sábado, 23 de marzo de 2013

ANIVERSARIO DE MARTIÑO

 A modiño, coa madurez que lle dan os seus seis aniños recen cumpridos, así apagou as candeas Martiño, soprando coma se lanzase bicos de vento... ¡¡Felicidades!!
 
 
 
Agora toca vacacións, volveremos o martes día 2 de abril para seguir coas nosas propostas e actividades. ¡Ata pronto!

jueves, 21 de marzo de 2013

FELIZ DÍA DA POESÍA

Hoxe, día mundial da poesía, quixemos conmemorala comezando un poema que terá dezanove rimas, tantas coma nenos somos en clase. Imitando a Ana Mª Fernández e os seus versos “Polas rúas”, estamos a inventar outros empregando os nomes propios dos nenos e o transporte que elixen no caderno “máquinas para viaxar” que anda a visitar os fogares dos cativos. Comezamos co tren, buscamos na biblioteca os libros que temos relacionados co tema e aproveitamos para aprender cousas relacionadas con el. A primeira protagonista é Mencía, pero nas vindeiras semanas iremos engadindo nesta mesma entrada o resto das nosas creacións, esperamos que vos guste viaxar con nós polas rúas de…
 





martes, 19 de marzo de 2013

A RUTA DA PEDRA E DA AUGA

Como funciona un muíño, que son os petróglifos, quen vivía no Monte do Castro hai moitos anos… todo isto e máis poderemos aprender da man dos Bolechas co libriño que hoxe levamos para casa. Foi un agasallo que trouxo esta mañá a Alcaldesa de Ribadumia para todos os nenos da escola, nós, a cambio, ensinámoslle a dar bicos de bolboreta e de spray. Se o coidades, no seguinte trimestre traerédelo de novo á escola e empregarémolo para seguir desenvolvendo o proxecto do millo que empezamos en outono.

domingo, 17 de marzo de 2013

UNHA CASIÑA DE CHOCOLATE

Iso foi o que cociñamos o venres no noso obradoiro de cociña. Despois de tantos días a voltas cos contos dos Irmáns Grimm, non podíamos deixar pasar a oportunidade de crear o atractivo principal da historia de “Hansel e Gretel”.  Paredes de pan de molde con crema de cacao, porta de galleta con chocolate branco e ventás de obleas de coco e vainilla… O éxito da receita estaba asegurado. Primeiro transformamos en triángulo unha das rebandas pan. Xuntámola coa  outra e démoslle forma de casiña. Con coidadiño para non romper o pan, fomos untando a crema. A mañá estaba fría, moi fría, pero a primeira hora puxemos a crema de cacao xunto ao radiador para que abrandara e poder estendela con facilidade. Colocamos as galletas para a porta e as fiestras. Un lacasito  para o faiado e, co resto do pan, construímos a cheminea. Despois cada quen empezou comendo o que máis lle gustaba: a porta, o tellado, as ventás… O mellor era que podíamos probar o que quixeramos porque na nosa casiña non había bruxa.




sábado, 16 de marzo de 2013

ADIVINA DE QUE CUENTO SOY

Este é o título do libro onde atopamos a adiviña que eliximos para o mes de outubro. Por agora seguimos coas relacionadas cos contos dos Irmáns Grimm. Esta obra ofrécenos a oportunidade de poñer a proba o que sabemos dos personaxes dos relatos clásicos a través de adiviñanzas, con pistas claras para que todos as poidamos acertar. Seguro que xa sabedes a solución … ¿Quen se anima a enviar un novo comentario coa resposta ao mes de outubro?.

jueves, 14 de marzo de 2013

¡CANTAS AVELAÍÑAS!

Ás veces vense voar pola aula, ou pousadas nalgún sitio, pero sobre todo están na bolsa onde gardamos as espigas do millo que trouxemos no outono. A nós gústannos porque nos lembran o poema de Xosé Mª Álvarez Blázquez, non pican, nin nos fan mal. Pero agora descubrimos que, xunto co gurgullo, son grandes inimigas do gran. Furaron case todos os que tiñamos, estragando algunhas espigas por completo. No seguinte trimestre investigaremos sobre estas pragas e as súas consecuencias. Hoxe servíronnos de escusa para contar e sumar. Algúns xa estaban familiarizados con esta operación matemática pero para outros foi unha divertida novidade.

miércoles, 13 de marzo de 2013

BATIDO DE FRESA

É tempo de amorodos. Con nata, en torta, con zume de laranxa, en macedonia… Son múltiples as posibilidades que ofrece este froito. No noso obradoiro de cociña non podiamos deixar pasar a oportunidade e o venres preparamos un nutritivo batido. Agás o momento de empregar o batedor, é unha receita que poden facer os cativos con bastante autonomía. Animádevos a probar...
 
