O venres tíñamos todo preparado para comezar
co noso obradoiro de cociña celebrando o aniversario de María. Pero os
catarros, mocos e virus que esta semana andan a facer estragos entre os cativos
da escola, provocaron que a nosa homenaxeada enfermase. Dende aquí lle mandamos
moitos biquiños de eses que curan, para que o vindeiro venres poida apagar
todas as candeas e festexar na aula o seu aniversario. Os que superaron o
contaxio, non querían quedarse sen clase de cociña así que, tras lavar moi,
pero que moi ben as manciñas, comezamos a preparar a torta. Mollar as galletas
no leite sen rompelas, lembrarse de que non se poden comer antes de tempo, estender
o chocolate, poñer outra capa de galletas, non meter os dedos na boca, limpalos
co papel… pouco a pouco a torta foi collendo xeito e nós experiencia. Despois veu
o mellor, comela entre todos. E por último o peor, fregar e recoller todo.
domingo, 30 de septiembre de 2012
sábado, 29 de septiembre de 2012
EN SETEMBRO: ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
Este mes, no noso “Calendario
escolar da poesía” que realizáramos o ano pasado, dedicarámosllo ao escritor
Antonio García Teijeiro. No seu momento, centrarámonos no seu libriño de poemas
titulado “Ventos”, pero no
transcorrer de setembro son varias as obras que vimos deste autor: “As catro estacións”, “Aloumiños”, “Volando
por las palabras”… Esta semana fixemos varias actividades ao redor do seu
poema “Un bico” e onte Paula tróuxonos un libro, “Para cantar e contar” no que
aparece esta poesía. Nel, Antonio García Teijeiro, escribe un conxunto de doce sinxelos
e fermosos poemas que teñen en común o motivo dos bicos. Dende a nosa escola mandámoslle
un biquiño moi especial á avoíña de Paula por darlle e compartir con nós este
fermoso libro.
jueves, 27 de septiembre de 2012
NA MIÑA HABITACIÓN: O MEU NOME
Ou
na cociña, ou no salón… en calquera sitio, con tal de que estea nun lugar ben
visible e sirva para identificar as miñas cousas. Para os máis pequenos da aula, con letras maiúscula
sinxelas; para os que xa o teñen controlado dende o curso pasado, acompañados
do seu primeiro e segundo apelido; e para os maiores, en letra minúscula e ligada,
para avanzar na aprendizaxe da linguaxe escrita. Dende os 3 anos, con seus
nomes, ademais de ir aprendo o abecedario, descobren hipóteses sobre a linguaxe
escrita tan importantes como saber que as distintas palabras escríbense con
letras diferentes, que para cada palabra as grafías son sempre as mesmas e
aparecen na mesma orde, que o número de letras no garda relación co tamaño das
cousas ou persoas… Por
todo isto, non vos esquezades de axudar ao voso fillo a colocar na súa habitación nun lugar visible
o seu nome.
lunes, 24 de septiembre de 2012
CON CONTOS PARA CASA…
Hoxe, comezou a funcionar a nosa
biblioteca escolar. Dende que viramos o bonita que quedara tras as obras de
mellora, tíñamos unha chea de ganas de poder levar libros para casa. Os luns é
o día semanal que temos asignado para gozar das súas instalacións. Lemos
contos, realizamos traballos ao seu redor, miramos as ilustracións, aprendemos
onde e como están organizados os libros... pero ao principio costa, os pequenos
porque é o primeiro día que levan empréstitos para casa e, os maiores, porque
ao cambiar a súa localización non atopan o que desexan…
Pouco a pouco todos van
escollendo, uns coas ideas claras, outros cun chisquiño de axuda, pero o
importante é que as bolsas de biblioteca
e as mochilas
viaxeiras xa comezaron a súa andaina anual polos fogares dos cativos.
viernes, 21 de septiembre de 2012
E POR FIN… ADAPTADOS
Os primeiros días houbo quen non quería
separarse de mamá, quen non se lembraba cómo se escribía o seu nome, quen
esqueceu que non se podía pegar … pero, tras
unha semana de escola, xa estamos collendo o ritmo. Os maiores lembrando o que aprendemos
o curso pasado e, os pequenos, familiarizándose
coa escola e os seus espazos. Para a vindeira semana, rematado o período de
adaptación dos máis novos, xa comezamos
coas clase de psicomotricidades, inglés, música …
viernes, 14 de septiembre de 2012
ADAPTÁNDONOS…
Ao cambio de escola
ou a vir por primeira vez, ao aumento de compañeiros ou a estar sen mamá, á
nova mestra ou a compartila con outros, a deixar o chupete na casa ou a
erguerse cedo, a compartir os xoguetes ou a deixalos recollidos, a realizar
tarefas ou a respectar un horario … ¡Cantos cambios nun par de días!... Para
todos supón un esforzo os primeiros días de escola, pero con paciencia e
agarimo, todos imos adaptándonos á nova situación, cada meniño na súa media e cosas
súas circunstancias.
martes, 11 de septiembre de 2012
REUNIÓN DE PRINCIPIO DE CURSO
Lembrade
que mañá mércores ás 10:30 teremos a reunión de principio de curso. Nela proporcionarémosvos
información sobre as normas de funcionamento do novo ano académico, comentaremos
as actividades previstas, os horarios dos nenos e de atención ás familias,
falaremos de todo aquilo que sexa de voso interese e aclaremos as vosas
dúbidas. Deberedes acudir acompañados
dos vosos fillos, mentres nós conversamos, outra mestra estará con eles para
facilitarlle a incorporación á escola.
martes, 4 de septiembre de 2012
PREPARANDO “ESES PRIMEIROS DÍAS”…
Mentres na
escola imos organizando todo para que os nenos se sintan cómodos dende o primeiro
día de escola, dende a casa tamén hai algunhas cousiñas que temos que ter en
conta para facilitarlles “eses primeiros días” e facer máis agradable o comezo
do curso.
Durante as
vacación os pequenos adoitan erguerse tarde. Agora toca cambiar horarios para
adaptarse ao ritmo do colexio. Para evitar enfados e berros o primeiro día de
escola, nesta semana debemos comezar a
adiantar de forma progresiva a hora de erguerse e deitarse. A falta de sono e de
descanso inflúe moi negativamente no comportamento dos cativos e no seu
rendemento escolar. Os nenos deben ir cedo para cama e xa sabedes que nada
mellor para axudar a conciliar o sono que un bo conto.
No seguinte enlace http://www.serpadres.es/3-6-anos/educacion-y-desarrollo/el-abc-de-la-vuelta-al-cole.html tedes un artigo con algúns consellos de interese para facer máis doada “a volta ao cole”.
lunes, 3 de septiembre de 2012
¡BENVIDOS AO CURSO 2012 / 2013!
Este ano ven cargado de
novidades. Espazos renovados na biblioteca do centro e nova distribución da
zona de literatura infantil, consulta e empréstito. Aumento do número de
compañeiros aos que coñecer, cos que xogar e aprender, pero tamén cos que
compartir. Novos mestres especialistas en música e audición e linguaxe.
Pronto teremos a distribución de
horarios e actividades, para os que se queiran ir organizando, aquí vos deixamos o calendario escolar 2012 / 2013, pero
lembrade que non están incluídas as festas locais.
Dende este blogue desexamos a todos,
maiores e pequenos, un estupendo curso 2012 / 2013.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)