jueves, 30 de octubre de 2014
miércoles, 29 de octubre de 2014
PREPARANDO O SAMAÍN E O MAGOSTO 2014
Baleirar os calacús, separar as sementes da polpa,
poñer as pebidas a secar, xuntar os restos da cabaza para darllos á avoíña de
María e a Cuco, o porquiño de Mencía, furar os cabazos, colocar as candeas,
facer e decorar os cucuruchos para as castañas … ¡canto traballiño levamos hoxe!
Pero … ¡como nos divertimos apagando as luces e vendo os calacús iluminados!. Un
biquiño moi especial para as avoíñas de María e Mencía por deixarnos as súas
cabazas xigantes e poder ter tan enriquecedora experiencia.
E non vos esquezades, mañá hai festa rachada
coa exposición “Familias lectoras”, exhibición de calacús decorados, xogos, cancións,
contos e películas de medo… E para rematar, un magosto familiar a partir das 12
e a actuación de Anxo Moure. Non faltedes.
martes, 28 de octubre de 2014
MÁIS ANIMAIS QUE NOS ASUSTAN
O noso caderno viaxeiro continua a súa andaina polos fogares dos cativos. Cada vez
coñecemos máis animais que espertan os nosos temores á vez que enriquecemos o
noso vocabulario. Na aula estamos facendo un mural entre todos e aprendendo como
se escriben os nomes. Por se queredes ir traballando sobre o tema, nos vindeiros días chegará as casas dos máis pequenos da
escola, pero xa hai quen ten moi clara a súa elección.
lunes, 27 de octubre de 2014
TARÁNTULA
¡Que medo nos dan as arañas!... O venres,
antes de cociñar, estivemos vendo libros que falan delas e limos que a maioría son
inofensivas e moi necesarias para controlar ós insectos. Incluso hai un baile
chamado tarantela
que se danzaba coa finalidade de curar os efectos producidos pola mordedura da
tarántula. A ver se aprendemos a realizalo.
domingo, 26 de octubre de 2014
¡QUE RICO O ANACARDO!
¡Quero máis, quero máis¡… esta era a frase
que todos repetían tras degustar este froito seco que nos trouxo o xoves Rita.
Buscamos o seu nome na revista onde aparecen os froitos do Amazonas e alí estaba. Gustounos tanto que o venres Mencía trouxo
máis para todos. Graciñas ás familias por compartir con nós tan delicioso
alimento.
sábado, 25 de octubre de 2014
¡QUE LINDA ANACONDA!
Xa viramos moitas e variadas imaxes delas nos
libros da escola, pero o que nunca podíamos imaxinar era a fotografía que
atopamos no número 1408 da revista XL SEMANAL. Quedamos abraiados. Segundo o
xornalista, o réptil xa comera e estaba tranquilamente dixerindo un can.
A anaconda
do suplemento dominical, mide cinco metros pero no libro que nos trouxo Laura
das serpes vimos que poden chegar a ter unha lonxitude de seis. Co metro que nos
deixou Carlos, marcamos no chan canto é esa distancia para visualizala … ¡Chegaba
a máis da metade do local social onde facemos psicomotricidade!. Tamén limos no
pé de foto que ese neno vive nun dos países que atravesa a Selva Amazónica … ¿Cal
era?... ¿Quen nos envía un comentario coa resposta?...
Gústanos moito descubrir cousas novas das
anacondas pero sen lugar a dúbidas preferimos a que José comparte con nós, é de
peluche, suaviña e nunca nos atacará.
jueves, 23 de octubre de 2014
CARREIRAS DE VASOIRAS
Hoxe, cando ollabamos o xornal La Voz de
Galicia, vimos uns nenos que, co gallo do Samaín, andaban disfrazados de bruxas
e montados en vasoiras. A mestra lembrounos que facía moito que non xogabamos fóra
con elas e, despois da hora de ler, aproveitamos o bo tempo para aprender a
pilotalas. Soamente temos tres pero así tamén estivemos aprendendo a ter paciencia
e compartir.
miércoles, 22 de octubre de 2014
ANIMAIS QUE DAN MEDO
O noso caderno viaxeiro de “Animais que dan medo” xa leva visitado varios fogares e, a través dos nosos temores,
imos aprendendo cousiñas novas. Aaron tenlle medo ás avespas, graciñas a iso estivemos
investigando e comprobamos que non son o mesmo que as abellas. Estas últimas
fabrican mel e se nos pican morren, ao contrario cas avésporas. Se non as
molestamos non fan nada, pero nunca debemos andar nos avespeiros.
