Como quedaramos a semana pasada, hoxe, cos
maiores e os medianos da aula, comezamos a elaborar unha axenda cos números de
teléfonos. O primeiro ver como son. A mestra María prestounos a do centro e
comprobamos que nun lateral teñen o abecedario. A orde é moi importante para
localizar o que buscamos. Teñen dúas columnas, unha para os nomes e outra para
os números. Os nomes están ordenados pola letra que empezan. Nós tamén imos
facer o mesmo e iniciamos o noso listado cos nomes dos nenos que empezan por A.
Despois tiñamos que localizar as tarxetas que realizaramos o pasado mércores e
copiar ben os díxitos. ¡Canto traballiño e soamente fixemos o “A”!.. xa vos
contaremos como imos avanzando, mentres podedes ensinarlle aos cativos a axenda
de teléfono da casa e axudarlle a buscar os números que sexan do seu interese.
miércoles, 30 de septiembre de 2015
martes, 29 de septiembre de 2015
DEBAJO UN BOTÓN
lunes, 28 de septiembre de 2015
ZAPATOCAS EN ANDALUCIA
Nunha entrada anterior quedounos pendente
falarvos da carta que traía Zapatocas e sobre a que estivemos traballando a
semana pasada. Nela contábanos que quería viaxar a Andalucia e animábanos a
buscar información sobre esta Comunidade Autónoma.
Na aula xa comezamos a
montar un recuncho para colocar todo o material que atopemos: o primeiro o
libro “Andalucia” que Zapatocas trouxo como agasallo. Se na casa tedes contos,
libros, DVDs, fotos, quebracabezas, postais, mapas, obxectos, folletos ou
publicidade de axencias de viaxes, receitas… relacionado con esta Comunicade e
adaptado ás idades dos nosos alumnos, podédelo traer para velo na aula, enriquecer
o noso recuncho e aprender xuntos.
Hoxe na nosa visita á biblioteca escolar buscamos
onde estaba colocado o libro que atopou Zapatocas. Vimos que tiña pegatina
branca e o número nove porque trata de xeografía e está situado xunto a máis exemplares que falan de países e outros lugares.
viernes, 25 de septiembre de 2015
BOLBORETAS DE UVAS
É
tempo de vendima e aproveitamos a oportunidade que as uvas nos brindan para
inaugurar o noso obradoiro de cociña empregándoas como ingrediente principal. Esta
mañá engadímoslle sandía ou melón atendendo ao gusto dos comensais e realizamos
esta divertida e nutritiva merenda.
jueves, 24 de septiembre de 2015
¡CANTOS XORNAIS!
Unha vez máis temos que agradecer as familias
á súa implicación nas actividades propostas dende a escola. Nesta ocasión compartindo
connosco os xornais que de diferentes xeitos chegan as súas mans. A través
deles soubemos que un tractor cargado de uva virou en Ribadumia, que un golfiño apareceu morto na Praia ou que hai periódicos que falan
exclusivamente de deportes.
Ademais de ler as novas que a prensa recolle, hoxe comezamos
co traballo sistemático arredor deles. Cos
maiores lembramos os nomes dos que víamos o curso pasado e intentamos ler e
identificar os seus anagramas. Aos pequenos aínda lles costa aclararse co seu
manexo e utilidade pero xa puideron realizar tarefas para diferenciar os periódicos
doutros materiais impresos como os contos.
miércoles, 23 de septiembre de 2015
OS NOSOS NÚMEROS DE TELÉFONO
Tras o período de vacacións estival, varios
dos medianos da clase esqueceron como se chaman algunhas das grafías dos números
e moitos perderon a habilidade para realizar ben os seus trazos. Para
axudarlles na adquisición destas destrezas á vez que avanzamos no coñecemento do
emprego e significado dos números na vida diaria, comezamos a traballar a redor
dos números de teléfono.
Cada neno localizou o seu no listado que temos en clase, recortámolos, vimos que
díxitos contiñan, descubrimos que todos comezaban por seis, confeccionamos tarxetas
para continuar facendo tarefas con eles e intentar memorizalos, copiámolos e nas vindeiras semanas
intentaremos crear as nosas propias axendas de teléfonos, a ver que tal nos
saen.
martes, 22 de septiembre de 2015
OS MARTES… XOGOS TRADICIONAIS
Primeiro, comprobamos si sabíamos contar ata
15 e ensaiamos todos xuntos para axudar aos máis pequenos. Despois, para aprender
a canción, vímola un par de veces no encerado dixital. Acto seguido, a mestra Olalla
converteunos en elefantes e, no Local Social, seguindo as consignas da letra,
fomos montándonos nunha improvisada tela de araña que con tanto peso rompeu
mentres botabamos unhas risas.
Para non esquecer todos os xogos e cancións tradicionais
que imos aprender, ao rematar de xogar escribimos o título da canción para ir creando a nosa propia
recompilación. Os pequenos con letras móbiles e moita axuda. Para os medianos e
maiores engadimos tamén a letra e os números. Unha mágoa que chegara a hora da saída e non nos dera tempo de volver a xogar.
lunes, 21 de septiembre de 2015
ZAPATOCAS
Hoxe comezou a
funcionar a nosa biblioteca escolar e nela atopámonos cunha gran sorpresa: a
mascota da biblioteca. Chámase Zapatocas e naceu no ano 2002 da man dunha nena da escola de
Ribadumia. Durante catorce anos deu nome a nosa revista escolar e, cando
creamos a nosa biblioteca, converteuse na súa mascota. Sempre tivemos imaxes dela
pero foi este verán cando a mestra Marta conseguiu contactar con alguén que
puidera sacala do papel e transformala nun boneco ao que abrazar. Esta mañá xa
estaba subida nun andel cunha carta na man e rodeada de libros pero iso volo
contaremos outro día.