 
 

martes, 12 de marzo de 2013

MÁQUINAS PARA VIAXAR

Este é o tema do caderno viaxeiro que xa comezou a visitar os fogares dos cativos da nosa aula. Como sabedes este ano o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra está dedicado ás máquinas. Na nosa escola, tamén imos traballar ao redor deste tema con diferentes propostas. “Maquinas para viaxar” é unha delas. Cada neno, coa axuda da súa familia, escollerá unha máquina na que lle gustaría viaxar, cunha única condición: non se poden repetir as que xa estean escollidas. Posteriormente en clase traballaremos ao redor do medio de transporte elixido. Se o desexan, tamén poden traer información ao respecto para contar aos compañeiros o que descubriron. Por agora sabemos que...

 

lunes, 11 de marzo de 2013

DESCUBRINDO A DALÍ

Hoxe comeza a semana da prensa na escola. Nestes días os xornais cobran unha especial relevancia nos centros educativos. Esta mañá, na biblioteca, optamos por ver a revista que adoita acompañar ao periódico dominical, en concreto a do día 10 de febreiro de La Voz de Galicia. Nela atopamos unha ilustración moi especial: ¡Un sofá bico!. Descubrimos que realmente chámase sofá labios e foi deseñado por Salvador Dalí con Óscar Tusquets. Buscamos algúns dos libros que temos deste artista e atopamos outra obra que tamén chamou poderosamente a nosa atención: un teléfono bogavante. Nas vindeiras semanas seguiremos coñecendo a vida e obra deste famoso pintor.

viernes, 8 de marzo de 2013

A HORTA ESCOLAR

¡Como medran as verduras que plantamos e coidamos coa mestra Ana!... No que vai de curso, xa foron varios os afortunados que levaron para casa grelos. Con cada produto da horta, a profe Ana vai facendo sorteos para que, no transcurso do ano académico, todos os nenos do colexio poidan  probalos. A última colleita foi de leitugas.  Ana pensou que o mellor xeito de que houbera para todos era cociñar na escola un rolo vexetal. A semana pasada tocoulle a nosa clase elaboralo. No blogue de natureza xa está colgada a entrada coa receita, podedes visitalo clicando aquí ou ver as fotos na galería da web do centro.

jueves, 7 de marzo de 2013

ADIVIÑAS PARA TODO O ANO

O noso calendario escolar do vindeiro curso xa está en proceso de elaboración. Este ano ímolo dedicar ás adiviñas. Como andamos a voltas cos Irmáns Grimm, comezamos co libro El país de las adivinanzas”. Nel hai que descubrir  obxectos ou personaxes relacionados cos contos clásicos. Para agochar a resposta, colocamos unha portiña… Nas vindeiras semanas iremos completando o noso particular almanaque do curso 2013 / 2014. Con cada mes traballaremos un libro de adiviñas e animámosvos a resolver a que elixamos. Para empezar… ¿quen nos envía un comentario coa solución á do mes de setembro?...

miércoles, 6 de marzo de 2013

PSICOMOTRICIDADE EN KENIA

Altos coma xirafas, gateando veloces coma guepardos, a catro patas coma cebras, reptando coma crocodilos… É divertido explorar as posibilidades do noso propio corpo mentres imitamos aos animais que coñecemos de Kenia.

sábado, 2 de marzo de 2013

GUANTE, GUANTE

Unha das cousas que máis gustan dos venres son os xogos de roda, pero se son na herba, ao aire libre e con sol tanto mellor. A estas alturas do curso xa son varios os que coñecemos, pero o favorito continúa sendo “Guante, guante”.



viernes, 1 de marzo de 2013

O CIRCO ESTÁ EN MOSTEIRO

Como podedes ver na imaxe do cartel anunciador, un circo instalouse no centro de Mosterio para realizar varias funcións esta fin de semana. Unha oportunidade para ver preto da casa un espectáculo que case sempre esperta o interese dos pequenos.