viernes, 30 de noviembre de 2012

MAMÁ CABRA EN CULTURGAL

Non vos esquezades, se esa fin de semana ides a Pontevedra, achegádevos a CULTURGAL no Pazo da Cultura, a entrada é gratuíta. Alí atoparedes as novidades editoriais, o último en música, actuacións en directo … O sábado ás 20:00 miniconcerto do grupo “Mamá Cabra” co seu novo traballo “Bicos de música”. Tedes o programa de actividades no blogue do colexio e máis información en http://www.culturgal.com/index.php

jueves, 29 de noviembre de 2012

PIRÁMIDES

A semana pasada no libro “Pirámides” que temos na biblioteca, vimos como se construíron estas marabillas, como se foron deteriorando co paso do tempo e como son na actualidade. O martes, no enlace http://www.airpano.ru/files/Egypt-Cairo-Pyramids/1-2  fixemos unha viaxe imaxinaria en helicóptero ao redor delas e, hoxe, decidimos confeccionalas  en papel. Gustaríanos facer unha pequena maqueta con elas xunto ao río Nilo, o deserto, os camelos… pero non nos queda sitio na aula onde colocala. A ver se mañá temos algunha idea e ensinámosvos  o resultado. Mentres, os que esta fin de semana se animen a mergullarse no mundo da repostería, na imaxe teñen unha orixinal pirámide de biscoito que vimos en http://laclasederocioramirez.blogspot.com.es/2012/03/un-desierto-muy-dulce.html

miércoles, 28 de noviembre de 2012

POÑÉNDONOS AO DÍA COAS NOTICIAS

Despois de case dous meses sen apenas ler os xornais, son moitos os aspectos que temos que traballar para poñernos ao día coa actualidade. A operación do Rei serviunos para coñecer onde está situada a cadeira no noso corpo, ver o esqueleto humano e coñecer algunhas expresións médicas como: “dar o alta”. Graciñas á mamá de María, volvemos a ter “La Voz de Galicia” todos os días, e aínda que son exemplares atrasados, sérvenos  para descubrir a importancia da data no xornal, manternos informados do que pasa ao noso arredor e, sobre todo, podela ollar ao noso aire na biblioteca ou mentres que chegan os nosos compañeiros. Coa prensa dixital descubrimos que hai moitos xornais no mundo. Incluso atopamos a prensa de Exipto, pero aínda que preguntamos a todas as mestras do centro, non puidemos lela porque está en árabe.
A mestra Marta, que sabía un pouquiño, explicounos que é unha lingua moi difícil e nós decidimos seguir investigando.


Os pequenos tamén comezamos a familiarizarnos cos nomes dos xornais e, aínda que nos costa moito, imos facendo cousiñas, xa vola ensinaremos cando estean rematadas porque temos que ir a modiño para non cansarnos.

martes, 27 de noviembre de 2012

TRUFAS DE FROITOS SECOS

A semana pasada Rubén e Carlos engadiron améndoas ao noso recuncho de froitos do outono. Descubrimos que, xunto coas castañas, as landras, as noces e as abelás, son froitos secos. E como nos gusta moito iso de cociñar, decidimos aproveitalas para elaborar trufas. Desta volta, na nota que levamos o martes para traer os ingredientes que nos facían falta, engadimos un utensilio: o rodillo. ¡Como nos gusta!. Estendelo por riba das galletas para esmagalas e convertelas en fariña, é do máis divertido. Os maiores cunha autonomía total, os pequenos, ao principio sen controlar a presión pero, cun chisquiño de axuda da mestra, prepararon en seguida as súas galletas para facer a masa. Despois viña o máis complicado, sacar a casca aos froitos secos. As noces non teñen problema pero as abelás… como din os cativos: ¡escapan!... Son pequerrechiñas, redondas e difíciles de romper. Pero poden agocharse na man con facilidade para xogar a “Rabo de boi, rabo de besta”. As améndoas son máis brandiñas pero ás veces tamén se nos resisten. Tras engadir o leite condensado e mesturar todo, viña de novo o máis divertido, facer boliñas coa masa e rebozalas en fideos de chocolate.
 ¡Que ricas!. Ao final soamente se escoitaba: ¡”profe” quero máis!.




