jueves, 28 de junio de 2018

FACENDO O CAMIÑO…

Despois de todo un curso camiñando para estar en forma, o luns da semana pasada por fin chegou o gran día e emprendemos andaina dende Ponte de Cabanelas. Paseniño fomos percorrendo a ruta, observando a fauna e a flora, saudando aos peregrinos, identificando sons e, sobre todo, gozando da natureza. Na paria fluvial paramos a descansar, pintar e xogar, merendamos, recuperamos folgos e continuamos ata Pontearnelas. Grazas a todos os que colaboraron para poder levar a cabo esta actividade, en especial ás familias e as mestras María, Ana, Anabel e Olalla de educación física.














sábado, 23 de junio de 2018

CARNÉS DE HONRA COMO VOLUNTARIOS

Durante todo o curso foron moitos os momentos nos que os meniños puxeron de manifesto a súa axuda desinteresada aos demais: ensinando aos máis pequenos a poñerse o mandilón, recollendo os xoguetes que outros tiraban, lendo contos para quen aínda non tiña a destreza necesaria,  animando aos compañeiros a volver a intentar o que non conseguían, mostrando o mellor xeito de facer as letras para que saían ben, ensinando a debuxar, defendendo a quen vían en dificultades, consolando aos que se mancaban ou simplemente acompañando aos amigos cando o necesitaban. Por todo isto e moito máis, esta semana os nenos levaron o carné de honra como voluntarios, ¡¡parabéns!! 



miércoles, 20 de junio de 2018

SOROLLA E O MAR

Cada curso elaboramos un calendario escolar que adoitamos dedicar a un artista. Este ano eliximos ao pintor Joaquín Sorolla e centrámonos nas súas obras relacionadas co mar. Seleccionamos doce cadros desta temática e dedicamos un a cada mes. No transcurso do terceiro trimestre fomos coñecendo os seus títulos e creando o noso almanaque á vez que traballabamos a serie numérica. Hoxe por fin os meniños levárono para casa xunto con outros materiais dos que falaremos noutra entrada.

martes, 19 de junio de 2018

PREPARANDO O FESTIVAL DE FIN DE CURSO

Dende vai máis dun mes andamos a voltas cos preparativos da nosa festa de fin de curso. Para ese día, como despedida do ano académico, cada clase organiza unha pequena actuación. Coa axuda da mestra Olalla de música escollemos a canción ”Glú, glu, glu navegando polo mar”, adaptámola, realizamos unha coreografía e confeccionamos os nosos disfraces. Para os que queiran ensaiar en casa, a continuación deixamos o vídeo coa música.  

martes, 5 de junio de 2018

¡AO RICO BOCATA DE PRODUCTOS DO MAR!

Os martes toca bocata e, dende o mes de abril, xa sabedes que se son de peixe gáñase unha pegatina para un álbum  co que convertese en Capitán dos Arroases. Nas últimas semanas o atún, as agullas ou as sardiñas empezan a estar presentes nos bocadillos de clase. A ver se conseguimos entre todos fomentar o consumo de peixe entre os meniños.



lunes, 4 de junio de 2018

CONVIVENCIA 2018

Hoxe, como cada ano por estas datas, con todos os nenos que rematan a súa etapa de infantil, fixemos unha xornada de convivencia no que será o seu futuro colexio. Para que os meniños se familiaricen co transporte escolar, collemos o autobús na parada máis próxima á nosa escola. Ao chegar ao CPI Xulia Becerra Malvar, fixemos xogos de presentación e despois comezaron as actividades. No transcurso da maña, os cativos traballaron cos que serán os seus compañeiros o vindeiro curso, asistiron a un concerto na aula de música, viron un contacontos en inglés, visitaron as instalacións do centro e coñeceron a algunhas das mestras. Case sen darnos conta chegou o momento de regresar á nosa escola.