lunes, 29 de noviembre de 2021

DANIELA PIRATA

 

Hoxe é o día 29 e tras a bóla da árbore de Nadal da biblioteca descubrimos a: Daniela pirata. Un álbum ilustrado que nos lembra que todos podemos ser o que desexemos sen importar o noso xénero.




CANTAS CORES!


Os mércores temos clase de música coa mestra Olalla, pero como tamén lle encantan as manualidades, cada semana nos sorprende cunha diferente. Nesta ocasión fíxonos experimentar coas cores. Partindo das tonalidades básicas vermella, amarela e azul, conseguiu unha gama cromática dun xeito sorprendente: con vasos comunicados con papel de cociña. A través destas orixinais pontes, comprobamos como a auga “camiña” ata encher os vasos baleiros e mesturar as colores. no seguinte vídeo tedes o proceso por se queredes experimentar tamén na casa.

 

domingo, 28 de noviembre de 2021

OS AMIGOS DE PEQUEÑO AZUL E PEQUEÑO AMARELO

Vermello, laranxa, marón, gris, rosa … Cantos amigos teñen Pequeno Azul e Pequeno Amarelo! O venres xogamos con eles a facer rodas e ringleiras. En mestres enredabamos, traballamos as cores e os conceptos primeiro e último.


O PAPÁ NOEL DE NOA

Seguindo coa temática do Nadal, esta fin de semana propuxemos elaborar un saudable Papá Noel con plátano e fresa. Noa xa o cociñou.  Mirade na foto que nos mandou que ben queda empregando unha mazá coma soporte. Nesta entrada tedes a receita e o vídeo con seu proceso de execución. E para as pequenas que non poden comer plátano, no seguinte vídeo tedes como facer un Santa Claus empregando queixo do tipo Mini Babybel.

NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO

Respecto, igualdade, xustiza, empatía, tolerancia, liberdade … en total cincuenta razón para poñer freo á violencia de xénero, unha por cada neno e mestra que integran o noso centro. Un tendal cheo de palabras que poden eliminar esta atrocidade da nosa e sociedade.


NAVEGA CARACOL!

Acababa de chover e o sol escondíase tras unha nube gris. Bonito día para navegar, concluíu Caracol. Decidido, bótase á auga sobre unha folla grande. Así comeza Navega caracol! un dos contiños da colección Caracois. Gustounos tanto esta serie de libros que cada día da semana pasada limos un ata completar os cinco que a integran. A mestra Olalla ensinounos como facer ao protagonista destas historias a partir dunha castaña. Grazas profe!

miércoles, 24 de noviembre de 2021

A CASA DE PEQUENO AZUL E DE PEQUENO AMARELO

 

Para xogar cos principais personaxes do conto Pequeno Azul e Pequeno Amarelo, soamente necesitamos recortes de papel e debuxar as casiñas. O resto conseguímolo coa imaxinación.


lunes, 22 de noviembre de 2021

PEQUENO AZUL PEQUENO AMARELO

Hoxe é o día 22 polo que, continuando co xogo de lecturas inclusivas proposto por Zapatocas, tivemos que buscar na árbore de Nadal da biblioteca a bóla que ten ese número. Debaixo está agochada a portada do conto “Pequeno azul, pequeno amarelo”. Un bonito libro que fala de como dúas pequenas cores fúndense nun abrazo sen decatarse de que se converten nunha nova cor.


CANTOS LIBROS DE LEONARDO DA VINCI

 

No recuncho que nos preparou Zapatocas sobre Leonardo da Vinci temos moitos libros que falan del. En varios comprobamos que aparece o seu nome na portada, cun pouquiño de atención atopámolos rapidamente. Tamén xogamos a facer parellas con elas, cada unha é diferente.

A ÁRBORE DE NADAL DE NOEL

O noso cociñeiro Noel tamén comezou co Nadal nas súas creacións. Mirade nas fotografías que ben elaborou a árbore con kiwi.

A continuación tedes a receita e o vídeo da versión con uvas.

AS RECEITAS DE MEDO DE NOEL

Araña, pantasma bruxa … Noel está feito un cociñeiro de medo. Mirade nas imaxes que espectaculares e divertidas lle quedaron todas as propostas. Grazas familia por compartir connosco as vosas creacións.


domingo, 21 de noviembre de 2021

UN NADAL INCLUSIVO


Esta semana Zapatocas preparounos na biblioteca unha árbore de Nadal moi especial.  Está cheo de bólas numeradas que agochan portadas de contos que teñen en común o respecto á diversidade. Son lecturas inclusivas, onde todos os seres teñen cabida, ninguén queda fóra. A tolerancia, a comprensión, a empatía, a aceptación das diferenzas e a capacidade de poñerse no lugar dos outros, son as palabras claves desta proposta.

