jueves, 27 de septiembre de 2018

A NOSA EXCURSIÓN AO CIRCO

Este curso o circo será o tema central  do noso proxecto anual de centro. E como O Circo de Portugal está de xira pola nosa comarca, aproveitamos a oportunidade para asistir está mañá a unha das actuacións que realizará en Vilagarcía de Arousa. Cunha mestura de emocións, os meniños gozaron coas diversas actuacións e seguro que hoxe terán moito que contar as súas familias.


martes, 25 de septiembre de 2018

AO RICO BOCATA…

Esta semana foron xa cinco nenos os que se animaron a poñerlle as pilas o seu bocata con produtos do mar. Por agora o atún é o ingrediente favorito pero esperamos que pronto se animen a probar novos sabores: mexillóns, xoubiñas, cabala, sardiñas, chocos, calamares, polbo… Os álbums xa están en marcha. En clase os meniños estanos a cubrir  coa data e o produto elixido. A ver se na vindeira semana anímanse máis nenos a descubrir os sabores do mar.

lunes, 24 de septiembre de 2018

A BIBLIOTECA ABRE AS SÚAS PORTAS

Hoxe comezou a funcionar a biblioteca escolar. Cada luns visitarémola para traballar a educación documental e a animación á lectura. Ademais, cada neno levará un libro a súa elección menos un que, de xeito rotativo, levará unha mochila viaxeira cargada de libros para toda a familia. Os contiños van en bolsiñas para protexelos na súa viaxe ata os fogares dos cativos, axudádenos a coidala. Dentro atoparedes tamén unha nota coas normas de funcionamento e empréstito. 
Esta mañá, cando chegamos, Zapatocas, a mascota da biblioteca, xa tiña preparados os carnés para que os nenos os personificaran con seus nomes e debuxos. Pero primeiro presentouse aos novos alumnos e botamos unhas risas.

domingo, 23 de septiembre de 2018

COMEZAMOS COAS ANDAINAS

Un ano máis, co obxectivo de combater o sedentarismo entre os máis pequenos e potenciar as actividades ao aire libre, cada día imos camiñar ao redor da escola. Deste xeito, ademais de adquirir hábitos saudables, unímonos ao reto das escolas da milla, desenvolvemos unha maior resistencia e aprendemos a desprazarnos en orde cando imos en grupo.

viernes, 21 de septiembre de 2018

A AULA DE NATUREZA E INGLÉS

Hoxe foi a mestra Anabel a que veu a presentounos ás súas mascotas do aula de inglés: un ratiño e un dinosauro moi divertidos pero cos que temos que empregar a lingua inglesa se queremos que nos entendan.
E rematamos a semana coa mestra Ana. Con ela, na aula de natureza, aprenderemos a coidar o medio ambiente empezando polo xardín e a horta escolar.

jueves, 20 de septiembre de 2018

AS MESTRAS ESPECIALISTAS

Onte a profesora Olalla de música contounos como van ser ás súas clases e as actividades que va a desenvolver . Hoxe, antes da merenda, tocoulle quenda á mestra Belén de audición e linguaxe coa que aprenderemos articular e pronunciar mellor.
Despois do recreo, coa profesora Olalla de Educación Física, lembramos todo o que faremos para estar en forma e aumentar as nosas capacidades.
E, como tamén nos dará informática, a última hora, antes de marchar para casa, fomos á aula de ordenadores para ensinarlla aos novos alumnos e recordar as normas de comportamento.

miércoles, 19 de septiembre de 2018

A MESTRA DE MÚSICA


Agora que os novos alumnos xa están adaptados ao ambiente escolar, toca ir coñecendo o traballo que van a desenvolver coas profesoras especialistas. Hoxe presentouse a mestra Olalla e ensinounos algunhas das moitas actividades que van realizar na aula de música. Mirade nas fotos que ben o pasaron.

martes, 18 de septiembre de 2018

BOCATAS DO MAR

Onte xa merendamos todos xuntos e hoxe dimos por rematado o período de adaptación. Mañá todos os meniños virán en horario completo e os pequenos integraranse nas rutinas diarias. Para quentar motores, varios dos maiores xa empezaron coa actividade “Os bocatas do mar teñen premio”. Trátase de que, se o día da semana que toca bocadillo o traen de peixe ou algún produto do mar: mexillóns, polbo, calamares… e o comen, logran unha pegatina para un álbum. Cando o completan, Os Arroaces, unha cuadrilla de sete nenos que coñecen moi ben a importancia de comer peixe, danlle unha sorpresa.

domingo, 16 de septiembre de 2018

COÑECENDO A CLASE


Paseniño, os pequenos vanse familiarizando cos espazos da aula e as súas normas de funcionamento. Tras a parénteses da fin de semana, o luns volvemos con novas actividades ata conseguir a súa integración completa. Mentres, cos maiores, imos traballando ao redor dos nomes dos seus novos amigos.

jueves, 13 de septiembre de 2018

PREPARADOS, LISTOS, XA…

Aínda que onte comezamos coa volta ao cole, hoxe foi o primeiro día que os pequerrechos quedaron na escola sen os seus papás. Portáronse como auténticos chicos maiores e paseniño irán aumentando o tempo de permaneza na aula. Mentres, os maiores empezan a recuperar as rutinas da clase e os hábitos adquiridos o curso pasado.

miércoles, 5 de septiembre de 2018

BENVIDOS AO CURSO 2018/2019

Rematado o período de vacacións de verán, aquí estamos de volta para darvos a benvida ao novo curso escolar. O mércores 12, ás 10 horas, faremos a primeira reunión coas familias na que vos daremos información sobre todo o que temos programado para este ano académico. Deberedes vir acompañadas dos nenos, haberá unha mestra para estar con eles facendo actividades mentres nós falamos. Aos novos alumnos serviralle para ter un primeiro contacto coa escola arroupados pola súa familia e aos maiores para comezar con máis ganas. Na xuntanza falaremos, entre outros, dos seguintes temas:
ü  Información xeral sobre o curso 2018/2019 e normas de funcionamento.
ü  Horarios dos nenos, mestres especialistas e de atención ás familias.
ü  Calendario escolar. Excursións, festas e saídas.
ü  Biblioteca escolar: normas de funcionamento e empréstito. As mochilas viaxeiras
ü  O xardín e a nosa horta escolar.
ü  Blog da escola.
ü  Período de adaptación dos novos alumnos
Para os que desexen ir organizándose, arriba teñen o calendario escolar 2017/18 da Comunidade Autónoma de Galicia e, a continuación,  o horario do periodo de adaptación dos novos alumnos. Se tedes calquera dúbida podedes chamar ao colexio ou enviarnos un correo electrónico a escoladeleiro@gmail.com.