Na entrada anterior vimos como preparar unha
festa coa selva coma tema central, nesta propoñémosvos a receita para invitar
aos vosos amigos. Ademais… ¡Como nos gusta facer zume de laranxa!… iso de espremer coma chicos
maiores ten o seu encanto. Se a isto lle engadimos a fortaleza que nos vai
proporcionar as vitaminas do resto dos ingredientes e o toque selvático do seu
nome, temos o conxunto perfecto para gozar da merenda.
domingo, 30 de noviembre de 2014
viernes, 28 de noviembre de 2014
FESTA SELVÁTICA
Máscaras con forma de monos e rás para as
invitacións, grilandas
con anacondas para decorar, flores de froitas e piscinas de néctar con xelatina
e doces para a merenda … isto e todo o
necesario para organizar unha festa selvática atopámolo no libro ¡fiesta!
que temos na nosa biblioteca escolar. Del sacamos a idea para a receita do noso
obradoiro de cociña de hoxe, pero iso volo contaremos noutra entrada. Como podedes
observar nas fotos, as serpes son moi doadas de facer, así que se vos animades,
esta fin de semana podedes realizar unha celebración con esta temática. E para
os que están enfermiños incluímos unha imaxe co proceso por se queren facela na
casiña.
jueves, 27 de noviembre de 2014
BICOS…
Moitos bicos, de eses que axudan a curar, para todos ós nosos amiguiños de clase que andan enfermiños e botamos tanto de menos. Esta mañá soamente eramos oito en clase, a varicela e os virus propios da estación están facendo estragos entre os meniños e algún que outro papá. Esperamos e desexamos que se recuperen pronto para volver a brincar xuntos na escola.
miércoles, 26 de noviembre de 2014
UNHA PARTIDA DE OCA EN FAMILIA
Esta é a proposta para hoxe. Agora que
andamos a aprender a xogar á oca, aos cativos tamén lles fai ilusión facelo na
casa. A semana pasada xa comezamos a realizar as fichas cos nomes dos membros de
cada familia. Como teñen que ser pequeniñas para que collan no taboleiro e os
más novos da clase aínda non teñen moita maña niso de escribir, fixémolos no
ordenador. Os maiores axudaron aos pequenos e esta mañá, despois de imprimilas
e plastificalas, puideron levalas para casa. Xa nos contaredes que tal saen esas
partidas. Se vos animades podedes mandarnos fotos e publicarémolas nesta entrada.
martes, 25 de noviembre de 2014
O APALPADOR
Aínda falta un mes para o Nadal pero xa temos
que empezar cos preparativos para a festa que celebraremos o día 19 de
decembro. Se a complicada axenda do Apalpador llo permite, ese día virá a
recoller as cartas coas peticións para as nosas aulas. Onte, na visita semanal
que facemos á biblioteca escolar, estivemos vendo os contos que temos del e
lembrando a historia deste persoeiro que vive nas montañas do Courel e baixa
cada Nadal con agasallos de madeira para todos os cativos. Os que desexen
coñecer a súa historia ou vela de novo, poden facer clic aquí,
primeiro tedes o conto e despois varias actividades LIM.
Onte tamén estivemos traballando ao redor da
canción que vos deixamos a continuación, escoitádea, a ver se vos gusta.
lunes, 24 de noviembre de 2014
ANACONDA
Despois do impresionados que quedamos tras
ver o documental do nacemento das anacondas o pasado luns, non podíamos deixar
pasar a oportunidade de levar ao noso obradoiro de cociña tan temido e admirado
réptil. O venres puxemos mans a obra e convertemos unha inofensiva mandarina
nunha cría de anaconda rodeada de temibles pirañas. O resultado non foi moi
lucido pero o pasamos en grande decidindo quen comía a quen.
domingo, 23 de noviembre de 2014
CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL
O Concello de Ribadumia convocou a XII edición do Concurso Escolar de Postais de Nadal, destinada ao alumnado dos centros de infantil,
primaria e secundaria da localidade. Na nosa escola, como todos os anos,
decidimos participar e aproveitar todo o traballo que as precede para aprender algunhas
cousiñas.
viernes, 21 de noviembre de 2014
O VENRES AO SOL…
Que ben o pasamos hoxe xogando no patio de
recreo. Despois de toda a semana sen poder subir ao tobogán polas pozas creadas
pola choiva, está mañá gozamos do lindo con este agasallo de bo tempo que nos
fixo o outono. Enredabamos tan felices todos xuntos, que a mestra non puido
resistir a tentación de quitarnos estas fotos.
miércoles, 19 de noviembre de 2014
OS MÉRCORES TEMOS PROBLEMAS...
