Mostrando entradas con la etiqueta A hora de ler. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta A hora de ler. Mostrar todas las entradas

viernes, 21 de octubre de 2022

HORA DE LER

Cada día despois do recreo chega uns dos momentos máis máxicos da xornada. O encargado do día escolle que libro prefire ler entre os seleccionados por Zapatocas. A mascota da biblioteca cada semana nos prepara unha bolsiña chea de contos. Como nos gustan!

domingo, 28 de noviembre de 2021

NAVEGA CARACOL!

Acababa de chover e o sol escondíase tras unha nube gris. Bonito día para navegar, concluíu Caracol. Decidido, bótase á auga sobre unha folla grande. Así comeza Navega caracol! un dos contiños da colección Caracois. Gustounos tanto esta serie de libros que cada día da semana pasada limos un ata completar os cinco que a integran. A mestra Olalla ensinounos como facer ao protagonista destas historias a partir dunha castaña. Grazas profe!

domingo, 17 de octubre de 2021

A HORA DE LER

 

Cada día, a volta do recreo, temos o momento máis máxico da xornada: a hora de ler. Sentados na colchoneta, ao redor dunha chea de contos que sacamos dunha bolsiña, o encargado do día escolle cal lemos. Con cada lectura ábrese un mundo de posibilidades e descubrimentos.

Nos últimos días as pantasmas son as protagonistas destes contiños. Con elas andamos a xogar e a expresar os nosos medos. No libriño “Tasma el fantasma"  vimos que a pantasma lle tiña medo ás arañas e como a princesa lle axuda a ver o lado divertido. Nós tamén lle temos medo ás arañas e, para superalo, propoñemos levalas ás nosas elaboracións culinarias da fin de semana. Pero iso volo contaremos na seguinte entrada.

domingo, 21 de marzo de 2021

CONTOS PARA UN PLANETA


Durante algo máis dun mes, a hora de ler vai estar chea de contos que nos axudaran a coñecer criaturas imprescindibles para a vida na terra. Tratase da maleta literaria que pon a disposición dos centros educativos o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental). Solicitouna a mestra Ana do aula de natureza e chegou á biblioteca escolar a semana pasada. Xa limos tres libros que nos pareceron preciosos. Ao rematar cada lectura opinamos sobre ela. Temos que avaliar cada exemplar do 1 ao 5 argumentando a nosa decisión. Unha forma de aprender a pensar e inicialos na  critica literaria.

sábado, 20 de febrero de 2021

NA HORA DE LER… ROSALÍA DE CASTRO

O vindeiro 24 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía de Castro. Na nosa escola unímonos á celebración do aniversario do seu nacemento con diferentes actividades. Comezamos quentando motores esta semana coñecendo un pouco da súa vida e obra cos seus libros na hora de ler.

miércoles, 3 de febrero de 2021

NA HORA DE LER … LIBROS DE PINGÜÍNS

 

Cada día, normalmente á volta do recreo, chega a hora de ler. Para ese momento temos unha bolsiña cargada de libros que imos cambiando.  A diario, o encargado escolle entre eles cal lemos. Esta semana veu chea de libros de pingüíns. Paseniño imos lendo e aprendendo unha chea de cousas sobre eles.

miércoles, 27 de marzo de 2019

NA HORA DE LER: O CIRCO

Como non podía ser doutro xeito, o circo tamén chegou a nosa biblioteca escolar. Dende principio de curso hai montando un recuncho con todos os exemplares que tíñamos desta materia e moitas novidades que fomos adquirindo para actualizar os fondos. Ata que os vexamos todos, na hora de ler, cada día o encargado escollerá cal prefire e pouquiño a pouco iremos léndoos.

miércoles, 21 de febrero de 2018

ROSALÍA NA HORA DE LER

Como xa vos comentamos na entrada anterior, estes días Rosalía de Castro é a protagonista. A súa vida, os seus poemas, contos e cancións serán o eixe central tamén na hora de ler desta semana. Paseniño iremos véndoos todos e memorizaremos algúns dos seus versos máis coñecidos.

domingo, 14 de enero de 2018

ÓSCAR VILÁN


Segundo o calendario 2018 do libro e da lectura, o vindeiro día 30 de xaneiro conmemorase o día da ilustración. Na nosa escola imos dedicalo ao ilustrador Óscar Villan e son moitas as actividades que estamos realizando ao seu redor. Dende pricipios de curso na biblioteca creamos un recuncho con todos os fondos que temos e durante os próximos días os libros por el ilustrados serán os protagonistas na nosa hora de ler.

martes, 21 de noviembre de 2017

NA HORA DE LER… O MAR

O mar e os seus produtos tamén chegaron á hora de ler. Nos vindeiros días a través de poemas e contiños iremos coñecendo a riqueza do mundo mariño. 

miércoles, 18 de octubre de 2017

NA HORA DE LER… MITOLOXIA GALEGA

Hoxe, o trasniño da clase, tíñanos preparada unha pequena sorpresa. Metérase na nosa bolsiña da hora de ler e encheraa de contos relacionados coa mitoloxía galega. O home do saco, As mouras, Pedro Chosco, A coca de Redondela, O Apalpador, O Papón, A xacia… Cada día o encargado escollerá cal prefire que leamos e paseniño iremos coñecendo a todos estes seres fantásticos que forman parte da cultura popular.

jueves, 26 de enero de 2017

NA HORA DE LER… ENFADOS

Antes de Nadal, para saber recoñecer os sentimentos e expresar os nosos enfados sen facer mal, a nosa bolsa de lectura veu cargada de libros que tiñan esta emoción como protagonista. 
Agora xa limos todos e cambiámolos para mergullarnos no mundo das adiviñas. Pero antes de contarvos o que estamos facendo con elas,  queríamos compartir con todos a canción da imaxe que limos no conto “O segredo de Flora” , dende que a aprendemos axúdanos a controlarnos cando nos enfurruñamos.

martes, 22 de noviembre de 2016

NA HORA DE LER… ¡CONTOS DE NADAL!