Cada semana, na nosa visita á biblioteca escolar, debemos buscar a bóla que corresponde ao número do día no calendario e ler o conto sorpresa do seu interior. O luns pasado tocounos “Unha casa a media”e  encantounos. A ver que libro atopamos mañá.

domingo, 14 de noviembre de 2021

ÁRBORE DE NADAL

Aínda estamos en novembro pero xa comezamos cos preparativos de Nadal, unha das festas que máis gusta a pequenos e maiores. As nosas propostas culinarias da fin de semana tamén van encherse deste aire festivo. Empezamos cunha árbore de Nadal do máis saudable a base de kiwi. No vídeo tedes o  proceso de realización e na imaxe inferior a nosa receita.

jueves, 11 de noviembre de 2021

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

Un ano máis o Concello de Ribadumia convoca o seu tradicional concurso de postais. Coa axuda da mestra Ana cada meniño está realizando a súa para participar. Paseniño van quedando preciosas. Grazas profe Ana!



AS BRUXAS DE ANA E NOA

 

Xa temos as fotos das bruxas elaboradas por Ana e Noa. Mirade que riquiñas quedan empregando arándanos para os ollos e cenoria como nariz. Grazas familia por compartir connosco as imaxes de todo o proceso.



lunes, 8 de noviembre de 2021

LEONARDO DA VINCI


Xa estamos en novembro, o mes da ciencia na biblioteca. Este ano imos dedicalo a un persoeiro excepcional: Leonardo da Vinci. Zapatocas xa nos preparou un recuncho con diversos libros para que atopemos información dabondo. Paseniño iremos léndoos e familiarizándonos coa vida e obra deste excepcional artista.

domingo, 7 de noviembre de 2021

TERU TERU BOUZU

Esta semana rematamos coa temática das pantasmas coñecendo a un tradicional do país natal de Yayoi Kusama: Xapón. Trátase do Teru Teru Bouzo. Un boneco feito con papel branco que se colga nas ventás nos días e chovia. É unha especie de amuleto que se emprega para atraer o bo tempo. Como nós queremos que faga sol para poder saír a xogar fóra, esta semana realizámolos coa axuda das mestras Olalla e Ana.


 Neste enlace tedes un simpático vídeo que vimos para aprender a elaboralo. Se polo contrario desexamos atraer a choiva, hai que colgalos de xeito invertido. 

Aquí tedes unha animación onde dous irmáns teñen desexos opostos e os seus Teru Teru Bouzu comezan unha danza para loitar polo sol e a choiva respectivamente. Animádevos a construír os vosos Teru Teru Bouzu e  personificalos, se mandades as fotos ao noso correo escoladeleiro@gmail.com publicarémola no blog.

BRUXAS

 

Esta semana despedimos as nosas suxestións culinarias dedicadas ao Samaín co personaxe máis clásico: a bruxa e a súa vasoira. Dúas divertidas receitas para elaborar en familia.

miércoles, 3 de noviembre de 2021

ANDAINAS

 

Co obxectivo de fomentar a actividade física e evitar o sedentario, un curso máis comezamos coas nosas andainas diarias ao redor da escola. Por outra banda, este adestramento serviranos para facer a final de curso o pequeno tramo do Camiño de Santiago que pasa pola nosa localidade.

Ademais, ao estar a nosa escola inmersa na natureza, en cada camiñada atopamos pequenos descubrimentos cheos de posibilidades: un formigueiro, unha bolboreta, os buratos da toupeiras …

martes, 2 de noviembre de 2021

SAMAÍN 2021


O venres pasado celebramos na nosa escola a festa máis terrorífica do ano. Grazas á mestra Olalla pasamos unha xornada de medo na que houbo unha exposición de cabazas, bailes, cancións, xogos e diversos obradoiros. 




Ademais, a mamá de Izan, un neno da escola Sisán, deleitounos cunha dramatización espectacular do conto Corre, corre cabaciña.


Por se todo isto fora pouco, a ANPA do colexio organizou un magosto e unha nutritiva merendola a base de chulas de calacú, pantasmas de plátano e cabazas de mandarinas. Grazas a todos por facer posible un día tan especial.