Son
os que nos gusta dar para sacar as areas dos zapatos cando volvemos do patio de
recreo. Vímolos nun vídeo
e, aínda que nunca conseguimos dar os grandes saltos verticais dos Masais, converteuse
nunha divertida rutina para evitar que entre terra na escola. Hoxe descubrimos
que a bandeira de Kenia
ten no seu centro un escudo Masai con dúas lanzas cruzadas. Se na casa tamén
queredes coñecer algunhas cousiñas deste pobo de Kenia, aquí vos deixamos este LIM do CEIP
Frian-Teis
jueves, 28 de febrero de 2013
miércoles, 27 de febrero de 2013
A FAMILIA DOS IRMÁNS GRIMM
Na
revista dominical que acompañaba ao xornal “La Voz de Galicia” do 17 de febreiro,
viña unha reportaxe sobre os Irmáns Grimm. Nela limos algunhas curiosidades da
súa vida e que sempre quixeron estar xuntos. Pero o que máis nos gustou foi coñecer
á súa familia. Nunha ilustración aparece un retrato con todos, incluso unha das
avoas que lle contaba as historias que eles posteriormente escribirían.
martes, 26 de febrero de 2013
¿GUEPARDO OU LEOPARDO?
Nas
últimas semanas estivemos rematando o pequeno
proxecto que desenvolveramos para confeccionar o noso disfrace
de guepardo. Ao principio confundiámolo con frecuencia co leopardo, pero as liñas escuras que
marcan o rostro
do guepardo dende o lacrimal do ollo ata a boca, unido a esta bonita lenda,
axudounos a distinguilos definitivamente: “Contan que un cazador levouse as crías
dunha femia de guepardo mentres esta cazaba. Cando a nai regresou e non atopou os
seus cachorros, chorou desconsolada. Os sabios da tribo, ao decatarse do que
ocorrera, buscaron ao cazador e botárono do poboado. Os pequenos guepardos
regresaron coa súa nai, pero a pegada da tristeza vivida ese día quedou para
sempre reflectida no seu rostro.”
lunes, 25 de febrero de 2013
A TODA MÁQUINA…
No Pazo da Cultura de Pontevedra, unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil dará comezo o vindeiro sábado día 2 e permanecerá aberto ata o 23 de marzo. A entrada é gratuíta e a maioría das actividades que se realizarán tamén. O programa xa se pode consultar clicando aquí. O horario de apertura será: De luns a venres de 17.00 a 20.30h; sábados e domingos de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.30h. Este ano o tema central serán as máquinas: …“inventos humanos que reducen o esforzo necesario para realizar un traballo.”… “A máquina como o aparato que move o mundo, como artefacto que fai realidade todo o que imaxinemos.”… Benvidos ao mundo das máquinas.
domingo, 24 de febrero de 2013
DÍA DE ROSALÍA
Hoxe,
24 de febreiro, conmemorase o aniversario do nacemento da escritora Rosalía de
Castro. Este ano ten unha relevancia especial por cumprirse os 150 anos da
publicación de “Cantares Gallegos”. Son múltiples as actividades e
diversas as propostas de lecturas que realizan as bibliotecas escolares nesta data tan sinalada. Na nosa escola, ademais de traballar os poemas
que máis nos gustan, celebrámolo como o merece todo aniversario, cunha torta e
as súas candeas correspondentes. Comeza a temporada das fresas e non podíamos
deixar pasar a ocasión de elaborar un pastel de amorodos con nata. A receita xa
a coñecemos do curso pasado: sobaos, amorodos e nata montada. Agora, case todos
sabemos abrir os envases e, se se resisten, empregamos as tesoiras. Os amorodos,
ás veces, seguen a esvarar polo prato, pero as mestras axúdannos a controlalos.
Coma sempre a torta foi collendo xeito, cantamos “parabéns”, apagamos as
candeas e ¡a comer!... Como dicía Lucía: ¡Delicioso!.
sábado, 23 de febrero de 2013
CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE TAPÓNS
Onte
Antía tróuxonos unha gran caixa que preparara coa axuda da súa nai. Explicounos
que é para botar todas as tapas
de plástico que poidamos xuntar. Un amigo do seu irmán necesita un andador e
o Centro de Atención de Discapacitados da Comarca en Cambados está levando a
cabo esta campaña de recollida. Serven os tapóns
de botellas de auga, deterxentes, pastas de dentes, tetra briks... Os venres a
súa mamá será a encargada de recollelos e levalos ata o centro organizador. Se queredes
colaborar, a partir de agora, podedes traer á escola de Leiro todas as tapas ou
tapóns de plástico que atopedes.
