viernes, 19 de diciembre de 2014

NADAL 2014

Nesta ocasión, o sol non quixo vir á nosa festa e o mal tempo non nos deixou merendar fóra, pero nós pasámolo ben igual. Xogos, obradoiros, contos, unha bonita exposición de árbores de Nadal, cancións, a visita do Apalpador, unha gran merendola, panxoliñas e para rematar, un pequeno concerto de Nadal da Escola de Música de Ribadumia que nos deixou con ganas de máis. Graciñas a todas as familias polo seu entusiasmo e axuda. Bo Nadal e que o 2015 veña cargado de saúde e traballo para todos.

martes, 16 de diciembre de 2014

CALENDARIO DO 2015

O ano 2014 está chegando ao seu fin e son numerosos os comercios que agasallan aos seus clientes con almanaques do vindeiro ano. A proposta que facemos dende a escola é que aproveitemos un para colocalo na habitación dos nosos fillos. Nel poderemos anotar todas as datas que teñen importancia para os cativos: o día do seu aniversario, día da chegada de Papá Noel, do comezo das vacacións, do reinicio da escola, da Cabalgata de Reis, de actuacións ou actividades na casa da cultura, dunha saída programada...
Acotío poderán marcar o día tachando os números que pasan e rodeando o actual. Ademais de intentar adiviñar o nome do díxito sinalado, podemos axudarlle a contar os días que faltan para que chegue o acontecemento anotado, animalos a ler o nome do mes, do día da semana, ver quen está de santo, que día vai ser lúa chea… Todo isto, ademais de axudarlle a ter estabilidade no reconto, memorizar os números, a súa grafía e a organizase no tempo,  desenvolve o pensamento matemático e facilítalle a comprensión de conceptos abstractos de medición.

lunes, 15 de diciembre de 2014

CARTAS PARA O APALPADOR


Na nosa escola continuamos cos preparativos que rodean á festa de Nadal. O Apalpador xa nos confirmou a súa asistencia e virá no transcurso da mañá a recoller as cartas coas nosas peticións. Hoxe estivemos decindo que xoguetiño de madeira nos gustaría que trouxera para compartir na clase. Fixemos tarxetiñas para que os pequenos superan como se escribían e cubrimos as cartiñas. Agora temos que esperar a que chegue tan desexado día.

miércoles, 10 de diciembre de 2014

PREPARANDO A FESTA DE NADAL


Como xa sabedes o día 19 celebraremos a nosa tradicional festa de Nadal. As últimas semanas do trimestre veñen marcadas polos preparativos que a rodean: elixir unha panxoliña, inventar unha coreografía, confeccionar os traxes, ensaiar… a verdade é que non nos sae moi ben que digamos pero esperamos mellorar nos próximos días. 
Para os que desexen ir practicando na casa, neste enlace teñen a canción cantada polos nenos do CEIP Nosa Sra de Xuvencos. Para decorar o Local Social onde desenvolveremos algunhas das actividades dese día, hoxe os nenos levaron unha arbore de Nadal en cartolina para decorar na casa, calquera cousa que teñades sirve, o importante é pasar un rato agradable cos nosos fillos.

martes, 9 de diciembre de 2014

AS NOSAS POSTAIS


O venres remata o prazo do Concurso de Postais do Concello de Ribadumia, polo que as nosas teñen que quedar listas o xoves o máis tardar. Hoxe estivemos vendo unha chea delas que tiña a mestra doutros anos para coller ideas e poder engadir detalles ás nosas. Moitos nenos xa remataron as súas e ata os máis pequerrechiños están facendo cousiñas moi riquiñas coa axuda da profesora Ana, a ver se teñen sorte e gañan.

domingo, 7 de diciembre de 2014

TRUFAS BRASILEIRAS


Con esta adaptación dos brigadeiros, receita típica do Brasil que vimos no libro “El correo flotante de Félix”, o venres dimos por rematado o noso obradoiro de cociña dedicado a “A Selva Amazónica”, esteticamente non nos saíron moi ben pero estaban para chupase os dedos. 

jueves, 4 de diciembre de 2014

XOGO DA OCA AMAZÓNICO


Este foi o xogo da oca que construíu Rita coa axuda da súa familia e que trouxo á escola para compartir con nós. Nas casillas aparecen imaxes que teñen A Selva Amazónica coma tema central. Fíxonos moita ilusión ver representados aspectos que traballamos ao longo deste trimestre: a bolboreta caimán, a piraña, o golfiño rosado, os froitos do amazonas, o xaguar… Ademais de pasalo en grande botando a nosa partida dos mércores, engadímoslle a emoción  dos perigos da selva. Unha vez máis graciñas a todas as familias por colaborar coa escola dende ámbitos tan diversos.

