¿Lembrades o tren que nos trouxo o Apalpador polo Nadal?... pois Antía e Anxo, experto indiscutible
en temas de dinosauros en clase, puxeron en marcha a súa imaxinación e
transformaron a ponte e as vías neste impresionante esqueleto de dinosauro. Tal
vez dentro duns anos convértanse en paleontólogos de recoñecido prestixio…
viernes, 31 de enero de 2014
jueves, 30 de enero de 2014
FELIZ DÍA DA PAZ
Por fin chegou o momento
de levar as grúas cos nosos desexos de paz para casa. Para non esquecer as
cores que elixiron ós nosos amigos, fixemos un listado cos nomes e anaquiños do
papel escollido. Cada un, cortámolo en 14 cachiños, para que todos puideramos
ter todas as cores, e gardámolos nunha caixiña. Hoxe fixemos rexistros
individualizados coas cores das grúas da paz elixidas polos nosos amigos e, aínda
que para algunhas tonalidades era complicado, cando comprobabamos o matiz no
listado resultaba doado.
miércoles, 29 de enero de 2014
OS BOLECHAS EN MONECOS
¿Lembrades
o caderno de actividades co que nos agasallaron os Bolechas polos nosos debuxos?… Nel
viñan modelos para facer os Bolechas en papel, e Rita, que é unha auténtica fan
deles, fíxoos todos coa axuda da súa familia. Mirade que bonitos lle quedaron, cando os trae
á escola … ¡como nos gusta xogar cos seus Bolechas!.
martes, 28 de enero de 2014
PREPARANDO O DÍA DA PAZ
¡Que difícil é facer
grúas de papel!... comezamos a semana elixindo a cor. Cada cativo escolleu a
que máis lle gustaba, cunha única condición, non se podía repetir, canta máis
variedade mellor, xa sabedes que as diferenzas enriquecen. Para decidir as
quendas, empregamos os xogos de botar sortes que aprendemos o trimestre pasado
e, un a un, fomos seleccionando: vermello, azul claro, azul mariño, rosa chicle… ¡como
nos gusta ese nome!.
Despois, por parellas, transformamos o folio nun cadrado e,
con axuda da mestra, dobramos unha chea de veces o papel ata convertelo en grúa
da paz. Xa están case todas feitas pero se vos animades a realizar máis na casa, vos deixamos un vídeo co proceso, a ver se chegamos ás 1000 e conseguimos que
escoiten os nosos desexos de paz.
lunes, 27 de enero de 2014
SÁNDWICHS DE GALLETA
Baseándonos nunha receita que vimos no libro “Menús para festas”, e empregado como
ingrediente principal o rico marmelo de mazá que elaborou a mamá de Carlos,
preparamos esta rica merenda. Ao principio moitos dicían que non lle gustaba
pero cando a probamos… ¡que rica!. Graciñas por axudarnos a descubrir novos
sabores e texturas.
viernes, 24 de enero de 2014
FÉLIX E AS GRÚAS DA PAZ
Esta semana recibimos unha
nova carta da nosa lebre viaxeira. Ela serviunos de punto de partida para
coñecer a historia de Sadako Sasaki e reflexionar sobre as consecuencias da guerra. Sadako vivía en Hiroshima
e tiña dous anos cando lanzaron a bomba
atómica. Nove anos despois, enfermou de leucemia como consecuencia da radiación
recibida.
Mentres estaba no hospital unha amiga contoulle
a lenda das grúas de papel: aquela persoa que fora capaz de facer 1.000 conseguiría
que o seu desexo se fixera realidade. Sadako comezou a
crear grúas pero pensou que no sería xusto pedir a curación soamente para ela e
pediu que o esforzo que ía facer servira para traer a paz. Lamentablemente morreu despois de facer 644, pero os seus
amigos continuaron a súa misión e completaron as mil grúas coa esperanza de que
se evitaran as guerras no futuro. No Parque da Paz de Hiroshima realizaron unha estatua dela cunha grúa na súa man. Cada ano chegan grúas de papel de todo o mundo coa esperanza de que leven os seus desexos de paz. Na
nosa aula tamén queremos render unha pequena homenaxe a Sadako e comezamos a construír
grúas de papel para celebrar o vindeiro xoves o día escolar da paz.