Mencía ten dous coches, Lucía regálalle tres
máis. ¿Cantos coches ten agora Lucía?... Pola súa parte Pablo prefire coller catro
e Gabriel darlle cinco… ¿Como representamos isto con números?... Como xa vos comentaramos a semana pasada, os mércores imos mergullarnos no mundo dos
problemas para intentar comprender a súa simbolización. Paseniño procuraremos
descubrir que significa o signo “+”, “-“ e “=” e cando podemos empregalo.
Os pequenos pola súa banda andan a voltas coa
cantinela, aprender a contar non é doado e necesitamos ter estabilidade no
reconto para facelo. Na casa podedes axudarlles a memorizar os
números na orde correcta animándolles a contar, calquera cousa sirve: os pasos da escaleira mentres subimos
ou baixamos, as pinturas que ten, os caramelos que lle
regalaron...; primeiro con nós; despois un número eles e outro nós, a modo de xogo para ver que
chega máis lonxe na serie numérica.
martes, 18 de noviembre de 2014
NA HORA DE LER… ¡TAMÉN MATEMÁTICAS!
A nosa bolsiña de lectura veu hoxe cargada de
novidades. Traía tantos libros que case non podíamos con ela. Todos tiñan un
tema común: as matemáticas. Aínda que nos poida parecer estraño, as matemáticas tamén serven
para ler e na nosa biblioteca atopamos moitos contos que xiran ao seu redor. Cando
íamos sacando e comentando os libros para ver por cal empezabamos, cada cativo
expoñía as súas preferencias, pero coma sempre foi o encargado do día quen
escolleu, nas vindeiras xornadas todos terán a oportunidade de elixir. Esta actividade
está enmarcada dentro da iniciativa de “Biblioteca escolar …matemático!” que vos comentamos nunha entrada anterior e ao redor cal seguiremos traballando con máis propostas
que xa estamos argallando.
lunes, 17 de noviembre de 2014
EN LOS DOMINIOS DE LA ANACONDA
Este é o título do DVD que
estivemos vendo esta mañá na biblioteca escolar. Nel puidemos observar como
cazan e nacen as anacondas, pero tamén como teñen inimigos que non dubidan en devoralas
nada máis nacer.
Paralelamente aproveitamos para traballar a
educación documental e comprobar que na biblioteca non soamente hai libros e
contos, senón que tamén podemos encontrar información noutros formatos. Fomos á zona documental e buscamos onde está
colocado este DVD. Descubrimos outro de golfiños que tal vez nos poida resultar
interesante.
viernes, 14 de noviembre de 2014
¡FELICIDADES LUCÍA!
A pesar da choiva, o vento, os lóstregos e a
forte treboada que tivemos á hora da entrada, hoxe celebramos o primeiro
aniversario deste curso. Unha mágoa que algúns nenos enfermiños de varicela non
puideran acompañarnos, dende esta páxina lle mandamos un bico moi especial deses
que axudan a curar e esperamos velos pronto de volta na escola.
jueves, 13 de noviembre de 2014
EN NOVEMBRO… A TRADICIÓN ORAL
Todos eses contos, cantos, lendas, xogos, ditos, regueifas, romances, refráns… que se transmiten de pais a fillos de xeito oral, forman
parte da chamada Tradición Oral. Segundo o calendario das letras e da lectura,
conmemórase na primeira semana de novembro, pero na nosa escola preferimos
prolongala máis tempo. Cada ano gústanos
centrámonos nun tema en concreto, o curso pasado foron os “xogos para botar sortes”. Mestres que rematamos de perfilar o deste, hoxe
comezamos a quentar motores lembrando algún deses enredos nos que é tan rica a
nosa tradición oral e cos que tanto nos gusta brincar ao aire libre. Aproveitando
a tregua que nos deu a choiva á mañá, xogamos a “Pase Misi” e “As abelliñas de
San Miguel”, mirade que ben o pasamos.
miércoles, 12 de noviembre de 2014
BIBLIOTECA ESCOLAR… MATEMÁTICO!!!
Este é o lema elixido este
ano por bibliotecas escolares galegas para espertar o interese polas matemáticas e salientar o
papel das bibliotecas como apoio ao seu aprendizaxe. Na nosa aula tamén imos
sumarnos a esta iniciativa con diversas propostas que paseniño iremos
debullando ao longo do curso. Hoxe comezamos a desenvolver dúas delas. Unha,
denominada “Os mércores imos ter problemas”, vai ser unha adaptación da
experiencia realizada polo IES Alexandre Bóveda (Vigo) e exposta nas V Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia que se celebraron a pasada fin de
semana en Santiago de Compostela, contarémola dentro duns días.
