viernes, 29 de mayo de 2020

MIRONINS

Hoxe imos coñecer uns personaxes moi especiais: os Mironins. Estes pequenos seres viven nos cadros de Joan Miró e saen a pasear pola Fundación do pintor cando cae a noite.



Na seguinte imaxe da súa páxina web, podemos coñecer a personalidade das tres gotas de pintura que escaparon dun dos cadros de Joan Miró. Animádevos a debuxalas?



A ÁRBORE XENEALÓXICA DE MARCOS

Xa temos a segunda árbore xenealóxica. Nesta ocasión foi Marcos quen se animou a investigar. Esperamos seguir recibindo máis.  Dan moito traballo pero despois quedan moi chuliñas e axudan aos nenos a coñecer a súa historia familiar.

jueves, 28 de mayo de 2020

DÍAS DE PRAIA

Aínda que temos que seguir tendo coidadiño e manter a distancia de seguridade, xa podemos ir á praia. Nela ábrese un mundo de posibilidades que Marta xa quixo compartir connosco. Pódemos escribir nomes na area, debuxar, deixar pegadas, facer figuras, realizar construcións con moldes ou sen eles, xogar ao tres en raia, crear mandalas con cunchiñas, experimentar con recipientes … Se vos apetece mandarnos as vosas fotos coas vosas creacións, seguro que inspiramos aos compañeiros e descubrimos novas posibilidades.

martes, 26 de mayo de 2020

O RETO COMEFROITAS DE MARCOS


Listos para superar o reto comefroitas de Marcos? El preparou unha exquisita brocheta. Seguro que sodes capaces de enviarnos un correo cos ingredientes. Se ademais a comedes, aínda estades a tempo de completar o álbum e convertervos en reis ou raíñas da froita do mes de maio. E non esquezades que podedes seguir enviando novos retos comefroitas.

OS NOMES DA FAMILIA

Fai moito tempo que non xogamos cos nomes e hoxe vos propoñemos retomar o tema empregando os de toda a familia. Trátase de facer un listado con todos eles como na foto que nos enviou Marcos cos da escola, non fai falta que poñamos foto se non temos. Podemos escribir os que queiramos: os dos primos, tíos, avós, irmáns … Despois contamos cantas letras ten cada un e anotamos o número. E para rematar vemos o que ten máis, menos ou igual. Tamén podemos facer tarxetas con eles e ordenalas de máis a menos número de grafías ou á inversa.

A ÁRBORE XENEALÓXICA DE ROI

Mirade que árbore máis chuliña construíu Roi coa axuda da súa familia. Cóntanos que gustoulle moito este reto. Recortaron os nomes e Roi foi poñéndoos  cadanseu sitio. Animádevos a facer a vosa, seguro que o pasades tan ben coma el.

OS NOMES DOS PITIÑOS


Lía xa pensou nomes para os pitiños de verderolo. Ela cre que son femias e como lle gustan moito os “Bebés llorones”, esta valorando chamarlles coma eles: Lady, Doti, Coni e Lala. Se vos animades podedes mandar máis propostas para que ela decida.

lunes, 25 de mayo de 2020

O LINCE IBÉRICO

Como xa sabedes polas diferentes actividades propostas pola mestra Ana no blog de natureza, o  pasado 22 de maio conmemorouse o Día Internacional da Diversidade Biolóxica. Para apoialo vos propoñemos varias actividades sobre unha das especies en perigo de extinción: o lince ibérico. Podemos comezar quentando motores vendo en familia o seguinte documental que seguro espertará lembranzas entre os máis maiores da casa.


Despois vos suxiro pasar á prensa dixital e ler e comentar cos meniños  esta noticia aparecida nas últimas semanas. Nela poderedes ver o nacemento de tres cachorros de lince ibérico. Por último e se vos apetece, podedes cubrir esta ficha ou sacar ideas para crear unha.diferente. Outra opción é investigar, debuxar ou crear e mandar unha foto ou vídeo do voso traballo.

O RETO DAS PITAS


Lía, Marta, Ero e Rosana xa superaron o reto das pitas. Seguro que moitos de vós tamén. Por se alguén ten dúbidas e non contou algunha galiña que andaba algo agochada, mirade nas fotos dos vosos compañeiros a solución.


E xa que andamos a voltas coas pitas, deixamos sen contar as que aparecen nas foto que nos enviou Marcos. Coidado que hai dúas aves intrusas que non son galiñas! Esperamos os vosos correos coa resposta.