miércoles, 3 de diciembre de 2014

OCA EN FAMILIA

Xa temos a primeira foto das partidas de oca en familia que propuxemos nunha entrada a pasada semana. Carla e o seu papá animáronse a inaugurar esta pequena exposición fotográfica virtual. A ver se nos vindeiros días chegan máis ao noso correo escoladeleiro@gmail.com. Tamén están invitados a participar os nosos antigos alumnos, mestres e resto da comunidade educativa, será divertido vervos xogando en familia.
O venres chegounos ao correo a imaxe do noso segundo participante na nosa particular mostra. Aaron optou por unha partida coa súa mamá diante da árbore de Nadal que acababan de montar
Unha linda postal para felicitar aos nosos amigos nestas datas tan especiais. Seguro que esta ponte tedes máis tempo para gozar en familia e animarvos a enviar as vosas fotografías. Avós, primos, tíos e demais parentes poden contribuir a este maratón de xogos de mesa.

SEMENTES PARA CONTAR


Cando baleiraramos as cabazas para a festa do Samaín, separaramos as pebidas e deixarámolas secar para plantalas cando fora o seu momento. Aínda que colleron un aspecto un pouco raro debido ao papel de periódico no que estiveron pousadas, xa puidemos manipulalas sen mancharnos e gardalas. 
A semana pasada cada neno levou 10 para casa coa idea de que a sementen e ter para o vindeiro ano moitos calacús. Primeiro tivemos que facer sobres con folios reciclados, retirar as que non servían e contar. Hoxe o fixeron os que estiveron enfermiños. As que sobraron servíronlle aos maiores para iniciarse na suma de pequenas cantidades cando non nos chegan os dedos.
Mentres, os máis pequenos, estiveron loitando coa grafía do número tres. ¡Que difícil é facela aos tres anos!. Ensaiamos moito no encerado e, aínda que  case sempre saen con máis pinta de serpe que de número, cando o conseguen quedan felices.

martes, 2 de diciembre de 2014

A AVESPA ASIÁTICA


Vímola fai unhas semanas no número 303 dun xornal chamado Fouce que nos trouxo Mencía. No artigo limos que son perigosas porque matan ás abellas para comer o seu tórax causando un grave dano ás colmeas. No reportaxe di que as persoas expertas aconsellan construír trampas, nós intentamos facelas cunha botella pero o resultado non foi moi bo que digamos, aínda que serviunos para ter unha idea de como poderían ser.


O xoves Rita deunos un avespeiro baleiro que atopara o seu pai e retomamos o tema. Estivemos observándoo, buscamos información nos libros que temos na biblioteca, vimos como medran as larvas no seu interior, reflexionamos sobre o perigosas que poden chegar a ser e, hoxe, comparámolo co niño das avespas asiáticas que ven no periódico e rematamos o noso traballo ao redor da noticia. 

lunes, 1 de diciembre de 2014

YANOMAMI


Hoxe, a nosa visita á biblioteca escolar foi dedicada a coñecer o pobo Yanomami. Habitan na selva amazónica, na fronteira  entre Brasil e Venezuela. Recollen froitos das árbores, pescan e cazan aves e animais. Viven en aldeas de forma ovalada chamadas shabono e todos dormen en hamacas. Vímolo nos primeiros minutos dun curioso reportaxe de “Callejeros” que tamén podedes mirar na casa pinchando aquí.

Pero o que máis nos gustou foi comezar a vestir e decorar o home e a muller Yanomami fotocopiable que nos enviou por correo electrónico a mamá de Rita. Unha divertida manualidade que aínda non rematamos pero que sen dúbida nos vai  axudar a aprender o nome desta curiosa tribo.

domingo, 30 de noviembre de 2014

ZUME SELVÁTICO

Na entrada anterior vimos como preparar unha festa coa selva coma tema central, nesta propoñémosvos a receita para invitar aos vosos amigos. Ademais… ¡Como nos gusta facer  zume de laranxa!… iso de espremer coma chicos maiores ten o seu encanto. Se a isto lle engadimos a fortaleza que nos vai proporcionar as vitaminas do resto dos ingredientes e o toque selvático do seu nome, temos o conxunto perfecto para gozar da merenda.

