viernes, 30 de septiembre de 2016

TORTA DE MAZÁ

¡Que ricas están as mazás da horta da escola!. Primeiro degustámolas ao natural, mondadas sen máis. Despois envoltas con queixo para potenciar o seu sabor. E por último, cociñadas nunha saborosa torta.


jueves, 29 de septiembre de 2016

¡FELIZ OUTONO!


A semana pasada démoslle a benvida ao outono recollendo algúns dos froitos da horta da escola: abelás, castañas e sobre todo mazás. Con estas últimas imos inaugurar  mañá o noso obradoiro de cociña semanal.

Graciñas aos coidados da mestra Ana, este ano a maceira que plantou cos meniños para celebrar o día da árbore fai anos, deu froitas de abondo para degustar.

lunes, 26 de septiembre de 2016

EMPEZAMOS…

Hoxe deuse por rematado o período de adaptación e comezamos co horario de materias específicas e obradoiros semanais. 
A mañá iniciámola na biblioteca escolar elixindo libro para levar a casa e estreando os carnés-marcapáxinas que confeccionaramos con Zapatocas. Vimos como se escribía o noso número de lector e o nome da nosa mascota pero non a atopamos por ningures, xa empezamos a sospeitar que tal vez marchara a un deses viaxes que a ela lle gusta tanto realizar.

jueves, 22 de septiembre de 2016

COÑECENDO O TRABALLO DOS ESPECIALISTAS


Aínda que todos os novos alumnos xa están incorporados nas aulas en horario completo, esta semana continuamos con actividades e xogos que favorecen o período de adaptación dos máis pequenos.  Entre elas está ver o traballo que van realizar cos especialistas do centro. Dende o luns, cada día os meniños están a coñecer os que serán os seus mestres e a materia que con eles traballaran: inglés, música, natureza, ximnasia e audición e linguaxe. Mirade nas fotos que ben o pasan mentres aprenden.

lunes, 19 de septiembre de 2016

ZAPATOCAS VEN Á NOSA AULA

Hoxe recibimos a visita de Zapatocas, a mascota da biblioteca. Aos meniños gústalle collela no colo, acariñala e darlle aloumiños. 
Contounos que tiña moitas ganas de vernos e tróuxonos un agasallo para confeccionar. Trátase dun marcapaxinas especial para poñer nos libros da biblioteca que elixamos para levar prestados. Cada un viña co número de lector e os meniños puxeron o seu nome e decorárono. Xa queremos que chegue o luns para usalos na biblioteca e comezar a levar contos para casa.

viernes, 16 de septiembre de 2016

OS NOSOS NOMES NA CASA

¡Como medraron todos os meniños durante o verán! Agora que xa son maiores, aínda que permanecen na mesma aula, cambian de curso, e toca avanzar no coñecemento da nosa lingua escrita.  Como para eles non hai nada máis importante que o seu nome, continuamos traballando con el para progresar na aprendizaxe do noso abecedario e das normas que rexen o proceso lector.
Ao igual que o ano pasado, hoxe todos levaron para casa un folio plastificado co seu nome escrito cunha complexidade maior ao do curso anterior. Axudádelle a colocalo na súa habitación ou nun lugar visible para que o empreguen como referencia á hora de reproducilo.

jueves, 15 de septiembre de 2016

OS MALOS E MALAS CHEGAN Á HORA DE LER


Carapuchiña Vermella, Cincenta, O coelliño branco, As sete cabuxas e o lobo, A casiña de chocolate … todos estes contos teñen en común a existencia dun personaxe malvado entre os seus protagonistas. Nas vindeiras semanas os malos e malas dos contos reinarán na nosa aula a partir da hora de ler que cada día realizamos á volta do recreo.¿Quen se anima a enviarnos un comentario cos nomes dos malvados e malvadas que coñecemos esta semana?

miércoles, 14 de septiembre de 2016

MERENDANDO XUNTOS

Hoxe a nosa nova compañeira xa merendou connosco. Pouco a pouco o seu tempo de permanencia na escola vai aumentando e pronto daremos por rematado o período de adaptación.

martes, 13 de septiembre de 2016

O PRIMEIRO DÍA DE ESCOLA

Enredar cos compañeiros do curso pasado, coñecer aos novos alumnos, volver a estar coas mestras, recuperar as rutinas da aula e os xogos cos amigos … Hoxe todos os veteranos volveron á escola coa ilusión de facer todas estas cousas coas que xa estivemos quentando motores. Ata a nosa nova alumna máis pequerrechiña portouse como unha autentica chica maior e pronto estará connosco en horario completo. Nos vindeiros día iremos comezando as proposta que para este curso temos programadas.

martes, 6 de septiembre de 2016

BENVIDOS AO CURSO 2016/17

Rematado o período de vacacións de verán, aquí estamos de volta para darvos a benvida ao novo curso escolar. O vindeiro luns, ás 10 horas, faremos a primeira reunión coas familias na que vos daremos información sobre todo o que temos programado para este ano académico. Deberedes vir acompañadas dos nenos, haberá unha mestra para estar con eles facendo actividades mentres nós falamos. Aos novos alumnos serviralle para ter un primeiro contacto coa escola arroupados pola súa familia e aos maiores para comezar con máis ganas. Se tedes calquera dúbida podedes chamar ao colexio ou enviarnos un correo electrónico a escoladeleiro@gmail.com.