miércoles, 28 de junio de 2017

OS FILLIÑOS DE SOFÍA

Non podiamos despedir este curso sen unha última mención ao noso paxariño e a súa niñada. A clase, por votación, decidiu chamarlle Sofía e durante un par de semanas toda a comunidade educativa colaborou para non molestala no proceso de incubación. A eclosión produciuse e as crías xa teñen case dúas semanas de vida. Antes de dar vacacións, con moito coidadiño para non asustalas, vímolas e decidimos chamalas: Paula, Rayo e Carpeta. Como Sofía e as súas crías non poden agradecer os coidados, facémolo nós no seu nome: ¡MOITAS GRAZAS!. 
¡Feliz verán!. Volvemos en setembro.

martes, 20 de junio de 2017

VARIANTE ESPIRITUAL DO CAMIÑO PORTUGUÉS


Dende que Lucía trouxera un mapa de O Camiño de Santiago e viramos que a Variante Espiritual do Camiño Portugués pasaba preto da nosa escola, tíñamos moitas ganas de facer unha pequena etapa. Comezamos por poñernos en forma e durante todo o curso saímos a camiñar cada día antes do recreo. Despois seleccionamos o tramo que mellor se adaptaba a idade dos nosos pequenos peregrinos: Ponte de Cabanelas - Pontearnelas. E por fin, despois de moita preparación e coa colaboración das familias, onte realizámola.
 No transcurso da mañá, ademais de aprender a seguir a sinalización do camiño,  vimos as plantacións de cultivos propios da nosa zona: viño, millo, patacas, leitugas, xudías, kiwi … Descubrimos as árbores froiteiras que bordean o sendeiro: figueiras, abeleiras, pereiras, pexegueiros … Vimos corvos, merlos, patos, ocas, peixes … e ata un burro que orneou con tal intensidade que detivemos a marcha co susto. Recoñecemos as estrugas e observamos a forma das súas follas para distinguilas da mentraste ou menta de burro, e aprendemos como empregar esta última para calmar o prurito que produce o contacto da primeira. Por suposto non faltaron os peregrinos, cargados coas súas mochilas, vieiras e bastóns.
Tras lavar as mans, un descanso e un bo bocadillo para recuperar forzas. Despois escribimos e intentamos memorizar o nome desta ruta e ilustrámola debuxando as nosas vivencias. Ao rematar viñeron os xogos: o pañuelito, guante guante … Paseniño ía chegando a hora de rematar a ruta pero aínda sobrounos tempo para cruzar a ponte de madeira e ver os saltos de auga do río Umia.










miércoles, 14 de junio de 2017

CONVIVENCIA 2017

O final de curso achegase e pronto os maiores remataran a súa etapa de infantil. Para coñecer os que serán os seus novos compañeiros e familiarizarse coas instalación do seu futuro colexio,  o pasado venres tivemos unha convivencia no CPI Julia Becerra Malvar. Foi unha mañá do máis intensa. Primeiro viaxamos no transporte escolar, despois as mestras de infantil de Barrantes argallaron xogos de presentación e, xa máis relaxados, asistimos a un contacontos na biblioteca. Para recuperar forzas, merendamos xuntos e os nenos coñeceron a algúns dos profesores que lle darán clase. No campo de fútbol atopamos antigos amigos e despois de moitas apertas, fomos á aula de música a un concerto que prepararan os maiores de primaria. Para rematar, o mestre de ximnasia fixo varias actividades con todos xuntos e, xa cansadiños pero contentos, chego o momento de regresar ás escolas. 

martes, 6 de junio de 2017

UN NIÑO NO BUZÓN


A semana pasada atopamos a caixa do correo chea de musgo. Ao día seguinte,  o que parecía un acumulo de herbas estaba transformado nun xeitoso niño. Onte descubrimos un paxariño aniñado no seu interior. Cando chegamos á mañá escapou asustado pero en canto entramos volveu a incubar os tres oviños que puxo.
 Gustaríanos ver todo o proceso de incubación e eclosión dos ovos e como medran os paxariños. Para molestalo o menos posible e que consiga sacar adiante a niñada, saímos e entramos ao recreo pola porta traseira do colexio. A ver se entre todos coidámolo e logramos que non abandone o niño. 
Onte aproveitamos o acontecemento para buscar na biblioteca libros de aves e investigar sobre o ciclo vital destes seres. Hoxe estivemos traballando ao redor do libro “El nido de pájaros” donde observamos o crecemento de los herrerillos, desde a posta de ovos ata o primeiro vo dunha das crías. Nel limos que cada cría necesita comer 100 eirugas e insectos ao día. Xa vos seguiremos contando cousiñas sobre estes novos membros da escola si non nos abandonan.

lunes, 5 de junio de 2017

EXCURSIÓN Á ILLA DE AROUSA

Aínda que xa vai moito tempo que a realizamos, tíñamos pendente publicar as fotos da xornada na que visitamos o porto, a lonxa e a zona de marisqueo. Grazas ao Plan Proxecta: “O sabor da aventura está no mar”, no transcurso da mañá vimos os diferentes tipos de embarcacións, as artes que empregan, as especies que capturan, participamos nunha poxa ficticia e acompañamos ás mariscadoras para ver de preto como realizan o seu traballo. E para rematar, unha rica merenda mariñeira.

jueves, 1 de junio de 2017

DÍA DO MERCADO

Co obxectivo de reactivar e dinamizar o papel dos mercados nas cidades potenciando así a compra do produto local, celebrase o día internacional dos  mercados. Na excursión a Santiago regaláronos o contiño “Ana e Xurxo celebran o Día do Mercado” que traballamos na clase e hoxe levaremos para casa. Na aula de natureza os meniños xa viron os nomes dos diferentes establecementos e os produtos que neles podemos atopar. Agora xa soamente nos queda visitar o mercado da nosa localidade en familia e cantar connosco.