miércoles, 29 de abril de 2015

O NOSO PRIMEIRO GAÑADOR


O mércores pasado, despois de tres semanas botando a nosa partida, a case todos os participantes faltábanlle pouquiños números para completar o cartón.  Por pouco baleiramos totalmente o bombo de bolas.
Pero por fin, uns minutiños antes de que chegara a hora de recoller, Pablo Lorenzo cantou:  ¡bingo!. Hoxe comezamos unha nova xogada. A ver se desta volta non temos que agardar tanto para rematala.

martes, 28 de abril de 2015

PREPARANDO A FESTA DOS MAIOS

Para darlle a benvida á primavera nalgunhas zonas de Galicia celébrase a festa dos Maios. Trátase de realizar construcións cunha base de paus e recubrila de fiúncho, flores, ovos, laranxas ou outros elementos naturais dependendo do lugar.
O vindeiro xoves, na nosa escola, imos participar deste costume elaborando un Maio ao redor do cal cantaremos a ritmo de claves como manda a tradición.

Hoxe na aula comezamos cos preparativos. O primeiro identificar e localizar o fiúncho, elemento básico para vestir o Maio. 
Despois lembramos as normas de uso dos paus que empregaremos como claves e ensaiamos as cancións e movementos ao redor da estrutura que usaremos como base. As previsións anuncian que teremos unha mañá con choivas persistentes, esperemos que co paso das horas o tempo mellore e poidamos celebralo fóra e gozar todos da festa.

lunes, 27 de abril de 2015

AS FIANDEIRAS


No cadro que escollemos para o mes de febreiro, Velázquez  representa nun primeiro plano a unhas fiandeiras pero tamén conta “A fábula de Aracne”.

Aracne era unha moza cunha especial habilidade para tecer tapices, tanto que fixo unha competición coa deusa Minerva para ver cal das dúas creaba o tapiz máis fermoso. Inesperadamente Aracne vence no concurso. A deusa enfadada converte a Aracne nunha araña condenada a estar tecendo o resto da súa vida.

miércoles, 22 de abril de 2015

DÍA DO LIBRO 2015


Cada ano o 23 de abril conmemorase o Día Mundial do Libro. Na nosa escola adiantamos un chisquiño a celebración para poder gozar dos contos e cancións que os mestres Montse, Rosana e Jose prepararon para nós. Graciñas a todos por facer de hoxe un día especial.

martes, 21 de abril de 2015

BUSCANDO INFORMACIÓN DE BERLÍN



Dende a semana pasada sabemos que a nosa lebre viaxeira volveu a Berlín xunto a súa amiga Sofía. Agora queremos saber cousas desta cidade. Onte, na nosa visita semanal á biblioteca escolar, atopamos dous libros que falan desta urbe. 
Comprobamos que están colocados con outros exemplares que tratan de países, por iso teñen unha pegatina branca e o número nove. Nas súas páxinas os cativos atoparon moitas imaxes que chamaron a súa atención. Pouco a pouco, e ata final de curso, iremos véndoos detidamente e intentaremos mergullarnos na cultura do país xermano.

lunes, 20 de abril de 2015

MATEO DE PASEO POLO MUSEO DO PRADO


Co noso calendario escolar de Velázquez xa chegamos ao mes de xaneiro. Nesta ocasión a princesa Margarita sae do cadro “As Meninas” para acompañar a “Mateo de paseo polo Museo do Prado”. De todas as obras do autor que aparecen no libro seleccionamos “O principe Baltazar Carlos cazador” para ilustrar esta folla do almanaque. Para todos os que desexen coñecer un pouquiño máis deste cadro, a continuación deixámoslle o seguinte vídeo de ArteHistoria.

jueves, 16 de abril de 2015

NA HORA DE LER… CONTOS DE CANGUROS


Chegou o momento de despedirnos do noso recuncho de Australia para deixar sitio ao novo proxecto que imos empezar: Alemaña. Pero non podíamos despedirnos do país dos canguros sen facerlle unha pequena homenaxe a este singular animal. Por iso hoxe a nosa bolsiña de lectura veu cargada de libros que teñen a este marsupial como protagonista. Cada día o encargado irá elixindo cal lemos. Foi José quen estreou a sesión escollendo “Kangu va de excursión”.