OS ARRASTRES DE MARTA

Coa nova proposta do mestre de educación física mirade no vídeo de Marta que ben o podedes pasar practicando. Un divertido xeito de darlle unha nova vida as caixas de cartón e aos tubo de papel de cociña. Se probades a decoralos como se fosen auténticos coches de carreiras seguro que vos quedan moi chuliños e vos divertides dobremente. Neste enlace e aquí tedes algunhas ideas.

viernes, 22 de mayo de 2020

ÁLBUM DE FAMILIA

O pasado 15 de maio celebrouse o Día Internacional da Familia. Para conmemoralo a mestra María propuxo a actividade da que Roi nos manda a foto.


Esta esta fin de semana propoñémosvos continuar traballando ao redor do tema pero empregando os nosos álbums de familia. Trátase de buscalos, xa sexan en formato papel ou dixital, e ver cos meniños eses onde aparecen irmáns, avós, primos, tíos, amigos, mascotas, viaxes, celebracións, rutinas... Todas as familias teñen a súa historia particular cargada de lembranzas, historias, anécdotas … un xeito bonito de non esquecela nunca é compartila cos nosos fillos. Coma sempre, se vos apetece, podedes mandarnos debuxos, vídeos, textos ou fotos deses momentos compartidos.



E se vos animades incluso podedes crear a vosa árbore xenealóxica, neste enlace tedes algunhas ideas  por se vos serven de inspiración.

jueves, 21 de mayo de 2020

OS PAXARIÑOS DO POEMA


Rosana, Ero e Lía xa atoparon as aves agochadas no poema de Ricardo Carvalho. Seguro que moitos de vós tamén o fixestes. Por se  alguén anda despistado e aínda non as atopou, a continuación as fotos coa solución.

O DESCUBRIMENTO DE LÍA

Esta fin de semana Lía mandounos as fotos dun precioso descubrimento. Cóntanos que fai uns días a avoa de Portonovo fíxolles chegar unha foto dun niño que atopou nunha parra. Agora que xa puideron ir alá, foron mirar qué tal estaban os ovos con moito coidado de non tocar e levaron unha sorpresa pois xa naceran os paxariños. Estiveron observando agochados e comprobaron que tratábase dun verderolo. Podemos axudar a buscar nomes para eses pitiños, podedes mandarnos un correo coas propostas e a ver que decide Lía. E aquí vai o seguinte reto: Cantos paxariños son? Cantos nomes necesita?

UNHA HORTA DE ESTRELAS

Casas, árbores, cabalos, parras … Marcos animouse a fotografar, escribir, debuxar e enviarnos as cousas que ve dende a súa xanela como vos propoñiamos na entrada da semana pasada.
 Hoxe vos suxerimos continuar observando desde a vosa fiestra pero á noitiña e facer a actividade da Fundación Miró MallorcaUnha horta de estrelas”. A noite sempre acompañou a Joan Miró. A lúa, as estrelas e as constelacións son elementos que atopamos en moitas das súas obras. Por isto vos suxerimos abrir a ventá ou balcón e debuxar a vosa particular horta de estrelas como máis vos guste e enviarnos as vosas creacións. Tamén podedes probar a empregar a técnica do monotipo descrita neste enlace da fundación.

miércoles, 20 de mayo de 2020

AS PITAS DE MARTA, ERO E ROSANA

Hoxe imos xogar coas fotos que nos enviades a partir do conto "As pitas baixo a choiva". Comezamos contando. Cantas galiñas aparecen detrás de Ero e Rosana? 
E agora máis difícil, cantas hai diante de Marta? 
E se xuntamos as de Ero e Rosana coas de Marta, cantas hai en total?
Tócalle quenda aos pitiños de Marta. Canto sodes capaces de contar? Esperamos os vosos correos coas respostas
E agora para celebrar o ben que contades, todos a cantar co seguinte vídeo

AVES DENDE CASA: GAIVOTAS

A nosa ave misteriosa de fai unhas semanas era un pombo, pode verse durante todo o ano e as súas manchas brancas no pescozo e as ás son característicos e facilmente recoñecibles. 
Paseniño as aves van chegando ao noso correo. Hoxe propoñemos aprender cousiñas sobre as gaivotas que aparecen nas fotos que nos enviaron Marcos e  Marta.
Durante o paseo de Marta
Na horta de Marcos
Neste enlace do goberno de Canarias tedes moita información sinxeliña e, neste outro, podedes ademais ver un vídeo e escoitar o seu canto. Animádevos a mandarnos debuxos, anécdotas, fotos ou pequenos textos con todo o que aprendestes despois de velos.
E para os que necesiten inspiración para comezar a debuxar, a continuación un vídeo de como facelas.

