martes, 30 de octubre de 2012

MAÑÁ: ESTAMOS DE FESTA

Non vos esquezades, mañá celebramos a festa do Samaín e aínda estades a tempo de apañar na horta unha cabaza e decorala. Se non tedes, non vos preocupedes, hoxe na clase xa estivemos facendo probas cunha xigante que nos trouxo a mamá de María e outra mediana das de Martiño. Cando teñen o primeiro contacto coa polpa da cabaza, algúns nenos senten noxo  e non queren tocala,  pero cando xa conseguen ter as mans empezoñadas, pásano en grande coas sensación  que esta textura produce. É divertido ver como escorregan as sementes cando queremos collelas. Para que o vindeiro curso todos poidamos ter moitos calacús, estivemos a separar as pebidas para levalas para casa e sementalas. Pero primeiro temos que esperar a que sequen para que non se poñan podres.

lunes, 29 de octubre de 2012

ANIVERSARIO DE ANDREA, JOSE ANTONIO E PABLO

O pasado venres os catarros deixáronnos sen apoio no obradoiro de cociña, pero os maiores, que xa son especialistas nesto de facer tortas de chocolate,  fixéronse responsables do tema e axudaron sen problemas aos máis pequenos e inexpertos. Para evitar enredar tanto, tivemos que renunciar a usar a nosa louza e cambiala por utensilios de plástico rexeitables, pero polo demais, xa estamos adaptados a cociñar para un maior número de comensais.

jueves, 25 de octubre de 2012

XOGANDO CO MILLO

Pouco a pouco imos descubrindo que, con ganas e imaxinación, son moitas as posibilidades lúdicas que ten este humilde cereal. Co follato e as barbas da espiga, Martiño e a súa mamá, fixeron a simpática boneca da imaxe. Na escola, con carozos estivemos levantando a torre do poema de Antonio Machado. Hoxe, no libriño Xoguetes e sons da natureza que temos na biblioteca de aula, vimos como facer un colar con grans de millo e un bailarete cun anaco de carozo. Seguro que vós tamén tedes múltiples propostas, se nolas enviades poderemos publicalas para aprender e divertirnos todos.

martes, 23 de octubre de 2012

FROITOS DE OUTONO

Grazas á colaboración das familias, o noso recuncho vaise enchendo de: cabazas, castañas, landras, marmelos … Nos vindeiros días, paseniño, iremos observando, comparando e estudando todos os froitos. Esta semana ímola dedicar ao millo. Hoxe estivemos vendo cales era as partes da espiga e como se chamaban, como tiñamos que facer para esfollar e que hai utensilios que facilitan o traballo. Pero o que máis nos gustou foi debullar. Ao principio custounos darlle con xeito, os nosos dediños esvaraban e os grans non saían, pero despois non queríamos parar. No encerado dixital vimos que coas espigas poden facerse bonecas e xoguetes como os das imaxes. Seguro que os nosos avós saben desto unha chea e nos poden facer algunha para traer a clase e ensinar aos nosos amigos. Os nosos maiores tamén foron pequerrechiños e xogaban a crear os seus propios xoguetes, animádevos a ensinar aos máis pequenos toda esa riqueza do noso patrimonio e evitemos que se perda.

sábado, 20 de octubre de 2012

MONSTROSÁNDWICH

Un par de rebandas de pan de molde, unha de chourizo, outra de queixo, un anaquiño de xamón york, relado de cenoria, un tomate cherry e unha oliva. Isto é o que usamos o venres para crear un auténtico monstro que non dubidamos en comer enteiriño. Aínda que houbo algún meniño que primeiro lle fixo a autopsia para quitarlle o tomate, a cenoria, a oliva… Deste xeito comprobamos que á hora de merendar monstros cada un ten os seus gustos, hai quen o prefire sen chourizo e outros con porción dobre de tomate, quen descubriu que a cenoria está rica e quen tiña claro que son indixestos e soamente comeu o xamón… A min persoalmente gústanme os monstros vexetais pero é cuestión de probar, o que está claro é que, se os monstros entran na clase de Leiro, ¡merendámonolos!.

jueves, 18 de octubre de 2012

¡QUE RICAS AS UVAS!

