lunes, 27 de noviembre de 2017

¡FLOTA!


Xa sabemos que hai obxectos que flotan e outros que se afunden, pero a semana pasada descubrimos coa plastilina que algúns materiais que se afunden tamén poden flotar se lle damos a forma adecuada. A auga empuxa as cousas para arriba e se o peso dos obxectos é menor que o empuxe flotan.

miércoles, 22 de noviembre de 2017

PASE MISÍ PASE MISÁ

Hoxe na sesión semanal de xogos, tocoulle quenda á nosa versión de “Pase misí, pase misá”. Neste enlace tedes a canción por se non vos lembrades dela. Mirade nas fotos que ben o pasamos.

martes, 21 de noviembre de 2017

NA HORA DE LER… O MAR

O mar e os seus produtos tamén chegaron á hora de ler. Nos vindeiros días a través de poemas e contiños iremos coñecendo a riqueza do mundo mariño. 

lunes, 20 de noviembre de 2017

viernes, 17 de noviembre de 2017

¿FLOTA OU AFUNDE?

Co gallo do mes da ciencia na biblioteca, o luns dedicamos a nosa sesión semanal a experimentar coa auga. Comprobamos que algunhas cousas flotan e outras afunden. Con cada obxecto intentamos predicir o resultado para despois comprobalo.

Os maiores ademais rexistraron o acontecido. Aproveitade a fin de semana para converter a hora do baño nun laboratorio familiar. Xogade na bañeira e propoñede aos meniños que descubran que obxectos flotan. O luns reflexionaremos sobre o acontecido e buscaremos unha explicación.

jueves, 16 de noviembre de 2017

CONCURSO MASCOTA

O concello de Ribadumia convocou un concurso para deseñar a mascota da biblioteca municipal. Onte rematou o prazo e na escola xa entregamos as nosas propostas, a ver quen resulta gañador. 

martes, 14 de noviembre de 2017

MINIPIZZAS DE ATÚN

Como xa vos comentaramos nunha entrada anterior, a través dos programas “O sabor da aventura está no mar” e “Ponlle as pilas o teu bocata” imos fomentar o consumo de peixe e produtos do mar. Comezamos a semana pasada cociñando minipizzas de atún.

lunes, 13 de noviembre de 2017

ZAPATILLA POR DETRÁS

Baseándonos na música dos CantaJuegos e cambiando a zapatilla por unha castaña, fai un par de semanas dedicamos a nosa sesión semanal de xogos á “Zapatilla por detrás”.

viernes, 10 de noviembre de 2017

IMAGINE

Con motivo do lanzamento do libro Imagine, a editorial Flamboyant convocou un concurso de debuxo no que participa a nosa escola. Baixo o lema “Os paxaros do mundo” preténdese promover os valores da paz e a tolerancia. A ver se hai sorte e gañamos.

jueves, 9 de noviembre de 2017

VOLUNTARIADO MIÚDO: MÓVETE!

Hoxe, a nosa sesión semanal dedicada á prensa xirou ao redor dunha nova aparecida no Diario de Arousa sobre gatiños e cans abandonados . A partir de ela, reflexionamos sobre as necesidades que teñen estes animais e a importancia de coidalos, protexelos e non abandonalos. Este curso serán varias as actividades que realizaremos nesta liña para favorecer a educación en valores solidarios, dentro do proxecto “Voluntariado miúdo: móvete”, programa no que participa o noso centro.

martes, 7 de noviembre de 2017

O ZAMPÓN

Con este ser fantástico que ten fama de andar polo país zampando nenos, dimos o venres pasado por rematada a temática da mitoloxía no noso obradoiro de cocina. Esta semana comezaremos un novo proxecto co obxectivo de fomentar o coñecemento e o consumo de produtos do mar entre os máis pequenos. Un programa no que participa a nosa escola dende fai un par de anos a través do Plan Proxecta Aliméntate ben.

lunes, 6 de noviembre de 2017

NOVEMBRO MES DA CIENCIA NA BIBLIOTECA

A nosa biblioteca escolar únese á proposta da Consellería de Educación de facer de novembro o mes da ciencia en galego nas bibliotecas. Durante este período serán variadas as actividades que realizaremos. Comezamos hoxe facendo experimentos de enerxía cun tubo de papel de prata que nos deixou a mestra María de Ribadumia. Se tocábamos os dous extremos transmitíamos a enerxía e comezaban a brillar as pequenas lámpadas de cores. A través del comprobamos como a nosas mans son condutores eléctricos por iso nunca debemos tocar os enchufes, os cables nin nada que teña electricidade. Tamén comprobamos como o papel, o plástico ou o noso pelo non son condutores, pero si a auga e o metal. E por último rexistramos os nosos descubrimentos.

jueves, 2 de noviembre de 2017

GATIPEDRO

Continuando coa temática mitolóxica no noso obradoiro de cociña, o venres pasado  elaboramos un Gatipedro. Este ser mitolóxico galego fai mexar ós nenos na cama. Ten forma de gato branco cun corno na cabeza. Vai ás casas polas noites e para nas habitacións nas que hai nenos durmindo. Entón ponse a verter auga polo seu corno. O neno durmido, escoitando o pingar do Gatipedro soña que mexa, e de verdade mexa na cama. Segundo a tradición, para espantalo é necesario botar unhas areas de sal diante da porta do cuarto e a carón da fiestra. O Gatipedro camiña apoiándose, ademais de nas catro patas, na lingua, polo que cando sente o sabor do sal, dá a volta e deixa ós nenos da casa en paz. 
Pero se en lugar de cociñar un Gatipedro preferides cantar con el, clicade neste enlace.

miércoles, 1 de noviembre de 2017

SAMAÍN 2017

Xogos, cancións, obradoiros, bailes, contos, películas, merendola, actuacións … na nosa festa do Samaín tivemos un chisquiño de todo pero, sobre todo, moita colaboración das familias. Moitas grazas a todos e en especial aos que estiveron toda a mañá asando castañas para delicia dos máis pequenos.