lunes, 31 de enero de 2022

BICOS DE PIZZA

 

Utilizando coma base de inspiración o contiño De que cor é un bico?, a fin de semana pasada propuxemos cociñar bicos de pizza. Noel elaborou unha espectacular. Mirade nas fotos que nos enviou que ben lle quedou. Moitas grazas Noel por compartir as imaxes connosco!

Para os que se animen a seguir cociñando ao redor da temática dos bicos, neste enlace tedes máis receitas.

viernes, 28 de enero de 2022

A VOLTA AO MUNDO EN 80 DÍAS

Este curso no centro, baseándonos na novela de Julio Verne “A volta ao mundo en 80 Días”, imos coñecer algúns países e diversos medios de transportes. Preparados para comezar a aventura?

miércoles, 26 de enero de 2022

DE QUE COR É UN BICO?

Á protagonista do conto ao redor do que andamos a traballar na clase,  o que máis lle gusta é pintar. Pinta cousas de mil cores ... pero non pintou nunca un bico. De que cor será?

Nós decidimos simbolizalos con forma de corazón e cada alumno elixiu a cor coa que os vai representar. 


Despois imos repartir os bicos entre todos os nosos amigos. Queremos encher unha caixiña con eles, e telos gardadiños para cando fagan falta. Para cando teñamos medo, botemos en falta aos compañeiros, esteamos tristes … Sempre hai un bico para cada momento, e con eles, todo é máis doado.

Pero necesitamos que os cativos traian unha caixiña pequena para gardalos, serve calquera con tal de que sexa pequena: a dos queixiños en porcións, a dos zapatiños, a do teléfono móbil, a das galletas …

lunes, 24 de enero de 2022

ROCÍO BONILLA

 

Cada 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao,  conmemorase o Día da ilustración. Con esta efeméride a Consellería de Cultura pretende potenciar esta arte. Dende hai varios anos, na nosa escola unímonos a esta conmemoración traballando ao redor dun ilustrador ou ilustradora. Este curso ímolo dedicar a Rocío BonillaAntes de Nadal leramos “Os fantasmas non petan á porta” e encantáranos  os debuxos realizados por esta artista catalá. Agora andamos a recompilar todos os contos que dela temos na biblioteca e mercando algunhas novidades. Nos vindeiros días iremos léndoos e familiarizándonos co seu xeito de ilustrar.

PARA MERENDAR, UN PINGÜÍN

 

Para celebrar o Día do Pingüín tamén dende casa, o venres propuxemos elaborar unha divertida receita empregando un ovo duro como ingrediente principal.

domingo, 23 de enero de 2022

CALENDARIO COMPETENCIAL

 

O venres levamos para casa un calendario do 2022 especial. Cada día inclúe propostas de aprendizaxe como procuras de tesouros, cine en familia, lecturas,  actividades para realizar en inglés, música ou pautas de respiración para a mellora da fala.

Tamén podedes aproveitar este almanaque para que os meniños marquen o día como facemos na aula. Poden ir tachando os números que pasan e rodeando o actual, contar para intentar adiviñar o nome do díxito sinalado, o do mes e o do día da semana … 

Outra idea interesante é sinalar acontecementos especiais dos vindeiros meses: aniversarios, comezo da primavera, festas … Se vos apetece tamén podedes enviar fotos do sitio escollido para colocalo ou das actividades que realicedes en familia seguindo as súas suxestións.

viernes, 21 de enero de 2022

jueves, 20 de enero de 2022

FELIZ DÍA DOS PINGÜÍNS!

 

Para promover a protección e coidado dos pingüíns, cada 20 de xaneiro conmemórase o Dia da Concienciación por estes animaliños. Na aula tamén nos unimos  a esta celebración con diversas actividades.


 Comezamos lendo varios dos libros que temos deles e descubrimos algunhas das súas características. Despois fixemos o baile dos pingüíns e pintamos tubos de papel hixiénico para construír uns cos que xogar. 


Tamén comezamos a facer unha divertida receita con eles coma protagonistas, pero iso volo contaremos na seguinte entrada

martes, 11 de enero de 2022

AGASALLOS DO APALPADOR

 

Antes das vacación de Nadal, escribiramos cartas ao Apalpador pedíndolle cousiñas para compartir na aula. Onte cando chegamos non atopamos nada, pero buscando, buscando …  dimos con sorpresas para todos.