Tróuxonolas a mamá de Carlos e estivemos comendo nelas toda a semana. O outono ven cargado de froitos: uvas, castañas, noces, abelás, millo, cabazas, marmelos, mazás, landras, cogomelos… As previsións meteorolóxicas dan melloría para a fin de semana, a proposta é aproveitar para saír á horta e ao monte a apañar  neles. Se atopades, podédelos traer para observalos na aula e montar un recuncho de froitos do outono con todos. Seguro que nos divertiremos e aprenderemos moito xuntos. Coa mestra Ana estamos a mergullarnos no mundo dos cogomelos, se queredes ver o que están a facer os cativos, visitade o seu blogue da natureza ou picade directamente aquí.

miércoles, 17 de octubre de 2012

EN OUTUBRO, ANTONIO MACHADO

Este é o autor que eliximos para o mes en curso no noso calendario escolar da poesía. Gústanos sobre todo o seu poema “La plaza tiene una torre”, especialmente a parte onde o cabaleiro leva a flor, a dama, o balcón, a torre e ¡ata a praza!, aínda que non entendemos moi ben como fai para conseguilo. Pero nos divertimos cando xogamos coa mestra a que o cabaleiro tamén leva algún dos nosos nomes e temos que intentar adiviñar de quen se trata. Por certo, sabedes a quen está a levar nesta ocasión… ¿quen se anima a mandar un comentario coa resposta?...

martes, 16 de octubre de 2012

UN MENÚ MONSTRUOSO

Como pratos fortes, “Pantasmiñas de arroz”, “Arañas con ovos recheos” e “Dedos de salchichas cortadiños”. Para a sobremesa, “Mazá con miñoca de gominola”, Dentadura de mazá con piñóns” e “Ourizo cacho de pera e púas de piñóns”. Este divertido e terrorífico menú cociñárono Mencía e súa familia esta fin de semana, e como podedes comprobar nas fotos, pasárono de medo. Nestes días chuviosos de outono, nada mellor que organizar unha “monstruosa” comida familiar para ir preparando a festa do Samaín.
E non vos esquezades de enviarnos o “monstro bocata”, Mencía púxolle ata sombreiro para que fora monstruosamente elegante. Graciñas papá e mamá por compartir connosco estas propostas.

lunes, 15 de octubre de 2012

EXIPTO ESTÁ EN ÁFRICA

Vímolo a semana pasada nun mapa xigante que ten a mestra en clase. Ao principio custounos un pouquiño situarnos, pero despois os maiores rapidamente aprendemos a distinguir as zonas de auga, e como Exipto está na puntiña pegadiño ao mar…

domingo, 14 de octubre de 2012

MONSTRORECEITAS

O noso compañeiro Felipe da escola de Ribadumia, envíanos as fotos das receitas que preparou na casa coa súa mamá. Á súa creación chamoulle Monstro Comeaceituanas e está causando estragos entre as olivas do país. Para todos aqueles que estean animados a participar no noso blogue coa súa “foto receita” pero necesitan inspiración, recomendámoslle o libro que temos na nosa biblioteca escolar “Sándwiches  divertidos” e os outros títulos da colección “Diversión en la cocina” da editorial Arguval.
O monstro Comeaceitunas e os seus amigos 

miércoles, 10 de octubre de 2012

ESTE VENRES COCIÑAMOS NA CASA

Esta semana o calendario laboral deixounos sen obradoiro de cociña ao ser festivo o venres. Dende o noso blogue propoñémosvos continuar con el na casa. Como andamos a voltas cos monstros, ¿que vos parece elaborar un “monstrobocata” como o da imaxe que atopamos na rede?. Se vos animades a realizalo, enviarnos as fotos ao enderezo da escola escoladeleiro@gmail.com. e publicaremos as vosas “foto receitas”, seguro que nos divertiremos dobremente: cociñándoas e vendo os resultados dos compañeiros.

martes, 9 de octubre de 2012

O NOSO RECUNCHO DE MONSTROS

Contos, películas, DVDs, camisetas, peluches, xoguetes… pouco a pouco, e coa colaboración das familias, o noso recanto vaise enchendo de toda clase de ogros e monstruosidades. Hoxe, na hora de ler, a maiores da nosa bolsiña especial de lectura, puidemos escoller entre todos os libros deste peculiar  recuncho. A nosa encarga de decantouse por  “Una bicicleta para Coco”. Ademais de pasar un bo rato coñecendo a este simpático amigo do monstro das galletas, aprendemos a escribir o seu nome e a atopalo nos títulos dos contos.

lunes, 8 de octubre de 2012

FÉLIX ESTÁ EN EXIPTO

Contóunolo nunha carta que limos a semana pasada. Nela fálanos de pirámides, camelos, desertos, incluso dun río chamado Nilo… Hoxe, na biblioteca escolar, estivemos vendo os libros de Exipto que hai nela. Temos moitos e puidemos observar algunhas das cousas das que nos falou Félix. Tamén descubrimos outras sorprendentes: uns signos estraños que a mestra chamou xeroglíficos, reis e raíñas, xoias… ¡ata momias! E o que moitos non se esperaban: ¡que existen de verdade!. Nas vindeiras semanas iremos recompilando e organizando toda a información sobre este marabilloso país que o noso amigo está a visitar. Por agora, xa sabemos que se queremos atopar información de Exipto na biblioteca, temos que buscar na zona documental no número 9, nos libros que teñen unha pegatina branca.