Mencía optou
pola rá punta de frecha velenosa, tróuxonos moita información ao respecto e un
documental que nos deixou a todos abraiados, vai adxunto ao caderno viaxeiro para
quen o desexe ver na casa. Gabriel elixiu o tigre, vimos que é parecido ao
xaguar pero con raias e non vive na Selva Amazónica; na enciclopedia da biblioteca
de aula descubrimos que hainos brancos. Carlos tenlle
medo ás arañas, a verdade é que a case todos nos asustan, así que decidimos… ¡comelas!...
Xa vos contaremos o venres se nos saen ricas e seguiremos falando deses animais
que nos dan medo.
martes, 21 de octubre de 2014
A VOLTAS COS MAPAS…
Xa sabemos que para localizar onde está A Selva
Amazónica temos que buscar nos atlas e gústanos moito andar con eles, pero intentamos
seguir avanzando. Nas últimas semanas vimos que para ver o lugar onde está Félix, hai que mirar no mapa de América do Sur e seguir o curso do río Amazonas.
Aínda que ás veces cando buscamos no mapamundi, confundimos América do Sur con África e o río Amazonas co Nilo, pero son cousas que pasan cando temos menos de seis anos. Agora andamos a ler e escribir os nomes dos países que atravesa a Selva amazónica, son moitos, pero paseniño iremos familiarizándonos con eles.
Aínda que ás veces cando buscamos no mapamundi, confundimos América do Sur con África e o río Amazonas co Nilo, pero son cousas que pasan cando temos menos de seis anos. Agora andamos a ler e escribir os nomes dos países que atravesa a Selva amazónica, son moitos, pero paseniño iremos familiarizándonos con eles.
lunes, 20 de octubre de 2014
FROITOS DO AMAZONAS
Camu camu, acai,
caimito,
sapota,
achiote,
jambu, bacuri… todos estes alimentos
descoñecidos para a maioría de nós e cunha pronunciación que esperta a risa nos
cativos, teñen en común que son froitos do Amazonas.
Vímolos a semana pasada nun
artigo da revista dominical XL Semanal que nos
trouxo Mencía e a mestra. A profesora pensaba que as dúas publicacións eran
iguais, pero os nenos que non deixan pasar unha, rapidamente atoparon a diferenza...¿Quen lembra cal era?...
domingo, 19 de octubre de 2014
O XAGUAR
A través do noso obradoiro de cociña seguimos
coñecendo algúns dos animais que habitan na Selva Amazónica. Esta semana
estivemos lendo sobre o xaguar. Na enciclopedia vimos que ademais de trepar ás
árbores sabe nadar, polo que tamén se alimenta de peixes e tartarugas. Se na
casa queredes velo pescar, clicade aquí.
jueves, 16 de octubre de 2014
XOGOS DE… ¡MEDO!
Bailar ao ritmo da canción de “Los esqueletos”, escapar
do lobo cando nos responde afirmativamente á pregunta “¿Estás aí?”… Enredar ao
redor de xogos que mesturan o medo coa diversión encántanos. Hoxe estivemos
lembrando como eran e ensinamos as
normas aos pequenos. Case sen darnos conta chegou a hora de marchar, mañá
continuaremos practicando.
miércoles, 15 de octubre de 2014
FAMILIAS LECTORAS
Este é o título da
exposición que pretendemos realizar, con motivo do Día da Biblioteca Escolar,
o vindeiro día 30. Trátase de aproveitar algunha desas ocasións nas que lemos
xunto aos nosos fillos para fotografarnos con eles. Unha foto para lembrar eses
momentos inesquecibles. Hoxe levamos unha nota para casa con esta nova proposta
e unha folla para entregar despois á mestra coa foto pegada. Se o preferides
podedes mandala por correo electrónico a escoladeleiro@gmail.com e na escola imprimirémola. O día da festa do Samaín será
moi divertido ver todos eses momentos máxicos de lectura en familia. Animádevos
a participar.
martes, 14 de octubre de 2014
APRENDENDO A VOTAR…
Na nosa escola, para realizar certas
actividades que precisan un número reducido de alumnos, a clase divídese en
dous grupos. Dende principio de curso son fixos e cada neno sabe a que equipo
pertence. A semana pasada a mestra propúxolles que cada grupo podía ter un nome
elixido entre todos. Cada cativo fixo a súa proposta e fixemos un listado con
todas: anaconda, león, can, rosa, touro, oso pardo, cebra, crocodilo, vaca,
elefante e tucano. Hoxe realizamos a votación. A partir de agora un grupo
pasará a chamarse ROSA e o outro VACA, que foron os nomes máis votados. Tras o
reconto houbo quen quedou encantado e quen non se sinte representado. Aceptar o
resultado das votacións non sempre é doado, pero iso pasa ata nos grupos máis
democráticos do mundo.