miércoles, 22 de enero de 2014
XOGUETES XAPONESES
Papá Noel, o
Apalpador, os Reis Magos… despois dunhas datas cargadas de agasallos, non
podíamos pasar páxina sen lembrar cales son os xoguetes xaponeses máis populares
entre os cativos: Hello Kitty
e Doraemon. Na actualidade
hai multitude de produtos,
accesorios e complementos destes personaxes ficticios, pero o teléfono móbil
de Doraemon
que vimos no libro de Xapón que trouxo Carlos, deixounos abraiados; aínda que o
peluche personificado de Pablo que serviunos de modelo para debuxar os nosos
encantounos. No que respecta a Hello Kitty, Antía compartiu con nós, un conto, unha
película e ata un piano- conto.
martes, 21 de enero de 2014
viernes, 17 de enero de 2014
UN FOGAR PARA LUCÍA E LUCÍANA
Trátase
de dúas cadeliñas que abandonaron a principios de ano nun contedor de auga. Esta semana
vimos a noticia no xornal Faro de Vigo. Agora están no Centro de Acollida e Protección de Animais Domésticos da provincia en Meis, á espera de que alguén as poida
adoptar. En clase estivemos traballando ao redor do tema e sobre todo
reflexionando sobre o coidado dos animais. Tamén limos un precioso conto que
temos na biblioteca e que vos recomendamos “El nunca lo haría”. Esperamos que Lucía e Lucíana atopen logo unha familia que
as coide.
miércoles, 15 de enero de 2014
A JAPÓN CON AKIKO
Este
é o título do conto da editorial La Galera que
o luns estivemos vendo na biblioteca escolar. Nel,
Akiko explícanos como debemos facer para poñernos o quimono, vestido
tradicional xaponés, aberto por diante e con forma de “T”. Para pechalo temos
que levar a punta esquerda sobre o costado dereito e atarnos arredor da cintura
un pano chamado obi. Como na escola non temos quimono nin obi, estivemos
practicando coa bata sen abotoar e unha bufanda. E un pouco complicado pero coa
axuda dos compañeiros conseguímolo.
Tamén aproveitamos a portada para aprender como
se chama o calzado que o acompaña. Unha especie de chancletas de madeira chamada
geta que se coloca
sobre os tabi, calcetíns
tradicionais xaponeses coa deda polgar separada do resto das dedas.
sábado, 11 de enero de 2014
ÁRBORE DE NADAL CON KIWI
Non
queríamos dar por rematado o noso traballo ao redor do Nadal sen facer algo ao
respecto no noso obradoiro de cociña. Como agora os kiwis están no seu mellor
momento, decidimos empregalos como base para esta receita. Se queredes ver máis
opcións de árbores de Nadal comestibles facer clic aquí,
nós escollemos a froita pero hainos de pizzas, galletas, queixo… Se vos
animades a facelos na casa, non vos esquezades de enviarnos as fotos e
publicarémolas no noso blogue.
jueves, 9 de enero de 2014
COMENZAMOS…
O
inicio do segundo trimestre veu cargado de sorpresas. A primeira: o agasallo do Apalpador. Sabíamos que era algo de madeira pero non tiñamos
claro de que se trataba. Antes de abrilo intentamos adiviñar o seu contido: un
quebracabezas, un helicóptero, un cabalo, un dinosauro… cada un dixo o que
pensaba que había no seu interior. Despois repartimos as pezas e entre todos montámolo… ¿Sabedes
xa que foi o que nos deixou este ano na escola o Apalpador?
E a segunda: o caderno de actividades dos Bolechas por participar no concurso “Debuxa o teu cole”. Non chegou a tempo ao noso centro para gozar del nas vacación de Nadal, pero si para empezar na escola con ilusión. Ningún neno do noso colexio resultou gañador no sorteo dos diferentes premios, pero nós pasámolo ben igual participando e hoxe personificando o libriño cun retrato noso.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)