viernes, 30 de enero de 2015

FELIZ DÍA DA PAZ

O noso recuncho de sentimentos xa está repleto de pequenos recipientes das máis variadas formas e cores. Aos cativos lles encanta enredar con eles: abrilos, pechalos, cheiralos … Cada un co seu aroma particular do seu anterior uso: cacao, perfume, xabón, galletas …  Para eles son pequenos tesouros que paseniño imos enchendo de emocións. Xa estamos familiarizados coas que vimos no conto “El monstruo de colores” pero estamos descubrindo moitas máis no libro Emocionario”: ilusión, aburrimento, timidez, tenrura … 
Xa limos varios contos da nosa bolsiña de lectura pero os substituímos por outros de novidades. Onte, con “La nube gris” sentimos a preocupación coa protagonista cando non atopaba o seu can por ningures e, tras súa lectura, cada neno expresou os seus motivos para sentila. Hoxe, Día Escolar pola Paz, pensabamos dar por rematado a nosa actividade ao redor dos sentimentos pero nos está gustando tanto que imos seguir traballando ao redor deles o resto do trimestre.

miércoles, 28 de enero de 2015

O DOMINÓ


Como xa sabedes, os mércores é o día da semana que nos mergullamos de cheo no mundo das matemáticas. Como a última hora xa estamos un pouco cansos, traballámola centrándonos nos xogos de mesa. O trimestre pasado dedicámolo ao xogo da Oca e este andamos a voltas co dominó. Hainos de moitas clases e paseniño irémolos vendo. Por agora estamos co tradicional cos maiores e, cos pequenos, cun que temos coas grafías. 

Xa imos sabendo a cantidade que representan as fichas sen necesidade de contar os puntiños, pero aínda cústanos entender ben o mecanismo de colocación das pezas e, sobre todo, saber perder. Como sempre vos animamos a botar partidas de dominó en familia, pasaredes un rato agradable mentres os cativos aprenden e, se vos animades a mandarnos fotos, xa sabedes escoladeleiro@gmail.com

martes, 27 de enero de 2015

AUTRALIA NA MOCHILA...

Hoxe Carla compartiu connosco un agasallo moi especial que lle trouxo a súa madriña. Trátase dunha mochila na que podíamos ler o nome de Australia e, o que máis nos gustou, un adorable e suave Koala incorporado que todos queríamos acariciar.
Estamos montando un novo recuncho en clase con Australia como tema central. Andamos a investigar e coñecer cousas do país onde anda Félix, o noso peluche viaxeiro. Se na casa tedes contos, libros, DVDs, fotos, xoguetes, quebracabezas, postais, mapas, obxectos, folletos ou publicidade de axencias de viaxes, receitas… que queirades compartir,  podédelo traer para velo na aula e aprender todos xuntos.

lunes, 26 de enero de 2015

FELIZ DÍA DE AUSTRALIA


Cada 26 de xaneiro os australianos celebran o seu día nacional. Na nosa escola tamén quixemos unirnos á festa ondeando a súa bandeira. Pero primeiro tivemos que construíla. Deunos moito traballiño coloreala sen facer borrachos nas estrelas pero, cun pouquiño de paciencia, todos levamos a nosa bandeira australiana para casa.

viernes, 23 de enero de 2015

PLÁTANOS EN PIXAMA


A receita do noso obradoiro de cociña de hoxe tróuxonola Félix de Australia. Vímola no seu libroEl correo flotante de Félix. Como podedes ver na ilustración, na receita orixinal, o pixama do plátano faise con follado e hai que metelo ao forno. Coma na escola non o temos, optamos por adaptala e substituír ese ingrediente por pan de molde. Cando xa o tiñamos feito pensamos que quedaría moito máis bonito se lle poñiamos ollos, boca, pelo… Quedamos en probar na casa esta fin de semana a ver que tal nos sae.

