosto e poder levalas para casa. Mentres, no Local social estaban preparándose o mariñeiro Luís e os seus amigos para falarnos das propiedades dos peixes. Trouxeron gorras para todos, unha chega de pegatinas e outras cousiñas que vos entregaremos a vindeira semana. 
Case sen darnos conta chegou a hora de ver a exposición de cabazas e gozar da rica merendola preparada por las familias. Coas forzas recuperadas enfrontámonos co bebedizo da mestra Montse que disfrazada de bruxa fíxonos rir e tremer de medo. 
Cos seus feitizos acabamos todos convertidos en momias e bailando “La momia de colores” baixo as indicación da mestra Olalla. E para rematar, a Banda Municipal de Ribadumia deleitounos coa súa musica. Graciñas a todos os que fixeron posible a festa e en especial aos que asaron as castañas.

jueves, 27 de octubre de 2016

PREPARANDONOS PARA O SAMAÍN 2016

O primeiro facerlle chegar un bico moi grande a María, á súa mamá Helena e, especialmente, á avoíña por, a pesar dos anos transcorridos, seguir lembrándose de nós e traendo eses calacús xigantes cos que tanto gozamos baleirando e decorando. Este curso a nosa cabaza enchémola de colores para  lembrar que mañá temos que vir vestidos dese xeito para a actuación coa mestra Olalla. Non vos esquezades das castañas para O Magosto nin dos cabazos para a exposición.

martes, 25 de octubre de 2016

XOGOS DE MESA

A través dos xogos de mesa son moitas as habilidades matemáticas que adquiren os meniños dun xeito lúdico e divertido. O mércores pasado iniciamos a nosa sesión semanal dedicada a estes enredos xogando á Oca e lembrando cos maiores “O cinquillo”. Trátase dun xogo de cartas no que os naipes repártense entre todos os xogadores, comezando polo cinco imos colocando as cartas en sentido ascendente e descendente e gaña o primeiro que se desencarte. Probade a xogar na casa, ademais de pasar un agradable rato, os pequenos acabaran dominando a serie numérica ata o 12.

lunes, 24 de octubre de 2016

O OGRO

No noso obradoiro de cociña continuamos elaborando e merendando aos malvados dos contos. O venres pasado tocoulle quenda ao “O ogro” do libro “Chibos, chibóns”. Ademais de divertirnos cociñando, a receita serviunos para coñecer e degustar o froito co que fixemos os ollos: as framboesas. Pero á hora de escribir a receita quedounos atrás un ingrediente … ¿Lembrades cal?... ¿Quen se anima a enviarnos un comentario coa resposta?

viernes, 21 de octubre de 2016

OS MALOS NA HORA DE XOGAR

Este curso a nosa sesión semanal dedicada aos xogos tradicionais realizámola os mércores. Os nosos primeiros enredos do ano académico tiveron como protagonistas as abelás con “Rabo de boi” e “Guante, guante”. Agora andamos a voltas cos malos. Baseámonos na canción de Rosa León “Jugando al escondite” e substituímos o lobo polo  personaxe malvado favorito de cada neno. Graciñas a xardineira do concello temos a herba moi cortadiña e da gusto xogar fóra nestes cálidos e solleiros días de outono. 

miércoles, 19 de octubre de 2016

O SABOR DA AVENTURA ESTÁ NO MAR

Para facilitar o coñecemento e consumo dos produtos do mar, o curso pasado desenvolvemos no noso centro o programa: “O sabor da aventura está no mar”. Nesta campaña están incluídas a realización de excusións para que os alumnos poidan coñecer o traballo dos profesionais do mar a través dos diferentes recursos patrimoniais existentes nas localidades litorais, no noso caso: O Grove, onde fomos o luns. 
Comezamos a nosa saída percorrendo Porto de Meloxo, vimos os barcos bateeiros e o labor que realizan, as nasas, as redes e ata un polbo vivo que acababa de ser capturado. Despois fomos ao Centro de  Interpretación da Pesca e da Salga, un curioso e bonito museo que sen lugar a dúbidas recomendamos visitar detidamente en familia. Cunha mañá tan intensa entrounos a fame pero xa os nosos amigos “Os Arroaces” tiñan preparada unha rica merendola mariñeira. Coas forzas recuperadas puxemos rumbo ao Acuario de O Grove  e rematamos a xornada observando e coñecendo curiosidades de peixes, moluscos, crustáceos …  