jueves, 21 de febrero de 2013
A PORTA DE BRANDEBURGO
Este
é un dos monumentos
que podemos visitar se viaxamos a Berlín. Vímolo no libro “Mi
viaje a Berlín” que temos na maleta
dos Irmáns Grimm para “a hora de ler”. Ademais de coñecer os seus contos e
a súa biografía, queremos aprender cousas do país onde naceron. Nesta guía de viaxe para nenos, podedes atopar
museos curiosos, paseos divertidos, xogos, pasatempos e receitas. Nas vindeiras
semanas continuaremos véndoa e coñecendo diversos aspectos da cidade onde tamén vive Sofía, a amiga
inseparable do noso amigo Félix.
miércoles, 20 de febrero de 2013
APRENDENDO A PUNTEAR CON ROSALÍA
Primeiro
coa perna dereita: punta, tacón, ¡salto!. Despois coa perna esquerda: punta,
tacón, ¡salto!... ¡Como nos gusta puntear!... Cando limos o poema “Miña
Santiña” de Rosalía de Castro, non sabíamos o que significaba “puntear”
pero agora que aprendemos, encántanos. Unha mágoa que a mestra non saiba bailar
a muiñeira…
martes, 19 de febrero de 2013
AS NOVAS NO “ABC”
Dende
que vimos este xornal en clase por primeira vez, gustou aos meniños por un par
de motivos. O primeiro, o seu nome, ler como se chama é moi doado, soamente é necesario
coñecer as tres primeiras letras do abecedario. O segundo motivo é o seu formato,
é máis pequeno que os demais periódicos e polo tanto máis manexable en mans inexpertas;
ademais, ao editarse con grampa, non se lles desfai aos cativos cando se moven
con el dun sitio para outro.
Pero hoxe, o ABC do domingo que nos trouxo a mamá
de María, espertou o interese dos pequenos polo seu contido. Vimos tres
noticias das que falamos amplamente: a
morte da cantante Marifé de Triana, a
caída dun meteorito e a
renuncia de Benedicto XVI.
lunes, 18 de febrero de 2013
ROSQUILLAS
¡Como
nos gusta encher as mans de fariña!... E facer rosquillas bríndanos a
oportunidade de facelo sen que nos berren os adultos. O primeiro día que
cociñamos con ela, a fariña acabou espallada por media clase. Agora xa
empezamos a controlar os nosos movementos, non manchamos tanto ao noso arredor
e incluso comezamos a axudar ás mestras a recoller. Parecía doado facer churros
coa masa e darlle a forma de rosquilla, pero adoitamos facelo apoiándonos na
mesa, e así non da xeito, a masa pégase. Temos que facer o churro
refregando unha man contra a outra, e
iso para os pequenos era máis complicado do que parecía nun primeiro momento. Pero
xa sabedes, con paciencia e tolerancia, todo se consigue. Pouco a pouco os
pratos comezaron a encherse de rosquillas listas para fritir.
sábado, 16 de febrero de 2013
PASE MISÍ…
O
venres non podíamos deixar pasar a oportunidade de xogar ao aire libre. Este inverno
foron demasiados os días de choiva. Onte o sol quentaba e as ganas de brincar fixeron
o resto. Aínda que os pequenos non sabían xogar a “Pase misí”, e algúns dos
maiores non lembraban ben como se facía, rapidamente collemos a dinámica...
viernes, 15 de febrero de 2013
jueves, 14 de febrero de 2013
CONTOS DE BICOS
A creación da nosa caixiña
de bicos para conmemorar o día escolar da paz, foi o punto de partida para
traballar ao redor dos contos que teñen esta mostra de agarimo como
protagonista. Hoxe, día do amor e da amizade, Martiño trouxo flores para todos
e levámolas para casa cunha guía de lecturas para elixir o noso conto de bicos
favorito. Xa sabedes que para decidirse non hai nada como probalos todos. Están
a vosa disposición na nosa biblioteca escolar. Para os que se animen a
mergullarse no mundo dos bicos, aquí lle deixamos as nosas recomendacións.
viernes, 8 de febrero de 2013
ENTROIDO 2013
¡Que
frío facía cando chegamos á escola!, pero todos xuntos, entre xogos e cancións,
logo entramos en calor. Despois había que maquillarse, poñer os traxes, amañar
os rabos, colocar as orellas… Con paciencia, os guepardos foron quedando listos
para unirse ao resto do safari. Ás 11 da mañá o sol quentaba e invitaba a iniciar
o pasacalles pola aldea. Leóns, cebras,
Masais e guepardos, seguidos de fotógrafos, percorreron os arredores da escola.
Á volta, unha merendola impresionante: orellas, filloas, rosquillas, boliñas de
coco, rosas, biscoitos, tortas… Toda unha variedade de doces elaborados polas
familias que fixeron as delicias de pequenos e maiores. Coa barriguiña chea, xogamos co paracaídas e rematamos a xornada con
baile no local social e a danza de Olélé que
tanto nos gusta. Unha vez máis graciñas a todas as familias pola súa axuda e
colaboración.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)