domingo, 21 de junio de 2015

FESTIVAL DE FIN DE CURSO 2015

Xogos con aros, pelotas e diverso material de psicomotricidade, carreiras, circuítos, cancións, bailes, un mural para darlle a benvida ao verán, unha gran merendola, actuacións e … ¡ata un contacontos en inglés! … Entre risas e bágoas, o pasado venres puxemos fin ao curso escolar. Graciñas a todas as familias pola súa axuda e colaboración durante todo este ano académico. ¡Feliz verán!.

miércoles, 17 de junio de 2015

PREPARANDO A FESTA DE FIN DE CURSO


Elixir a actividade a realizar, elaborar unha pequena coreografía na que poidamos actuar todos, repartir as accións a desenvolver, ensaiar, confeccionar os disfraces, recortar, pegar, probar … ¡Canto traballiño levamos, pero que ben o pasamos cos preparativos da nosa festa de despedida!. Non vos esquezades, o venres 19 vémonos todos no pavillón que está xunto á escola de Sisán

viernes, 12 de junio de 2015

EXCURSIÓN DE FIN DE CURSO

Viaxe en autobús ata Apípolis, visita ao apiario vestidos co noso traxe de apicultor, observación da colmea, percorrido polas salas da exposición para ver a raíña das abellas e aprender sobre o mundo destes insectos, extracción e degustación de mel e polen, creación dunha candea, elaboración dunhas riquísimas galleta de mel … ¡Que ben o pasamos e cantas cousas descubrimos!

jueves, 11 de junio de 2015

DESPEDÍNDONOS DE ALEMAÑA…


O curso vai chegando o seu fin e con el o momento de rematar os proxectos comezados. Aínda nos queda moito por coñecer do país xermano pero temos que ir desmontando o noso recuncho.  No transcurso da vindeira semana iremos devolvendo os materiais ás familias que tan xenerosamente compartiron connosco. Hoxe realizamos unha pequena merendola e probamos os alimentos producidos en Alemaña que tíñamos: obleas, galletiñas, chocolate de améndoa, de abelás e o que máis éxito tivo: o chocolate de iogur.

miércoles, 10 de junio de 2015

COCIÑANDO SENTIMENTOS PARA A IGUALDADE

Este é o traballiño que presentamos para a V edición do concurso escolar convocado polo Parlamento de Galicia baixo a lenda "En busca da igualdade".  Non conseguimos gañar,  pero nós pasámolo ben igual traballando ao redor das nosas emocións.
E falando de sentimentos, hoxe por fin os nenos levaron para casa o “Sentimentómetro”  que construímos o martes para expresar os nosos estados de ánimo. Trátase da nosa propia versión da ruleta que vimos no libro ¡Sentimentos!  alá polo mes de febreiro e que tantas ganas tíñamos de facer.

martes, 9 de junio de 2015

PREPARANDO A EXCURSIÓN DE FIN DE CURSO

Este venres, para coñecer o impresionante mundo das abellas,  imos visitar Apípolis. Onte, xa quentamos motores degustando o rico mel que nos trouxera Carlos da colleita da súa casa.  ¡Que rico estaba!... un bico moi forte para a súa familia por compartir connosco tan delicioso e nutritivo alimento.

Despois, aproveitando a nosa visita semanal á biblioteca escolar, comezamos a mergullarnos na vida destes traballadores insectos observando algúns dos libros que temos deles. Vimos como é a súa anatomía e os nomes das partes do seu diminuto corpo. Seguro que na excursión descubriremos moitas más cousas.  Non vos esquezades de ser puntuais, levar calzado cómodo e seguir as indicacións da nota que levaron hoxe os nenos para casa.

lunes, 8 de junio de 2015

PIRAMIDE DE NADAL

A semana pasada o noso recuncho de Alemaña tivo unha achega moi especial: unha pirámide de Nadal. A maioría de nós nunca escoitara falar dela pero Rita, ademais desta preciosa construción de madeira, tróuxonos información ao respecto. É unha especie de carrusel con forma de pirámide rematado cunha hélice que se move ao prender as candeas da base. Emprégase como elemento decorativo de Nadal nalgunhas zonas do país xermano e algunhas poden alcanzar o tamaño dun edificio.
Ver cada un dos seus pisos cheos de figuriñas encantounos, pero comprobar como se movían as aspas ao acender  as candeas, deixounos abraiados.
Neste enlace podedes volver a ver como montan a Pirámide de Nadal no mercado de Nadal de  Schweinfurt.
 Unha vez máis graciñas ás familias por compartir connosco os seus pequenos tesouros.

miércoles, 3 de junio de 2015

CONVIENCIA ESCOLAR 2015


Os maiores da escola  tiveron unha mañá do máis emocionante. Fomos no transporte escolar ata o que será o seu futuro colexio. Coñeceron os seus compañeiros do vindeiro curso e algunhas das mestras. Visitamos as aulas de primeiro e de música, a biblioteca, o comedor … A profesora de inglés leunos un conto moi divertido e ensinou algunhas palabras nesa lingua. Coa mestra de música cantamos, bailamos e ata aprendemos como relaxarnos cun “agradable masaxe musical”.

martes, 2 de junio de 2015

O INSECTO PAU DE CARLOS


Hoxe quedamos abraiados co insecto que nos trouxo Carlos nunha caixiña. Tratábase dun insecto pau de cor marrón. Tras observalo buscamos na biblioteca libros que nos aportaran información sobre estes curiosos animaliños.  Descubrimos que tamén poden ser de cor verde e que durante o día case non se moven para pasar desapercibidos. Nun dos exemplares que consultamos vimos tamén o insecto folla e, noutro, estaba tan ben camuflado que custounos atopalo na páxina que indicaba o índice.