domingo, 16 de octubre de 2016

ANDANDO, ANDANDO, ANDANDO SEN PARAR…

Baseándonos na idea que promoven “As Escolas da Milla” de fomentar a actividade física animando aos nenos a percorrer unha milla diaria xunto aos seus compañeiros de clase, adaptámola á idade dos nosos alumnos e ao noso contorno e aceptamos o reto que propoñen. Cada día, antes de saír ao patio de recreo, imos camiñar ao redor do colexio e prepararnos fisicamente por se chegamos a facer  O Camiño de Santiago a pé xunto á nosa mascota Zapatocas. Ademais de divertirnos mirade neste enlace cantos beneficios reporta.

jueves, 13 de octubre de 2016

MALVADOS E MALVADAS


O Ogro, O Lobo, O Zampón, A bruxa, A cabra, Os cazadores, “El capitán Garfio”… cada día aumenta o número de malos e malas que imos coñecendo. Xa limos todos os contos que tíñamos na nosa bolsa de lectura e volvemos a enchela con máis que collemos da biblioteca escolar. Ademais de ler as historias, estamos vendo as películas, escoitando cancións, traballamos cos nomes dos personaxes e, a partir deste venres, serán os protagonistas do noso obradoiro de cociña. A continuación vos deixamos un conto musicado de tres malos e unha avoíña que nos encanta. 

martes, 11 de octubre de 2016

A VOLTAS COAS ABELÁS

Como podedes comprobar as protagonistas da semana pasada foron as abelás. Ademais de ver a árbore que a produce, cociñalas e xogar con elas, empregámolas para contar e sumar.

jueves, 6 de octubre de 2016

XOGANDO COAS ABELÁS


Como xa vos contamos en entradas anteriores, coa mestra Ana estivemos recollendo a colleita de abelás da horta da escola. Mañá imos facer unha rica receita con elas pero antes de comelas estamos a empregalas para xogar a “Rabo de boi”. O enredo é moi sinxelo, trátase de agochar nunha das mans o froito seco mentres se di o recitado. Ao rematar hai que adiviñar en que man está. Probade na casa veredes como lle gusta aos meniños.

miércoles, 5 de octubre de 2016

ZAPATOCAS E O CAMIÑO DE SANTIAGO


Á mascota da nosa biblioteca, ademais de ler, gústalle moito viaxar e aprender dos lugares que visita. Este curso quere emprender unha nova aventura facendo O Camiño de Santiago a pé. Contóunolo onte nunha carta na que nos pedía axuda para buscar información e preparar todo o necesario. 
Así que xa sabedes, se na casa tedes materiais relacionado con “O Camiño de Santiago” podedes traelos á escola para crear un novo recuncho e aprender todos xuntos.

martes, 4 de octubre de 2016

¡NÓS TAMÉN VOTAMOS!

TOROS
PRINCESAS
En determinados momentos da xornada, para traballar cun número reducido de alumnos que permitan un ensino máis individualizado, dividimos a clase en dous pequenos grupos. Cada ano, os seus membros cambian para adaptalos á nova realidade do aula. Co cambio chega o momento de que entre todos os compoñentes de cada grupo elixan como queren denominarse. Cada alumno propón un nome, facemos un listado e despois procedemos á votación. As pospostas foron variadas: fadas, pirañas, ovellas, princesas, toros, leóns …  Tras o reconto gañaron por maioría absoluta TOROS e PRINCESAS.

lunes, 3 de octubre de 2016

A BANDA MUNICIPAL DE RIBADUMIA


O venres tivemos unha visita moi especial: A Banda Municipal de Ribadumia. Viñeron a ensinarnos os seus instrumentos e a deleitarnos coas súas cancións. Bailamos, cantamos, rimos e sobre todo divertímonos ao son da música. Graciñas aos seus compoñentes por este bonito agasallo. Se queredes saber máis sobre eles podedes visitar a súa web pinchando aquí.