A outra,
chamada “Sete contos e unha oca”, vainos dar moito xogo. Trátase dunha versión do
tradicional xogo da oca que aproveita a potencialidade dos contos tradicionais. Recuperamos
o taboleiro
e o material dunha antiga campaña de lectura e, coa axuda do mestre Jose, comezamos
por intentar aprender a xogar. O primeiro, e para non confundirnos,
personificamos as fichas substituíndoas por tarxetas plastificadas cos nosos
nomes. Pero … ¡que complicado é xogar á
oca cando temos menos de cinco anos!... Lanzar o dado sen que saia disparado fóra
da mesa, contar os puntiños, recoñecer que o ultimo número do reconto é o que
representa a cantidade, memorízalo, localizar as “casillas”… Aínda temos que
practicar moito pero seguro que acabaremos conseguíndoo.
Se vos animades
podedes xogar na casa cos máis pequenos, ademais de pasar un agradable rato en
familia, axudaredes aos cativos a contar, memorizar a cantinela, interiorizar o
principio un a un, recoñecer os números, respectar quendas, aceptar as normas,
saber perder e gañar … xa nos contaredes que tal vos vai.
martes, 11 de noviembre de 2014
BOLBORETA CAIMÁN
A semana pasada
estivemos vendo que en “A Selva Amazónica” habitan moitas especies de bolboretas e decidimos levalas ao noso obradoiro de cociña. Buscamos nos libros para elixir
unha e, nun exemplar titulado “Bichos”,
atopamos unha que rapidamente nos fascinou: a bolboreta caimán. Caracterizase pola súa cabeza con aspecto de cacahuete
que vista lateralmente lembra a un caimán. Ao despregar as súas ás inferiores poden
verse dous falsos ollos que serven como prevención dos depredadores.
lunes, 10 de noviembre de 2014
GUÍA DE USUSARIOS DA BIBLIOTECA
O mes de novembro ven cargado de datas
salientables para o libro e a lectura, pero antes de comezar con elas, non podíamos
despedir outubro, mes das bibliotecas escolares, sen facer chegar ás familias a
guía de usuarios da nosa biblioteca escolar.
Hoxe aproveitamos a nosa visita semanal para traballar
ao redor da clasificación decimal universal (CDU). Esta mañá lembramos os códigos de cores e números que se
empregan para clasificar os libros segundo a materia da que tratan, buscámolos
nos andeis e realizamos unha ficha resumo.
domingo, 9 de noviembre de 2014
O NOSO SAMAÍN NO XORNAL
Graciñas á colaboración
e axuda desinteresada das familias, cada vez son máis variados os periódicos que
entran na aula e maior o número de actividades que podemos facer ao seu redor. Estes
días El País, El Correo Gallego, El Mundo … viñeron a enriquecer
a nosa particular hemeroteca. Ademais de ollalos e ler as noticias que polos
máis diversos motivos chaman a nosa atención, facemos xogos de memoria intentando
adiviñar que xornal falta, de atención buscando o repetido, de expresión de preferencias
dicindo cal nos gusta máis…
Son moitas as novas que vimos esta semana na prensa
e que espertaron o noso interese. A tormenta dos 3.359 raios, o anuncio da Festa da Castaña do Caurel, a condecoración
ao policía de Pontevedra por rescatar a unha persoa do río Lérez…
Pero para nós
a máis importante foi ver a Anxo Moure cos nosos compañeiros e as súas mamás no Diario de Arousa. Aínda que sempre hai quen se incomoda por non saír na foto, tamén nos sirve para aprender a
aceptar as cousas como veñen e separar o importante do secundario.
jueves, 6 de noviembre de 2014
FAMILIAS LECTORAS NA AULA
¡Como nos gusta ver as fotos nas que estamos
lendo en familia!. A pesar de que a exposición ía ser soamente para o día da
festa, non nos resistimos a volver a montala na aula e continuar traballando ao
redor dela. Agora que temos as fotos de todos, gústanos miralas, dicir quen nos
acompaña e onde estamos.
A idea é facer un libriño con todas as fotos e que
entre a formar parte da biblioteca de aula. Pero primeiro imos enriquécelo con
pequenos pés de fotos que estamos elaborando. Nesta liña decidimos aprender a
escribir os nomes de quen aparecen na imaxe e do lugar onde nos atopamos.
Na
cama, na cociña, no salón, na habitación ¡que difícil é escribir habitación con
esa “H” que non soa!, no sofá, na biblioteca e ata… ¡na praia! ¡Como nos gusta
iso de ler na area!... E a vós… ¿onde vos gusta ler?... animádevos a mandar
comentarios coas vosas preferencias ou se o preferides fotos a escoladeleiro@gmail.com e publicarémolas
no blog.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)