O mes de novembro avanza e chega o momento de comezar cos preparativos do Nadal. Para quentar motores nada mellor que a nosa bolsiña de ler cargada de contos que teñen estas festas como protagonista. 

jueves, 13 de octubre de 2016

MALVADOS E MALVADAS


O Ogro, O Lobo, O Zampón, A bruxa, A cabra, Os cazadores, “El capitán Garfio”… cada día aumenta o número de malos e malas que imos coñecendo. Xa limos todos os contos que tíñamos na nosa bolsa de lectura e volvemos a enchela con máis que collemos da biblioteca escolar. Ademais de ler as historias, estamos vendo as películas, escoitando cancións, traballamos cos nomes dos personaxes e, a partir deste venres, serán os protagonistas do noso obradoiro de cociña. A continuación vos deixamos un conto musicado de tres malos e unha avoíña que nos encanta. 

jueves, 15 de septiembre de 2016

OS MALOS E MALAS CHEGAN Á HORA DE LER


Carapuchiña Vermella, Cincenta, O coelliño branco, As sete cabuxas e o lobo, A casiña de chocolate … todos estes contos teñen en común a existencia dun personaxe malvado entre os seus protagonistas. Nas vindeiras semanas os malos e malas dos contos reinarán na nosa aula a partir da hora de ler que cada día realizamos á volta do recreo.¿Quen se anima a enviarnos un comentario cos nomes dos malvados e malvadas que coñecemos esta semana?

miércoles, 6 de abril de 2016

NA HORA DE LER…TAMÉN BICHIÑOS DA RÍA

Contos, exemplares de consulta, poesías, libriños con solapas e pestaniñas, tridimensionais … dende a semana pasada a nosa bolsiña da hora de ler está cargada de lecturas que teñen os bichiños da ría como protagonistas. Cada día o encargado elixe un e paseniño iremos léndoos todo. Seguro que aprendemos moito do mundo mariño á vez que nos divertimos. 

lunes, 7 de marzo de 2016

NA HORA DE LER: LENDAS CANARIAS

“El fantasma del Palacio Lercaro”, “La leyenda del pirata”, “La isla de San Borondón”, “La fuente de las brujas”… na biblioteca temos case todos os libros desta colección que cada día imos lendo. Para os que prefiren velos todos xuntiños, Carla tróuxonos un exemplar cunha recompilación que empregamos cando as outras escolas os están a usar. Hoxe tocoulle quenda a “La leyenda del Drago”, árbore milenario da illa de Tenerife, e descubrimos algúns dos usos da chamada sangue de Drago.
Tras a portada e a contraportada de cada lenda, aparece un precioso mapa de Canarias que empregamos antes de ler para intentar memorizar os nomes das illas. A continuación vos deixamos un vídeo cunha divertida canción que nos ensinou a mestra Olalla, seguro que tamén nos axudará nesta tarefa.

miércoles, 24 de febrero de 2016

FELIZ DÍA DE ROSALIA

Cada 24 de febreiro conmemorase o aniversario do nacemento da escritora Rosalía de Castro. A Asociaciónde Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor e son moitas as actividades que os centros escolares organizan para celebralo. Na nosa escola gústanos facelo apagando as candeas dunha torta de nata con amorodos que elaboramos no obradoiro de cociña, pero iso será o venres.
Esta semana, a hora de ler, estámola dedicando aos seus poemas e hoxe Carla tróuxonos un precioso libriño para enriquecela. Paseniño imos ir lendo todos. O favorito do día foi a versión musicada por Migallas de “O moucho” que vos deixamos a continuación para que na casa tamén vos divirtades con ela.

martes, 17 de noviembre de 2015

NA HORA DE LER… ¡ANDALUCÍA!

Poemas ou biografías adaptadas para nenos de grandes escritores como Antonio Machado, Federico García Lorca o Juan Ramón Jiménez; contos de tradicións populares como “La Romería del Rocío”, “La Feria de Abril” ou “La Semana Santa”; libros de consulta de produtos propios da zona como “O aceite” ou simplemente contos divertidos e cargados de despregables como ¿De quén están hechas las niñas flamencas?... Entre todas estas opcións cada día o encargado elixe lectura. Xa limos varios deles pero ata final de mes na hora de ler …¡Andalucía!.

martes, 13 de octubre de 2015

NA HORA DE LER… ¡CONTOS DE BRUXAS!


Dende a semana pasada a nosa bolsiña de lectura está cargada de contos que teñen as meigas como protagonistas. Hainas boas e malas, divertidas e tolas, grandes e pequenas … pero todas teñen en común que nos engaiolan coas súas aventuras. Cada mañá á volta do recreo o encargado do día escolle entre eles o que imos ler. É un momento case máxico, todos atentos á expectativa da elección. Despois durante a lectura veñen as emocións: sorpresa, ledicia, tensión, entusiasmo, medo, ilusión, tristeza, euforia … todo un mundo de sensacións por vivir a través dos contos.