miércoles, 19 de diciembre de 2018

CARTAS PARA O APALPADOR

Cando se achega o Nadal, O Apalpador baixa das montañas do Courel cunha morea de agasallos de madeira para repartir entre os meniños galegos. Dende vai varios anos, sempre ven ao festival de Nadal a recoller as cartas coas nosas peticións para as aulas. A semana pasada xa estivemos consultando diversos catálogos e todos escribiron as misivas. Durante as vacacións intentará traernos á escola algo do que pedimos para compartir. Para os que desexen saber máis sobre este persoeiro, neste enlace tedes cancións  e algunhas actividades.

domingo, 16 de diciembre de 2018

A NOSA PANXOLIÑA

O vindeiro venres 21 celebraremos o noso tradicional festival de Nadal no Auditorio de Ribadumia. Xa vai tempo que comezamos cos preparativos e o “Villancico de las vocales” e título da panxoliña que imos cantar e dramatizar nós. Estes días andamos a ensaiar na escola e, para os que desexen facelo tamén en familia, a continuación vos deixamos o vídeo coa versión karaoke.

jueves, 13 de diciembre de 2018

PINCELADAS MUSICAIS


Onte, os músicos da Banda de Música Municipal de Ribadumia viñeron a visitarnos. Explicaron o concerto Pinceladas musicais que darán este domingo 16 de decembro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal. Cunha  fermosa canción tocada co clarinete, describíronnos unha bonita historia que os meniños  representaron nun orixinal cadro cheo de pinceladas musicais. Durante o concerto expoñerán e explicarán este traballo, non volo perdades.

lunes, 10 de diciembre de 2018

O NADAL NA BIBLIOTECA


O Nadal tamén chegou a nosa biblioteca escolar. Coma o ano pasado, Zapatocas preparounos un recuncho con lecturas que teñen esta temática como eixo central. Entre todos os alumnos do colexio preparamos unha árbore con bolas decoradas  cos nomes de cada neno. Paseniño iremos lendo todos estes libros.

lunes, 3 de diciembre de 2018

O MONSTRO DAS CLOACAS


A semana pasada, unha noticia que limos no Diario de Arousa levounos a descubrir ao monstro das cloacas. Alimentase das toalliñas húmidas que tiramos polo váter e produce atascos nas depuradoras con consecuencias moi danosas para o medio ambiente.
Primeiro reflexionamos sobre onde va a auga cando tiramos da cadea do inodoro e que pasaría se fora vertida directamente ao mar. Falamos das depuradoras e vimos o seguinte vídeo para coñecer como funcionan.

Limos que as toalliñas húmidas non se disolven coa suficiente rapidez como para desintegrarse antes de chegar á depuradora de augas. Para comprobalo fixemos un sinxelo experimento que podedes realizar tamén na casa. Metemos en dous envases de auga diferentes unha toalliña e papel hixiénico, axitámolo e observamos o resultado. Evidenciamos como o papel foise disolvendo mentres a toalliña permaneceu practicamente intacta. A partir de agora temos claro que non podemos tirar as toalliñas ao váter ou contribuiremos a alimentar ao monstro das cloacas.