lunes, 13 de octubre de 2014
XIRAFAS CON LANDRAS
Dende que viramos os
que fixera Lucía coa axuda da súa mamá, todos queríamos ter monequiños como os dela. O venres, decidimos aproveitar a
tregua que nos deu a choiva para apañar landras e, paseniño, facer para todos.
Comezamos
realizando touros con cornos que era o máis solicitado, pero hoxe, coa xirafa
que debuxou Pablo no caderno viaxeiro como detonante, probamos a crealas con landras. A mestra Ana
estivo axudándonos e ensinounos como decoralas con rotuladores. Agora todos
queremos ter xirafas, a ver se as damos feito.
sábado, 11 de octubre de 2014
COCIÑAMOS… ¡PIRAÑAS!
No noso obradoiro culinario continuamos coa
temática da Selva Amazónica. Como cada venres, antes de pasar á elaboración do
prato do día, escribimos a receita para, pouco a pouco, crear o noso propio
receitario trimestral. Pero onte esquecemos incluír un ingrediente cando a
realizamos. ¿Quen sabe que alimento falta e envía un comentario coa resposta
correcta?.
viernes, 10 de octubre de 2014
A SELVA MAZÓNICA NO XORNAL
Atopou a noticia Rita, na páxina 16 do Faro de Vigo. Quedamos abraiados, ¡en Brasil fan unha carreira atravesando a
Selva Amazónica!, 205 km de percorrido en diferentes etapas. O periódico di que os corredores incluso teñen que cruzar ríos con pirañas e caimáns, sen esquecer os perigros dos xaguares, as serpes...
Tamén limos que o grovense
participante chámase José, como o noso novo compañeiro de tres anos, e Miguel,
como o papá de Gabriel. Aínda non saímos do noso asombro... ¡cantas coincidencias!
jueves, 9 de octubre de 2014
XOGANDO CO MEDO
Co gallo da festa do Samaín que celebraremos o
día 30, hoxe comezamos a traballar na escola ao redor do medo para que, xogando
con el, aprendamos a superalo. Por suposto saíron a relucir as pantasmas, pero
non dubidamos en empregar as teas dos disfraces para demostrar que non existen
e botar unhas risas.
Este curso ímonos centrar en aqueles animais que nos asustan,
sexa con ou sen motivo. Con este obxectivo creamos un caderno viaxeiro que nos
vindeiros días visitará os fogares dos cativos. Trátase de elixir un animal que
nos dea medo, escribir o seu nome e engadir unha foto ou debuxo. Posteriormente, en clase traballaremos ao redor do animal escollido e falaremos dos nosos temores. Por agora sabemos que a profesora Ana tenlle pánico aos ratos, a mestra Ángeles non soporta as cascudas... E a vosoutros ¿que animal vos asusta?
miércoles, 8 de octubre de 2014
CON “LÚA” PARA CASA…
Non
lles daba chegado o día… Despois de varias semanas traballando ao redor do contiño “Lúa”
de Antonio Rubio e Óscar Villán, hoxe por fin o demos rematado e todos puideron
levar a súa propia versión para casa. Esperamos que vos guste tanto cantalo en familia como a nós na escola.
martes, 7 de octubre de 2014
¿ONDE ESTÁ A SELVA AMAZONICA?
Sabemos
que Félix anda pola Selva Amazónica pero… ¿onde se atopa ese lugar?... Para localizalo buscamos nos atlas,
por iso andabamos onte a voltas coa esa palabra que nos custaba tanto
pronunciar pero que hoxe grazas á axuda das familias case nos sae perfecta.
O luns na
biblioteca escolar vimos que temos moitos, pero hai que aprender en que andel
están situados. Comprobamos que todos teñen pegatina branca e o número 9 porque
tratan de xeografía. Buscamos na zona documental pero custounos atopalo. Mirabamos
no estante dos animais e da natureza, onde encontraramos os libros da selva, pero
alí están os de pegatina verde. Ao final comprobamos que estaban xunto á porta,
cos libros de Xapón que viramos o curso pasado.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)