CONCURSO DE POESÍA CO CONCELLO DE RIBADUMIA

Con moito do Día das letras Galegas, o Concello de Ribadumia convoca un concurso de poesía no que poden participar os nosos alumnos na categoría de infantil. Cada concursante pode enviar un único traballo e deberá envialo en formato jpg ou pdf á seguinte dirección de mail: cultura@ribadumia.org ata o 31 de maio. Haberá un premio por cada categoría que constará dun vale por valor de 50 € para empregar no comercio local de Ribadumia. Toda da información neste enlace.

martes, 19 de mayo de 2020

O REFRÁN DE ROI

Continuamos cos nosos refráns debuxados. Hoxe mandóunolo Roi e fai referencia ao mes en curso e ao bo tempo do que gozamos. Nel, a sabedoría popular lémbranos que, nestas datas, non podemos confiarnos porque as baixadas bruscas de temperatura son habituais. Ata o corenta de maio, que vén sendo o dez de xuño, tes que ter a man roupa de inverno porque podes ter que volver a utilizala.
Esperamos con ilusión o seguinte refrán, animádevos a participar. 

OS PAXARIÑOS DE RICARDO CARVALHO

No poema de Ricardo Carvalho da imaxe superior aparecen os nomes de tres aves. A ver se sodes capaces de atopalas e escribir os seus nomes. Nestes enlaces tedes algunhas pistas e información sobre elas.
https://www.seo.org/ave/lavandera-blanca/
E agora máis difícil. Despois de visitar os enlaces anteriores, saberedes dicirnos cal ave se posou na póla do debuxo que ilustra o poema da imaxe? Esperamos os vosos correos coas respostas.

lunes, 18 de mayo de 2020

O XOGO DOS BIRLOS

Seguindo as suxestións do mestre de educación física, Marta practica o xogo dos birlos á vez que lle dá outra vida aos tubos de papel hixiénico. Probade na casa e veredes o ben que o pasades. Se os decorades primeiro, quedaranvos  moi chuliños e divertirédesvos dobremente. Tedes algunhas ideas aquí
E a continuación máis propostas de educación física:

LÍA E OS PITIÑOS


Lía tamén ten unha anécdota ao redor das pitas como no relato de Ricardo Carvalho Calero. Mándanos unha preciosa foto coa súa bisavoa collendo un pitiño de Kika. Cóntanos que cando era pequena pensaba que os pitiños de kika eran femias porque tiñan os ollos pintados. Tamén estivo traballando ao redor do conto "As pitas baixo a choiva", podedes probar a facer coma ela, recortar as palabras e intentar ordenalas de novo. Tentalo tamén cos títulos dos vosos libros favoritos a ver que tal vos sae.

domingo, 17 de mayo de 2020

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!

Queremos celebrar un día tan especial coa publicación do vídeo que editou a mestra Lupe de música coa colaboración de toda a comunidade educativa que quixo participar. Agradecemos ás familias o seu esforzo e á mestra Lupe o seu gran traballo.

sábado, 16 de mayo de 2020

FELICIDADES MARCOS!!

Hoxe é o aniversario de Marcos e a mestra Lupe de música quixo dedicarlle un vídeo no seu blog de música. Picade na imaxe para acceder a el. Parabéns Marcos!!


viernes, 15 de mayo de 2020

AS PITAS DE MARCOS


Ricardo Carvalho Caleiro no seu libro “As pitas baixo a choiva”  narra  un feito anecdótico da súa infancia. Conta como un neno descobre desde a fiestra da casa que as pitas estanse a mollar e el téntaas facer entrar ó galiñeiro; elas asústanse e, ao final, todos os membros da familia acaban mollados como pitos.


Marcos, como o protagonista do relato, tamén ten un galiñeiro na súa casa. Contounos que cando naceron os pitiños quixo coller un para acaricialo. Pero a kica, que defende as súas crías de calquera perigo, mal interpretou as súas intencións e case lle peteira. Marcos tivo que correr para evitalo. Mándanos un debuxo, fotos e un vídeo. Mirade que bonitiños son os pitiños, entran ganas de acariñalos.

