lunes, 25 de octubre de 2021

AS MOCHILAS VIAXEIRAS

 

Despois de máis dun ano sen poder facelo, hoxe comezan a funcionar de novo as mochilas viaxeiras. Con elas pretendemos dar a coñecer os diferentes tipos de libros que podedes atopar na nosa biblioteca escolar. Semanalmente irán rotando polos fogares dos alumnos da clase o día de visita á biblioteca. Cando unha mochila xa visite toda as casas, será cambiada por outra cun contido diferente.

E para vos que desexen saber máis de cómo fumo funciona a nosa biblioteca escolar, a continuación vos deixamos a guía de usuarios actualizada.


domingo, 24 de octubre de 2021

FELIZ DÍA DAS BIBLIOTECAS


Para concienciar da importancia do seu papel na sociedade, cada 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Dende a nosa escola tamén nos unimos a esta conmemoración editando a seguinte guía de lectura dedicada ás pantasmas. Todos estes libros están a vosa disposición na nosa biblioteca escolar.

CABAZAS E PANTASMAS

 

Xa que andamos a voltas cos calacús, non podíamos deixar de levalos ás nosas propostas culinarias da fin de semana. Como vedes na receita, dun xeito moi sinxelo podemos converter unha mandarina nunha saborosa cabaza e un plátano nun divertido pantasma.

miércoles, 20 de octubre de 2021

FELICIDADES AARÓN!!

Aínda que ata hoxe non puidemos publicar a foto, Aarón é un chico maior de tres anos dende o pasado día nove. Parabéns!!!

martes, 19 de octubre de 2021

AS ARAÑAS DE NOA E ANA

 

Xa nos chegaron ao correo as fotos das arañas elaboradas por Noa e Ana. Mirade que chuliñas lle quedaron. Grazas familia por compartir as imaxes connosco de todo o proceso.



AS CABAZAS DE YAYOI KUSAMA

O día da festa do Samaín realizaremos unha exposición de cabazas decoradas na que vos animamos a participar. Hoxe en clase estivemos vendo varios vídeos de como facer para baleiralas, aínda que tamén podemos adornalas sen necesidade de cortalas.

Inspirándonos na artista xaponesa Yayoi Kusama decidimos decorar unha empregando pegatinas de círculos de cores. A esta artista contemporánea encántanlle as cabazas e ten un xeito moi particular de representalas. Paseniño iremos coñecéndoa.

lunes, 18 de octubre de 2021

A FESTA DAS CABAZAS

Como Zapatocas sabe que o vindeiro 29 de outubro celebraremos a festa do Samaín na escola, preparounos un recuncho cheo de libros que teñen a cabaza coma protagonista. Estivemos véndoos todos, aínda que os que máis nos gustan son “Corre corre, cabaciña” e “Os Bolechas van á festa dos calacús”.

domingo, 17 de octubre de 2021

PARA MERENDAR… ARAÑAS!!

Como vos comentabamos na entrada anterior, esta fin de semana propoñemos cociñar arañas. Coma outras veces, optamos por unha receita sinxeliña pero no seguinte vídeo tedes como facer pizzas e ovos de arañas.

Pero se preferides os sabores doces, neste enlace accederedes a como facelas con galletas. E por último, para os amantes da froita e as receitas saudables, facendo clic aquí tedes unha saborosa araña de mandarina. Xa sabedes, que podedes mandarnos as vosas creacións a escoladeleiro@gmail.com

A HORA DE LER

 

Cada día, a volta do recreo, temos o momento máis máxico da xornada: a hora de ler. Sentados na colchoneta, ao redor dunha chea de contos que sacamos dunha bolsiña, o encargado do día escolle cal lemos. Con cada lectura ábrese un mundo de posibilidades e descubrimentos.