jueves, 22 de enero de 2015

PREPARANDO O DÍA DA PAZ


O vindeiro día 30 de xaneiro celebrase o día escolar pola paz e a non violencia. Para conmemoralo, este ano na escola andamos a traballar ao redor das nosas emocións: tristeza, alegría, rabia, calma, medo, amor, noxo… Coa axuda dos libros da bolsiña de lectura imos descubrindo que as emocións que sentimos teñen nome e pódense compartir. Algunhas fanos sentir ben a nós e as persoas que nos rodean pero, outras, se non aprendemos a xestionalas adecuadamente, poden facernos dano.


Baseándonos no conto do vídeo anterior,“El monstruo de colores”, imos crear o noso bote de sentimentos para a paz. Pensamos enchelo das emocións positivas que axudan e facilitan a convivencia pero necesitamos que os cativos traian un bote de boca ancha para gardalas. Sírvenos calquera que non rompa se cae ao chan: o do cacao que lle botamos o leite, o das cremas, o da mascarilla do pelo …  se non teñen poden traer unha caixiña, latiña ou calquera outro recipiente que non sexa moi grande. Ao noso recuncho de sentimentos xa comezaron a chegar os primeiros: o bote dos sobres de azucre, unha caixiña dun cinto, outra das cápsulas do café … Paseniño iremos decorándoas e enchéndoas de emocións.

miércoles, 21 de enero de 2015

SUMAMOS PUNTOS


A semana pasada botamos un par de partidas co xogo de pesca que nos trouxo o Apalpador. Primeiro tíñamos que localizar o nome do xogador na lista, rodealo e pintalo da cor elixida polo participante. Despois había que lanzar a caña e descifar o valor do obxecto pescado. Por último, anotar os puntos que sacaba cada quen.

Hoxe, para ver quen era o gañador, rematamos de sumar os puntos acadados en ámbalas dúas xogadas. Agora xa sabemos que o xogo de pesca tamén nos sirve para sumar. 
Se queredes practicar sumas sinxeliñas facede clic aquí. Os que xa saben pode ir acrecentando o grao de complexidade aumentando o numero que aparece á dereita da pantalla onde di: dificultade.

martes, 20 de enero de 2015

A PEDRA DE ULURU


No medio do deserto australiano atópase a rocha máis grande do mundo. Félix falounos dela na súa carta e onte puidémola ver en varios libros da biblioteca, pero especialmente nunha fotografía preciosa do exemplar “Las maravillas del mundo explicadas a los niños.

A rocha Uluru, tamén chamada Ayers Rock, é un lugar sagrado para os aborixes. Aínda que é posible escalalo, os propietarios tradicionais non o fan e piden que, por respecto a súa cultura, outras persoas tampouco o fagan. Pero como puidemos ver no seguinte vídeo en clase, hai moitas persoas que soben a súa cima. 

lunes, 19 de enero de 2015

AUSTRALIA NO XORNAL


O xoves pasado retomamos o noso traballo semanal coa prensa para descubrir que en Australia é verán. Vímolo nun artigo do suplemento dominical Extra Voz número 207. Unha rapaza chamada Paula, que marchou a traballar a ese país, fala do costume de pasar o día de Nadal nos parques ou praias de pícnic. Iso de poder celebrar o Nadal na praia facendo bonecos de neve con area gustounos a todos.

jueves, 15 de enero de 2015

NA HORA DE LER… ¡SENTIMENTOS!

