lunes, 30 de octubre de 2017
domingo, 29 de octubre de 2017
A XACIA DE LUCÍA
Conforme os meniños van traendo os seres mitolóxicos elixidos,
en clase ímolos vendo e facendo unha pequena exposición. Despois con todos os do colexio crearemos un
libriño que poderá verse o día da festa do Samaín e pasará a formar parte da
nosa biblioteca escolar. Para os que aínda desexen participar lembrade que mañá
é o último día. Xa coñecemos a moitos, pero sen
lugar a dúbidas, un dos favoritos é a Xacía. Lucía tróuxonos unha
moi especial que construíu coa axuda da súa mamá. Explicounos que se queredes
facela na casa soamente necesitades un tubo de papel hixiénico e un pouquiño de
imaxinación.
viernes, 27 de octubre de 2017
UN CALACÚ MOI ESPECIAL
A pesar dos anos transcorridos dende que María rematou a
súa etapa de infantil, a súa mamá continúa compartindo xenerosamente connosco
os enormes calacús da horta da avoíña. Cada ano, na véspera do Samaín, aparece
na escola cargada cunha enorme cabaza que esperta o entusiasmo dos cativos. O de
hoxe é tan grande que tivemos que pedir axuda a varias mestras para sacalo do
coche, a ver se o luns somos capaces de baleiralo e decoralo con xeito para a
nosa festa. Moitas grazas Elena pola túa xenerosidade e agarimo. Un bico moi
forte para María e unha gran aperta para a avoíña.
jueves, 26 de octubre de 2017
ANDANDO E MOITO MÁIS
Agora que xa levamos máis dunha semana de andaina diaria
e os pequenos saben máis ou menos camiñar en fila, comezamos a integrar a
observación da contorna e os xogos nos nosos percorridos. Gardar o equilibrio
para evitar caer a un imaxinario río cheo de crocodilos, enredar coa alfombra de
follas que o outono deixou no xardín, descubrir as primeiras setas que empezan
a saír … son algúns dos múltiples estímulos que cada mañá atopamos.
martes, 24 de octubre de 2017
¡FELIZ DÍA DAS BIBLIOTECAS!
Como xa sabedes, nas aulas andamos a traballar ao redor
da mitoloxía. Para apoiar as diferentes actividades, na biblioteca escolar
creamos un recuncho con todos os fondos relacionados co tema e, para conmemorar
o día das bibliotecas, editamos a seguinte guía de lecturas para dalos a coñecer
entre as familias.
Onte os meniños levárona para casa en formato papel pero
previamente vimos os libros que contiña, falamos dos que xa leramos e miramos
os novos. Cada cativo xa vai tendo os seus favoritos, cando acabemos de traballar
con eles poderán levalos para casa.
lunes, 23 de octubre de 2017
domingo, 22 de octubre de 2017
O MEU SER MITOLÓXICO FAVORITO
O luns invocamos ao nubeiro e ao tronante, para que cos seus poderes, fixeran soltar ás nubes toda a auga que puideran e apagaran os lumes que asolaban Galicia. Pero queremos descubrir moitos máis. Por iso o xoves propuxémosvos traer á escola o nome e imaxe do voso favorito. Para aqueles que aínda non se decidiran, nos seguintes enlaces teñen moitas ideas:
viernes, 20 de octubre de 2017
O HOME DO SACO
Este xigantón que leva nun saco aos nenos que se portan
mal e andan sós polos camiños no serán, empregábase para facer que os nenos volveran
a casa cedo. Para superar o medo a este ser mitolóxico, o pasado mércores
dedicámoslle a nosa sesión semanal de
xogos. Baseándonos na canción de Rosa León “Jugando al escondite”,
creamos a nosa propia versión substituíndo o lobo polo home do saco, papel que asumía a mestra.
jueves, 19 de octubre de 2017
PREPARÁNDONOS PARA O MAGOSTO
Cada
curso, na festa do Samaín, realizamos un Magosto e levamos castañas asadas para
casa. Este ano, en lugar do tradicional cartucho, imos utilizar envases de Tetra
Brik que decoraremos nun obradoiro o día da celebración. Hoxe estivemos envolvéndoos
en papel de periódico e facendo a primeira parte do traballo. Os que non o trouxeron
aínda están a tempo.