Hoxe os protagonistas,
ademais de Zapatocas, foron os libros. Puidemos gozar deles e escoller un para
levar. A mestra Ana explicoulle aos máis pequenos como funciona o sistema de
empréstito, cales son as normas de funcionamento e como debemos de gardar os
libriños na nosa bolsa de biblioteca para que vaian protexidos na súa viaxe ata casa. Como xa vos
contamos o día da reunión de principio de curso, seria desexable que, ao igual
que os libros que conteñen, nos axudedes a mantelas en bo estado. Tamén
comezaron a súa andaina as mochilas viaxeiras e cada semana visitará unha familia.
domingo, 20 de septiembre de 2015
REMATAMOS O PERÍODO DE ADAPTACIÓN
Dende que comezou o curso, gradualmente, os novos
alumnos foron coñecendo espazos, materiais, mestres, compañeiros … Os veteranos
adaptándose aos roles que “facerse maior” leva: cambio de amigos, máis
responsabilidades, tarefas diferentes, xogos de complexidade crecente …
Tras
unha incorporación gradual dos máis pequenos e un horario flexible e axustado
ao forte momento emocional co que todos vivimos estes primeiros días, o venres
dimos por rematado o período de adaptación. O luns comezaremos cos obradoiros e o traballo coas
mestras especialistas.
sábado, 19 de septiembre de 2015
¿ONDE COLOCAMOS O NOME?
Xa temos
a primeira foto co sitio elixido para pousar o nome propio na casa. Carla púxoo
no cadro da súa habitación, unha proposta bonita e orixinal para os que aínda non se decidiron.
Na asamblea do venres os nenos contaron que o colocaron na neveira, na mesa, no chan … A ver se alguén máis se anima a enviarnos fotos e continuamos publicándoas nesta entrada.
Na asamblea do venres os nenos contaron que o colocaron na neveira, na mesa, no chan … A ver se alguén máis se anima a enviarnos fotos e continuamos publicándoas nesta entrada.
E chegounos a segunda foto cunha elección espectacular... a neveira. |
jueves, 17 de septiembre de 2015
COS NOMES PARA CASA
Hoxe, como todos os anos a principio de curso, os
nenos levaron para casa un pequeno cartel co seu nome para colocar nun lugar
visible. Cada curso o nome ten unha complexidade engadida para avanzar no
coñecemento da lingua escrita, polo que debe de substituír ao anterior. Traballamos
a redor del porque, ademais de servir para identificarnos, é un texto sinxelo, curto e ofrece
un modelo
fixo para avanzar no coñecemento do noso sistema de escritura. Podedes colocalo
na habitación, na porta do armario, na cociña, no baúl dos xoguetes … pero
sempre ao alcance dos cativos. Animádevos a mandarnos comentarios co lugar que
escolleu cada rapaz, se ademais nos enviades a escoladeleiro@gmail.com unha foto del co neno no sitio da casa elixido, publicaremos a imaxe no noso blog, seguro que
aos meniños lles divirte ver onde o colocaron os seus compañeiros.
miércoles, 16 de septiembre de 2015
TRABALLANDO CON ROTULADORES…
¡Como lles gusta aos pequenos pintar cos
rotuladores!... pero para non estragalos temos que aprender a usalos
correctamente. Primeiro quitar a tapa, despois colocala na parte traseira para
non perdela, pintar sen calcar demasiado para non romper o papel e, por último,
volver a colocar a tapa facendo “clic” para que non caia.
martes, 15 de septiembre de 2015
O RECUNCHO DA COLCHONETA
Un dos recantos máis activos da nosa aula é o
da colchoneta. Nel os cativos poden xogar con animais, ferramentas, bonequiños,
coches, barcos, camións e, sobre todo, con gran variedade de pezas de construción.
Pero ademais de lugar de xogos, a colchoneta é tamén o espazo onde facemos
multitude de actividades: contamos as nosas inquedanzas e sucesos na asamblea, ollamos
o xornal, marcamos o calendario, anotamos o tempo meteorolóxico, realizamos a
hora de ler, escoitamos música, cantamos… Hoxe, os pequenos, coñeceron algunhas
das tarefas que nela facemos pero, especialmente, gozaron coa cantidade de xoguetes
que este curruncho ten.
Pouco a pouco, os novos alumnos van ampliando
o seu tempo de permanencia na escola. Está mañá xa merendaron connosco e quedaron ata a
hora da saída co resto dos seus compañeiros. Portáronse como auténticos chicos
maiores e integráronse nas rutinas da aula sen dificultade.
Mentres, cos maiores e
medianos, imos quentando motores na aprendizaxe da lectoescritura traballando
ao redor dos nomes dos novos amigos. Vimos como se escribían, copiámolos do
encerado, asociámolos coas fotos e contamos cantas letras tiñan cada un. Por certo
… ¿quen se lembra que nome tiña máis letras de todos?... A ver quen nos manda
un comentario coa resposta.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)