A maioría dos cativos saben recoñecer cando están contentos, tristes ou enfurruñados, pero o abano de emocións que podemos sentir é inmenso. Poñer nomes aos nosos sentimentos e aprender a xestionalos non é tarefa doada. Co obxectivo de ir aprendendo a identificar as nosas emocións e baseándonos na guía da biblioteca escolar Emociónate no Nadal, a nosa bolsiña de libros para a hora de ler veu onte cargada de contos que poden axudarnos a conseguilo. A semana pasada rematamos de ler matemáticas e onte xa comezamos a “ler emocións”. Para os que desexen mergullase connosco no mundo dos sentimentos, a continuación deixamos un bonito vídeo sobre o libro “El monstruo de colores”.

miércoles, 14 de enero de 2015

GUÍA DE LECTURAS DA SELVA


Como xa sabedes pola carta que nos enviou, a nosa mascota viaxeira chegou a Australia. Na escola pronto comezaremos a investigar sobre este país e, para facer sitio a este novo proxecto, onte estivemos desmontando o noso recuncho de “A Selva Amazónica” e levando para casa os materiais que compartimos cos nosos compañeiros. Pero non podíamos dar por rematado o noso traballo ao redor desta rexión de América do Sur, sen facer unha pequena recompilación dos materias nos que nos baseamos. 


Nesta guía de lectura tedes unha mostra da bibliografía que podedes atopar na biblioteca escolar, os nenos xa estiveron decidindo cal queren levar prestado para casa o luns na nosa visita semanal.

martes, 13 de enero de 2015

DÍA DO NÚMERO NAS PRENDAS DE VESTIR


Na mochila, na chaqueta do chándal, na manga da camiseta, na bolsa da merenda, no xersei … Estamos descubrindo que os números nos rodean e están en todas partes. Para xogar con eles, á vez que imos memorizando as grafías e o seu significado, lembrade que mañá mércores 14 imos celebrar “o día do número nas prendas de vestir”. Trátase de que ese día, se tedes, vistades aos vosos fillos con roupa nas que aparezan números. Vale calquera peza ou complemento: pantalón, saia, tenis, viseira, bufanda, calcetín … Será divertido e na aula argallaremos actividades ao seu redor.

lunes, 12 de enero de 2015

CARTA DE FÉLIX


A nosa lebre viaxeira chegou a Australia. Soubémolo hoxe a través dunha misiva que recibimos na biblioteca. Nela fálanos dunha chea de cousas descoñecidas para a maioría de nós, pero nas vindeiras semanas iremos debullándoas e seguro que aprenderemos moitas cousiñas.

Para comezar intentamos memorizar o nome do país, aínda nos custa pronuncialo, e miramos nos mapas para localizalo. Limos e buscamos na carta os nomes dalgúns animais que coñecemos e outras palabras que xa somos capaces de atopar no texto sen problemas. Un novo proxecto está en marcha, xa vos contaremos.

viernes, 9 de enero de 2015

ÁRBORE DE NADAL CON KIWI

Non podíamos despedirnos do Nadal sen facer algunha receita propia destas datas no noso obradoiro de cociña. Nada máis sinxelo e nutritivo ca unha árbore de Nadal con kiwis do país como principal ingrediente.

jueves, 8 de enero de 2015

COMEZAMOS O SEGUNDO TRIMESTRE…


Despois das vacacións de Nadal son moitas as novidades que traemos para contar aos amigos: os regalos de Papá Noel, as reunións coa familia, pequenos incidentes… Case todos volven con ilusión menos quen esqueceu o ben que se pasa na escola. Para eles temos unha chea de bicos, apertas e cóxegas que fan milagres e axudan a lembralo con facilidade.
Pero hoxe, sen lugar a dubidas, os protagonistas foron os agasallos que o Apalpador nos deixou na clase. Este ano trouxo un par de xogos de mesa que nos encantaron. O mellor xeito de empezar un novo trimestre é probándoos. Primeiro o de equilibrio: tirar o dado, coller a cor mandada e intentar colocar as pezas sen que caian … aínda que tan divertido nos resulta conseguilo como tirar con todo. Despois co de pesca: coller a caña, enganchar o peixe e ver os tantos acadados… o que máis puntos consiga gaña. Mañá seguiremos xogando, agora que xa sabemos o mecanismo non precisamos da axuda da mestra.