jueves, 26 de diciembre de 2019

FESTIVAL DE NADAL 2019

Este ano, como non parou de chover, organizamos a mañá dun xeito diferente e tivemos un chisquiño de todo: xogos, cancións, a visita de Kids&Us, bailes, contacontos, obradoiro de bolas de Nadal, actuacións, unha merendola espectacular e, por suposto, a visita do Apalpador. Moitas grazas a todos pola vosa colaboración.

jueves, 19 de diciembre de 2019

BLUE STAR


Dende que Marta descubrira a imaxe do barco encallado nas rochas nun dos xornais que trouxo, estivemos seguindo na prensa os avatares do Blue Star ata o seu reflote. Vimos vídeos do rescate dos tripulantes, dos intentos de reflote e por fin, cando o conseguiron desencallar.

miércoles, 18 de diciembre de 2019

LÚA

Dende que viramos e cantaramos o contiño de Lúa a principio de curso, decidimos que era ideal para reescribilo e practicar as grafías das letras en minúscula. No transcurso do trimestre os meniños foron realizándoo e hoxe por fin levárono para casa. Agora xa todos os maiores teñen a súa propia versión personificada.


lunes, 16 de diciembre de 2019

O NADAL NA BIBLIOTECA

Como todos os anos, a mascota da nosa biblioteca  preparounos un recuncho temático con lecturas relacionadas co Nadal e pediunos axuda para decoralo. Como andamos a voltas co espazo, este curso substituímos a tradicional árbore por estrelas feitas con recortes de tubos de papel hixiénico. Cada neno escribiu o seu nome nunha tira e ao xuntalos formamos estrelas de tantas puntas como nomes incluímos.

martes, 10 de diciembre de 2019

CARTAS PARA O APALPADOR

Esta semana andamos a traballar ao redor da figura do Apalpador, un persoeiro que vive nas devesas do Caurel. Cando chega o Nadal, baixa ás casas dos meniños a deixarlle xoguetes de madeira que fabrica durante o ano. Cada curso vén a nosa festa e recolle as cartas coas peticións dos meniños para a escola. Para telas listas cando chegue, estivemos vendo cátalos de xoguetes de madeira e escribíndoas na biblioteca.

lunes, 9 de diciembre de 2019

O LIQUIDÁMBAR DE LAURA

O segredo da árbore de Laura pódese apreciar especialmente en outono, cando as follas adquiren as cores máis impresionantes que van dende a amarela e a laranxa ata a encarnada e violeta. A semana pasada contounos que xa estaban a volverse vermellas, esperamos que o vento lle deixe gozar durante máis días deste bonito espectáculo.

TOCANDO A LÚA...

Chegounos outra bonita foto da lúa. Cun pouquiño de imaxinación, descubrimos que podemos chegar a tocala …

miércoles, 4 de diciembre de 2019

INCENDIOS EN AUSTRALIA


A semana pasada, mentres comentábamos as novas dos xornais que tíñamos na escola, Lía falounos dunha noticia que vira na televisión sobre unha cidade chea de fume. Ese foi o detonante para buscar en internet os incendios de Australia. Deste xeito descubrimos como os periódicos tamén teñen unha edición dixital e quedamos abraiados co emotivo rescate dun Koala entre as lapas. Despois buscamos información na biblioteca sobre estes animaliños, vimos vídeos e cheiramos as follas de eucalipto que adoitan comer.

lunes, 2 de diciembre de 2019

BAIXO O MESMO PARAUGAS


Mañá celébrase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Dende a nosa escola queremos unirnos á iniciativa “Baixo o mesmo paraugas” realizando unha andaina con paraugas pola discapacidade. Con paraugas de colores quérese representar unha sociedade diversa, que acolle a todos os seus integrantes de xeito igualitario, sen diferenzas, cun mesmo desexo de convivencia. Por todo isto, necesitamos que os nenos traían cadanseu  paraugas para facer unha gran “paraugada” por un mundo sen barreiras.