domingo, 25 de noviembre de 2012

"EL MONSTRUO"

Porque hai monstros que son reais, hoxe, día internacional contra a violencia de xénero, recomendamos o conto “El monstruo” de  Daniel Martín. Dende estas páxinas desexamos que as familias que teñan "un monstruo" na súa casa, consigan botalo fóra coa axuda de todos. No seguinte vídeo que atopamos en http://aldeatotal.blogspot.com.es/2012/11/el-monstruo.html podedes ver unha adaptación deste fermoso conto elaborado polo alumnado de Secundaria do Ceip Virgen de Luna

sábado, 24 de noviembre de 2012

A PRENSA DIXITAL

O curso pasado recibíamos diariamente “La Voz de Galicia” e o “Faro de Vigo”. Cando chegabamos á escola atopabamos o xornal na porta. Facíanos ilusión chegar o primeiro para collelo e ollalo na colchoneta mentres viñan o resto dos compañeiros. Co transcurso dos meses, aínda que non sabíamos ler, fomos aprendendo a localizar as diferentes seccións: o tempo, os deportes, os pasatempos, cultura … E aquelas noticias que, polas fotos, espertaban o noso interese, pediámoslle a mestra que nolas lera. Cando xa chegaban todos, sentados ao redor do xornal, comentabamos as novas publicadas e, ás veces, eran detonante de novos proxectos de investigación na aula.
Este ano, xa non recibimos xornais, botámolo moito en falta. Era unha rutina diaria que nos gustaba e axudábanos a saber o que pasaba no mundo e coa axuda da mestra intentabamos comprendelo. Dende a semana pasada decidimos que non queríamos seguir sen ler o xornal na escola, como agora xa non nos chega o periódico, optamos por pasarnos á prensa dixital. Preferimos o xornal impreso porque non necesitamos que a mestra nos conecte o ordenador pero, mentres non atopemos patrocinador, dedicaremos os martes á prensa dixital.

viernes, 23 de noviembre de 2012

GLORIA E AS ADIVIÑAS

Na nosa biblioteca de aula temos un libro novo de Gloria Fuertes que nos encanta: “Diviertete con Gloria Fuertes”. Ten ilustracións grandes, versos para debuxar, para xogar… e un poema que ultimamente nos gusta moito: La araña de España”. Especialmente  cando recitamos ¡TACATÁ, TACATÁ! a ritmo de palmas con toque flamenco. Probade na casa cos cativos, seguro que vos divertides.
Pero Gloria ademais de contos e poemas, tamén escribía adiviñas. Esta semana traballamos unha moi relacionada co proxecto que estamos a desenvolver ao redor de Exipto, a ver se a acertades.




jueves, 22 de noviembre de 2012

LISTAS PARA LEVAR…

Despois de varias semanas de espera, fai uns días que as sementes das cabazas que baleiramos para o Samaín por fin secaron e puidemos seguir traballando con elas. O primeiro que fixemos foi preparar uns sobres para poder levalas para casa. Era moi importante que lle puxeramos o nome e o que contiñan para evitar equivocacións. Os maiores en letra ligada, os medianos en maiúscula e, os máis pequenos, con letras móbiles porque ata fai pouco aínda tiñamos moitas dificultades para controlar o trazo. Outro día dedicámolo a contar. Cada un de nós debía levar dez e para iso hai que saber a “cantinela” sen confundirse: 1, 2, 3, 4, 5, 6 ... O paso seguinte era ter claro cando e como sementar. Buscamos  información na biblioteca. No libro “De la maceta a la cazuela” atopamos o que necesitabamos. Coa axuda da mestra limos o proceso, seguimos a orde dos números e fixemos fotocopias para todos. Hoxe por fin rematamos todo o traballo e levamos para casa as sementes, a maceta e a información necesaria para unha correcta plantación. Xa nos contaredes en primavera que tal medran. Esperamos que para o vindeiro Samaín tiñamos todos uns calacús tan grandes como os da avoíña de María, dende aquí mandámoslle un biquiño moi especial por compartir connosco as súas cabazas.

miércoles, 21 de noviembre de 2012

MOMIAS...

