domingo, 25 de marzo de 2018

VISITA A APÍPOLIS

Para coñecer o mundo das abellas o venres fomos a Apípolis. Ademais de descubrir e probar os produtos que producen estes insectos, os meniños puideron vestir o traxe de apicultor, visitar o apiario, confeccionar unha vela e incluso cociñar unhas ricas galletas de mel.


miércoles, 21 de marzo de 2018

¡FELIZ DÍA DA POESÍA!


Cada 21 de marzo conmemórase o Día da Poesía. Na nosa aula celebrámolo levando para casa un poema de Antonio Rubio que comezaramos a reescribir fai tempo. Trátase do libriño “Zapato” ilustrado por Óscar Villán e musicado por Cristina Martín Sanz.

martes, 20 de marzo de 2018

REMATANDO O TRIMESTRE

Case sen darnos conta o segundo trimestre vai chegando ao seu fin. Toca recompilar os traballos dos meniños e organizalos para levalos a casa. Esta mañá estivemos preparando as portadas. Pero antes de finalizar e comezar as vacacións de Pascua, aínda nos queda unha semana chea de acontecementos. Hoxe conmemoramos o Día da Narración Oral, mañá o Día da poesía e o venres imos de excursión. Pero todo isto xa volo contaremos  noutras entradas.

lunes, 19 de marzo de 2018

LOLA


A semana pasada vimos unha nova aparecida no xornal “La Voz de Galicia” sobre unha cadeliña chamada Lola. Foi roubada e recuperada dez anos despois grazas ao microchip. Esta noticia serviunos de detonante para falar sobre a importancia desta pequena cápsula e lembrar o que xa viran os nenos ao respecto na aula de natureza. Despois limos o conto “El nunca lo haría  e iniciamos unha reflexión sobre o abandono animal e o traballo que realizan as protectoras de animais. Neste enlace tamén podedes coñecer unha aventura Chispa, o can dos Bolechas, titulada “Sultán non ten microchip”.

domingo, 18 de marzo de 2018

A NOSA ESCOLA NA TELEVISIÓN DE GALICIA

Esta semana veu a visitarnos o programa “Galicia viva” e fixo unha pequena reportaxe. Picade na imaxe e accederedes ao enlace, pódese ver despois da publicidade.

viernes, 16 de marzo de 2018

OS PAXARIÑOS DE YASMINA

Hoxe tivemos uns compañeiros de escola moi especiais. Yasmina veu á escola acompañada de dous paxariños que quedaron a pasar a mañá connosco. Puidemos ver como eran, observamos como comían e incluso escoitamos como cantaron con frecuencia.

lunes, 12 de marzo de 2018

MIAU

No noso obradoiro de cociña continuamos elaborando contos ilustrados por Óscar Villán. O venres pasado tocoulle quenda a Miau.


domingo, 11 de marzo de 2018

A TÍA MÓNICA

Nas últimas semanas, a nosa sesión de xogos dedicámola a aprender e bailar a canción de “La tía Mónica” coa versión musical de “Dúo tiempo de Sol”. A continuación deixámosvos o vídeo por se queredes xogar tamén na casa.

A NOSA ESCOLA TAMÉN É NOTICIA

Esta semana vendo os xornais tamén descubrimos que algunhas mestras do colexio saíron na prensa na xornada de portas abertas que realizamos no centro.

jueves, 8 de marzo de 2018

SEMANA DA PRESA NA ESCOLA

Do 5 ao 9 de marzo, os centros educativos galegos celebran a Semana da Prensa na Escola. Como a súa conmemoración coincide co Día da Muller, en clase eliximos para traballar unha nova que ten unha moza galega coma protagonista: Ana Peleteiro, bronce no mundial de atletismo cun salto de 14,40 metros.
Primeiro, en informática coa axuda da mestra Olalla, os meniños buscaron a noticia na prensa dixital e viron o vídeo do impresionante salto. Despois veu o más divertido, tentar imitalo na clase de educación física. Mirade neste enlace que ben o pasaron os futuros campións olímpicos de Leiro.
Por último tocoulle quenda á prensa en formato papel e ao noso traballo ao redor do nome do xornal e da numeración das páxinas.

martes, 6 de marzo de 2018

MULLERES DA HISTORIA

Con motivo do Día Internacional da Muller  que se conmemora cada 8 de marzo, onte comezamos un pequeno proxecto para coñecer algunhas das mulleres máis importantes da historia contemporánea. Empezamos con Marie Curie, a primeira muller doutora en ciencias e a primeira persoa da historia que recibiu dous premios Novel.

lunes, 5 de marzo de 2018

OS NOSOS CALDIÑOS


A partir do poema de Rosalía  Miña casiña, meu lar” e co obxectivo de potenciar entre os meniños a alimentación tradicional galega, estamos a coñecer os ingredientes do caldo galego. Cada familia ten o seu xeito particular de elaboralo. Para continuar traballando na aula necesitamos que  mostredes aos nenos que alimentos  adoitades empregar e os seus nomes.  Trátase de animar aos meniños a probalos todos e elixir os seus ingredientes favoritos.  Por iso levaron hoxe para casa unha folliña para que coa axuda da familia os escriban. Despois poden ilustrala cun debuxo ou a foto comendo o caldiño da actividade da semana pasada.


domingo, 4 de marzo de 2018

O COELLIÑO BRANCO

Xa fai moito que fixeramos esta receita inspirada no conto “O coelliño branco”, pero quedara pendente de publicala no noso blog. Un xeito divertido de animar aos meniños a comer plátano. Nas vindeiras semanas continuaremos cociñando contos que teñen ao ilustrador Óscar Villán como protagonista.

viernes, 2 de marzo de 2018

ROSAS E REPOLOS

Convertidos en rosas e repolos, os meniños xa remataron a ilustración do poema de Rosalía que elixiran  para decorar a biblioteca.  Mirade na imaxe que riquiño lles quedou.