viernes, 28 de noviembre de 2014

FESTA SELVÁTICA


Máscaras con forma de monos e rás para as invitacións, grilandas con anacondas para decorar, flores de froitas e piscinas de néctar con xelatina e doces para a merenda  … isto e todo o necesario para organizar unha festa selvática atopámolo no libro ¡fiesta! que temos na nosa biblioteca escolar. Del sacamos a idea para a receita do noso obradoiro de cociña de hoxe, pero iso volo contaremos noutra entrada. Como podedes observar nas fotos, as serpes son moi doadas de facer, así que se vos animades, esta fin de semana podedes realizar unha celebración con esta temática. E para os que están enfermiños incluímos unha imaxe co proceso por se queren facela na casiña.

jueves, 27 de noviembre de 2014

BICOS…


Moitos bicos, de eses que axudan a curar, para todos ós nosos amiguiños de clase que andan enfermiños e botamos tanto de menos. Esta mañá soamente eramos oito en clase, a varicela e os virus propios da estación están facendo estragos entre os meniños e algún que outro papá. Esperamos e desexamos que se recuperen pronto para volver a brincar xuntos na escola.

miércoles, 26 de noviembre de 2014

UNHA PARTIDA DE OCA EN FAMILIA


Esta é a proposta para hoxe. Agora que andamos a aprender a xogar á oca, aos cativos tamén lles fai ilusión facelo na casa. A semana pasada xa comezamos a realizar as fichas cos nomes dos membros de cada familia. Como teñen que ser pequeniñas para que collan no taboleiro e os más novos da clase aínda non teñen moita maña niso de escribir, fixémolos no ordenador. Os maiores axudaron aos pequenos e esta mañá, despois de imprimilas e plastificalas, puideron levalas para casa. Xa nos contaredes que tal saen esas partidas. Se vos animades podedes mandarnos fotos e publicarémolas nesta entrada.

martes, 25 de noviembre de 2014

O APALPADOR


Aínda falta un mes para o Nadal pero xa temos que empezar cos preparativos para a festa que celebraremos o día 19 de decembro. Se a complicada axenda do Apalpador llo permite, ese día virá a recoller as cartas coas peticións para as nosas aulas. Onte, na visita semanal que facemos á biblioteca escolar, estivemos vendo os contos que temos del e lembrando a historia deste persoeiro que vive nas montañas do Courel e baixa cada Nadal con agasallos de madeira para todos os cativos. Os que desexen coñecer a súa historia ou vela de novo, poden facer clic aquí, primeiro tedes o conto e despois varias actividades LIM.
Onte tamén estivemos traballando ao redor da canción que vos deixamos a continuación, escoitádea, a ver se vos gusta.

lunes, 24 de noviembre de 2014

ANACONDA

Despois do impresionados que quedamos tras ver o documental do nacemento das anacondas o pasado luns, non podíamos deixar pasar a oportunidade de levar ao noso obradoiro de cociña tan temido e admirado réptil. O venres puxemos mans a obra e convertemos unha inofensiva mandarina nunha cría de anaconda rodeada de temibles pirañas. O resultado non foi moi lucido pero o pasamos en grande decidindo quen comía a quen.

domingo, 23 de noviembre de 2014

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL


O Concello de Ribadumia convocou a XII  edición do Concurso Escolar de Postais de Nadal, destinada ao alumnado dos centros de infantil, primaria e secundaria da localidade. Na nosa escola, como todos os anos, decidimos participar e aproveitar todo o traballo que as precede para aprender algunhas cousiñas. 
O primeiro, a historia do nacemento do meniño Xesús e todos os acontecementos que o rodearon, incluído o papel que desempeñaron Os Reis Magos que tanto nos gustan. Buscamos e comezamos a montar o Belén que temos na aula e co que nos encanta xogar. Estivemos lendo os contos que temos na biblioteca baseados no tema e collemos tamén libros que nos ensinan como debuxar as imaxes que adoitan ilustrar as postais.
Para participar, no reverso temos que incluír os datos persoais, entre eles o número de teléfono que é no que imos centrar os nosos esforzos e ao redor do cal faremos máis actividades a vindeira semana.  Aínda temos traballo para varios días, tal vez non gañemos, pero seguro que aprenderemos moitas cousiñas.