Fai semanas que sabemos que as momias existen, pero non tiñamos moi claro que características das que lle asignabamos eran reais e cales pertencían ao mundo da fantasía. Para axudar aos cativos nesta complicada tarefa, nas últimas semanas estivemos traballando ao redor delas. Buscamos nos libros da biblioteca e vimos o proceso de momificación. Iso axudounos a descubrir que dentro do corpo temos moitos órganos e que cada un ten unha función. Xa sabemos que as momias non poden moverse porque están “mortas”, pero tamén aprendemos a clasificar os libros. Hainos que serven para buscar información pero outros o que ofrecen é diversión porque son contos. E falando de diversión, unha das cousas que máis nos gusta das momias é a canción da “Momia de colores” que nos ensinou o mestre de música Felipe.

martes, 20 de noviembre de 2012

BATIDO DE PLÁTANO


Despois de dous meses  cociñando todos os venres, comezamos a ter algo de soltura. Xa non nos leva tanto tempo lavar as mans, limpar as mesas, buscar con relativo orde os ingredientes na mochila, preparar os utensilios … Agora xa incluso podemos facer con calma a rutina, marcar o calendario, traballar a receita previamente,  aínda que sempre hai quen xunta sen rematar a dunha semana coa da seguinte … pero a mestra Ana bótanos unha man, e paseniño, intentamos que todos vaian collendo o ritmo coa escritura, cada un no seu nivel. O máis enriquecedor de ter na aula idades mesturadas, é observar como os maiores se esforzan por axudar aos máis pequenos con esa tapa de iogur que non se abre, ese azucre que se nega a saír do sobre ou esas mondas de plátano que non se queren romper… Cada quen intenta facer as cousas o mellor que pode na mediada das súas posibilidades, observade as fotos e descubrirédelo.




domingo, 18 de noviembre de 2012

TRADICION ORAL

Segundo o calendario das letras, a segunda quincena de novembro está dedicada á Tradición Oral; a eses contos, cancións, xogos, lendas, refráns… que se transmiten de pais a fillos de forma oral. Actualmente, entre a televisión, os ordenadores, as consolas... moitos destes momentos máxicos que acompañaron a nosa infancia e potenciaron as relacións cos membros maiores da familia estanse a perder. Dende a escola, ano tras ano, pretendemos recuperalos. O curso pasado a través do caderno viaxeiro “Tradición Oral” as familias axudáronnos a lembrar e aprender moitos deses xogos nos que é tan rica a lingua galega. Algúns deles quedaron recollidos no caderno da “Fundación Meniños” que o xoves levamos para casa. Trátase dunha mostra  dos traballos feitos polos nenos co gallo da proposta educativa “Facendo Familias” na que participou a nosa escola. Durante esta quincena, ademais de lembrar os xogos que aprendemos o curso pasado, imos mergullarnos no mundo das adiviñas, ¿preparados para participar?...

viernes, 16 de noviembre de 2012

DICIONARIO DE EXIPTO

Dende hai un par de semanas un novo caderno viaxeiro anda a visitar os fogares dos cativos da nosa aula. Trátase dun dicionario que imos construír entre todos de palabras relacionadas con Exipto. Aproveitando a viaxe de Félix a este país e co obxectivo de enriquecer o vocabulario dos nenos, cada familia, elixirá unha palabra e axudará ao seu fillo a escribila e ilustrala. Posteriormente lerémola e verémola na escola, aprenderemos todos o seu significado e traballaremos ao redor dela. Tamén poderán traer información ao respecto para que os pequenos conten aos seus compañeiros o que descubriron, crear un novo recuncho e aprender todos xuntos. A primeira en escoller foi Laura que se decantou por FARAÓN, despois tocoulle a Anxo que elixiu MOMIA, María PIRÁMIDE,  Ángela e Andrea CAYADO e MAYAL respectivamente… O luns saberemos cales son as novas incorporacións ao noso particular dicionario e nos vindeiros días iremos mostrando o que faremos con elas.