miércoles, 18 de octubre de 2017
NA HORA DE LER… MITOLOXIA GALEGA
Hoxe, o trasniño da clase, tíñanos preparada unha pequena
sorpresa. Metérase na nosa bolsiña da hora de ler e encheraa de contos
relacionados coa mitoloxía galega. O home do saco, As mouras,
Pedro Chosco,
A coca de Redondela, O Apalpador, O Papón,
A xacia… Cada día o
encargado escollerá cal prefire que leamos e paseniño iremos coñecendo a todos
estes seres fantásticos que forman parte da cultura popular.
martes, 17 de octubre de 2017
AS ESCOLAS DA MILLA
O
sedentarismo converteuse nunha ameaza para os meniños que pasan máis horas
sentados fronte á televisión e o ordenador que xogando ou realizando actividades
ao aire libre. Para combatelo, o programa escolar “Las escuelas de la milla”
anima a todos os colexios a axudar aos nenos a
percorrer unha milla diaria cos seus compañeiros de clase. Ao igual que o curso
pasado, na nosa escola decidimos participar adaptando o reto ás idades dos
nosos alumnos. Se a climatoloxía o permite, cada día camiñaremos ao redor do
centro ata acadar o quilómetro diario. Deste xeito, ademais de adquirir hábitos
saudables e outros beneficios,
estaremos en forma se a final de curso decidimos volver a facer un anaquiño do Camiño de Santiago como o ano pasado.
Comezamos
hoxe facendo un percorrido pequeniño pero traballando aspectos importantes como
saber ir en fila, seguir o camiño marcado, no empuxar, adaptar o ritmo da marcha aos máis
pequenos, esperar polos demais …
viernes, 13 de octubre de 2017
miércoles, 11 de octubre de 2017
SOY UNA SERPIENTE
Hoxe dedicamos a nosa sesión de xogos a “Soy una
serpiente”. Un divertido enredo que podedes ver facendo clic aquí.
lunes, 9 de octubre de 2017
MITOLOXÍA
Este curso, co gallo da festa do Samaín que celebraremos
o día 31, andamos a traballar ao redor da mitoloxía. A semana pasada, na nosa
visita semanal á biblioteca, co conto “O zapateiro e os trasnos”
coñecemos a eses seres fantásticos. Descubrimos que son pequenos, de hábitos
nocturnos e gustan de facer travesuras revolvendo as cousas e agachándoas. Na clase
temos un e xa fixo algunha que outra trasnada cambiando os nomes de lugar ou
imprimindo mal as fotocopias.
sábado, 7 de octubre de 2017
PASTELIÑOS DE CACAHUETES
Parece fácil abrir un paquete de sobaos, pero cando temos menos de catro
anos, conseguilo sen que rompa require un esforzo importante. Se a isto lle engadimos loitar contra
un cacahuete que non se quere abrir, o reto aumenta. Estes pequenos desafíos iran aumentando a coordinación
e destreza manual dos meniños á vez que experimentan
cos diferentes alimentos.
miércoles, 4 de octubre de 2017
OS XOGOS TRADICIONAIS
Este curso imos dedicar os mércores a coñecer e practicar
os enredos tradicionais. Comezamos hoxe coa nosa versión particular da canción “Un elefante se balanceaba…” . No desenvolvemento do xogo convertemos unha
corda en tea de araña e nós pasamos a ser os elefantes que se balancean.
martes, 3 de octubre de 2017
A BIBLIOTECA MUNICIPAL
A semana pasada aproveitamos a saída á Festa do Deporte
para coñecer a Biblioteca Municipal de Ribadumia. Ademais de ver as súas instalacións e ler algún contiño, fixémoslles o carné de usuario que onte levaron para casa. Deste xeito, se vos animades a visitala en
familia poderedes levar libros en empréstito de forma gratuíta.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)