Nos últimos días as pantasmas son as protagonistas destes contiños. Con elas andamos a xogar e a expresar os nosos medos. No libriño Tasma el fantasma"  vimos que a pantasma lle tiña medo ás arañas e como a princesa lle axuda a ver o lado divertido. Nós tamén lle temos medo ás arañas e, para superalo, propoñemos levalas ás nosas elaboracións culinarias da fin de semana. Pero iso volo contaremos na seguinte entrada.

jueves, 14 de octubre de 2021

TESOUROS DE OUTONO

 

Follas de diferentes tamaños, formas e cores, landras, castañas,  paus ... con todos estes tesouros que cada día atopamos á hora do recreo, os meniños crean, inventan, experimentan, xogan e, sobre todo, deixan voar a súa imaxinación. O feito de que a nosa escola estea inmersa en plena natureza, permítenos aproveitar e gozar destes tesouros que o outono nos ofrece.


miércoles, 13 de octubre de 2021

A COCIÑEIRA NOA

 

Noa dedicou o día festivo de onte a realizar as propostas culinarias das últimas semanas. Na foto superior vemos a divertida pantasma que creou, e nas inferiores, o proceso de elaboración.


Mirade que chuliño lle quedou o ourizo.




E tamén a bolboreta




Está feita unha excelente cociñeira.

jueves, 7 de octubre de 2021

PANTASMAS CON PAN DE MOLDE

 

As pantasmas chegan ás nosas propostas culinarias da fin de semana. Coma outras veces, nós optamos por unha receita sinxeliña onde os meniños poden untar o queixo, darlle forma ao pan con axuda e colocar as olivas. Pero as posibilidades para pantasmas son múltiples. Neste enlace tedes como facer unha pizza pero se preferides os sabores doces, facendo clic aquí tedes galletas. E por último vos deixamos un vídeo de como facelos empregando plátanos coma base.

miércoles, 6 de octubre de 2021

VIVA A MUSICA!!

 

Dende finais de setembro, os mércores a nosa aula enchese de melodías. Da man da mestra Olalla os meniños aprenden a familiarizarse con diversos instrumentos, bailar, xogar cos sons e o silencio, cantar …  pero sobre todo… a gozar da música!. Para coñecer as actividades que se desenvolven ao longo do curso nas clases de música podedes visitar o seu blog http://musicacraderibadumia.blogspot.com/

AS BOLBORETAS DE NOEL

 

Xa temos as fotos da bolboreta de uvas elaborada por Noel. Fixo dúas versión, unha con laranxa e outra con limón. Mirade nas imaxes que bonitas lle quedaron. Parabéns Noel, estás feito un auténtico cociñeiro!



lunes, 4 de octubre de 2021

CONTOS DE PANTASMAS

 

Hoxe Zapatocas, a mascota da biblioteca escolar, tíñanos preparados contos novos de pantasmas. Estivemos ollando estas novidades e outros que xa tiñamos. Paseniño iremos léndoos todos e aprendendo cousiñas destes fantásticos persoeiros.

viernes, 1 de octubre de 2021

BOLBORETA DE UVAS

 

Chega a fin de semana e con ela a nosa proposta culinaria en familia. Continuamos coas uvas como ingrediente principal para elaborar unha nutritiva bolboreta. Na nosa receita optamos por empregar laranxa para as alas pero tamén podedes facela con anacos de sandía. As antenas serán de cenoria ou podedes optar por calquera outro alimento.

 A parte de cortar será feita por adultos pero os meniños poden espichar as uvas e montar a bolboreta. Neste enlace tedes unha versión do proceso de elaboración e no vídeo inferior outra, ao final del tamén tedes como facer unha sinxela e divertida eiruga. E por suposto, podedes deixar voar a imaxinación e crear as vosas propias receitas. E xa sabedes, se vos apetece compartir as vosas creacións envialas a escoladeleiro@gmail.com e publicarémolas neste blog.

O OURIZO DE UVAS DE ANA E NOA

 

Ana  e Noa tamén se animaron a cociñar entre as dúas o ourizo de uvas que propoñiamos a semana pasada. Mirade nas imaxes que nos enviaron que ben queda empregando uvas verdes para as púas e negras para os ollos. Grazas por compartir connosco as fotos da elaboración.