miércoles, 15 de abril de 2015

O BINGO



Baseándonos na idea de que os nenos coñezan diferentes xogos de mesa que lles axuden a desenvolver a súa competencia matemática, dedicamos o primeiro e o segundo trimestre a aprender a xogar á oca e o dominó respectivamente. Agora tócalle quenda ao bingo para que os maiores da aula aprendan a ler os números de dúas cifras e os máis pequenos distingan a importancia da orde nas grafías. A semana pasada estivemos familiarizarnos co mecanismo do xogo e coñecendo os elementos necesarios. Comezamos a nosa primeira partida que continuamos hoxe. Pouco a pouco esperamos conseguir soltura porque ata agora soamente conseguimos cantar: ¡liña!


martes, 14 de abril de 2015

UN POLICIA, UN POTITO


Esta foi a noticia ao redor da que traballamos a semana pasada. Saíu publica no Faro de Vigo e no Diario de Arousa, aínda que, como puidemos comprobar,  en páxinas diferentes. Tratase de axudar ás familias sen recursos na alimentación dos máis pequenos. 
Tamén leramos varias novas interesantes no Diario de Pontevedra que nos trouxo Aaron e comentaramos outras dos xornais que Pablo nos aporta con frecuencia. Pero a nosa elección non foi por casualidade senón que se viu influenciada por coñecer ao protagonista da foto que a ilustra, por iso optamos por escoller os periódicos que nos deixou Rita. Unha vez máis, graciñas a todas as familias por axudarnos a enriquecer o noso traballo diario na escola.

lunes, 13 de abril de 2015

FÉLIX VOLVE A CASA


Soubémolo está mañá cando rematamos de ler o conto “Cartas de Félix o explorador”. Pero … ¿onde está a casa de Félix?... Os cativos tiñan claro que antes de emprender a súa viaxe vivía con Sofía e a súa familia pero ningún lembraba que residía en Berlín. E agora temos outra dúbida … ¿en que lugar do mundo se atopa esa cidade?... 

jueves, 9 de abril de 2015

FELIPE IV VESTIDO DE CASTAÑO E PRATA


Carlota y la princesa española” é o conto que escollemos para o mes de decembro no calendario escolar de Velázquez que estamos realizando. Carlota, o mesmo que varias nenas da nosa aula, quere ser princesa. Para confeccionar  un vestido como os das infantas,  acude coa súa avoa ao museo para ver retratos delas. Pensa que así terá a inspiración necesaria para facer o seu disfrace. Pero cando os personaxes dos cadros de Velázquez cobran vida, descobre que moverse co armazón de arame que leva debaixo da saia a infanta Margarita non é doado. Será o mesmísimo “Felipe IV vestido de castaño e prata” o encargado de poñer fin á aventura da protagonista do conto.

miércoles, 8 de abril de 2015

FAMILIARIZANDONOS COA RESTA


Comezamos o segundo trimestre e chega o momento de traballar máis formalmente ao redor da resta e o seu significado cos maiores da aula. Xa coñeceramos o signo menos co conto “A guerra dos números” cando dedicaramos a nosa bolsiña de lecturas a ler matemáticas. Pero hoxe o empregamos para simbolizar os puntos que perdíamos segundo o resultado obtido ao lanzar o dado. Nas seguintes semanas, os mércores, continuaremos “tendo problemas coa resta” e volveremos a botar partidas en familia se vos animades, xa vos contaremos.


Mentres, os pequenos da clase, continúan xogado co dado e intentando asociar as grafías dos números aos resultados acadados. Paralelamente van repasando os nomes dos compañeiros, aínda lles costa pero imos avanzando.

martes, 7 de abril de 2015

UÓMBAT

Antes de dar as vacacións de Semana Santa pechamos o noso obradoiro de cociña elaborando un uómbat, ese marsupial australiano que polo seu aspecto nos lembra a un osiño de peluche pero non esquezamos que é un animal salvaxe.