Seguro que todos tedes anécdotas, animádevos a compartilas cun pequeno texto ou debuxo.

jueves, 14 de mayo de 2020

HOXE ÚLTIMO DÍA…

Xa están listos para a montaxe os vídeos das mestras, agora soamente faltan os dalgunhas familias. Se aínda non o fixestes, soamente tedes que gravarvos en horizontal un minuto imitando un grupo musical ou como máis vos apeteza. Seguro que aos meniños gústalle verse xunto aos seus compañeiros no resultado final cando o publiquemos. Tedes toda a información aquí. A continuación vos deixo o vídeo coa musica que imos bailar para motivarvos.

A FIESTRA DE RICARDO CARVALHO

Ricardo Carvalho naceu en Ferrol e conta que dende a súa xanela podía ver o mar e os mariñeiros. E vós que vedes dende a vosa ventá?. Debúxao e participa no concurso https://feiraco.es/gl/nenos/i-certame-infantil-de-artes-plasticas-feiraco-2020/, tamén podes enviarnos as túas creacións e publicarémolas.

OS PATÍNS DE MARTA


miércoles, 13 de mayo de 2020

RICARDO CARVALHO CALERO

Este ano o Día das Letras Galegas está dedicado a Ricardo Carvalho Calero. Dende diferentes ámbitos son múltiples as propostas para dar coñecer a figura e obra deste autor. Nós imos comezar coñecendo un dos seus libros máis famosos para nenos “As pitas baixo a choiva”. A continuación deixámosvos a versión en vídeo que fixo o profesorado do CEIP Villaverde-Mourente


E agora que coñecedes o conto podedes xogar coas actividades LIM que propón o Seminario Galán. Picade en cada imaxe para acceder a elas, son en complexidade crecente dependendo do curso de infantil.



Tamén tedes versións para imprimir ou coller ideas picando en 3 anos, 4 anos ou 5 anos.

E por último a nosa proposta. Tedes na vosa casa ou na dos avós un galiñeiro con pitas? Animádevos a debuxalo, contarnos algunha aventura que vos pasara coas galiñas ou mandarnos unha foto. Esperamos a vosa reposta, se non tedes galiñeiro tamén podedes empregar a imaxinación coma Joan Miró e crear o voso propio. Mirade na imaxe o seu cadro titulado “O Galo" e seguro que vos inspirades.

O REFRÁN DE LÍA

Xa temos o noso segundo refrán debuxado. Neste caso mandóunolo Lía e ten como protagonista á sardiña e a súa relación co mes de maio. Xa os mariñeiros galegos difundiron a convicción de que nos meses con erre (setembro-abril) o peixe azul non está listo para comer por tamaño e sabor. A cousa é que maio é o primeiro mes sen erre pero o certo é que en maio as sardiñas aínda son pequeneiras e, sobre todo, non teñen a graxa que as fai saborosas. Animádevos a seguir participando, seguro que todos aprendemos unha chea de cousiñas a través do noso refraneiro.

martes, 12 de mayo de 2020

OS COMEFROITAS DE ROI


Listos para afrontar o reto comefroitas desta semana? Hoxe é Roi quen nos trae dúas propostas moi divertidas e nutritivas: un león e unhas flores. Se queredes saber a solución picade enriba das imaxes inferiores e comprobades se acertastes os ingredientes.

MARTA RAÍÑA DA FROITA DE MAIO


Aínda non chegamos a mediados de mes e xa temos a nosa primeira raíña da froita. Parabén Marta! Estás feita unha autentica comefroitas! Animádevos todos a incluír varias pezas de froita ao día e seguro que tamén conseguides ser reis do mes de maio.

lunes, 11 de mayo de 2020

A LÚA DA FLORES EN IMAXES


Xa temos algúns dos resultados da nosa proposta ao redor da lúa das flores. Gael mándanos unhas fotos preciosas, Lía ademais adxunta unha ficha moi interesante e Marcos a actividade do xornal feita igual que Marta, esta última engade un bonito debuxo da Lúa. Se queredes desenvolver a vosa creatividades coa Lúa como temática, aínda estades a tempo de mandarnos as vosas producións e publicarémolas.

O REFRÁN DE GAEL


Xa temos o noso primeiro refrán ilustrado. Mandóunolo Gael e ten como protagonista unha anduriña. Animádevos  participar enviándonos os que escoitades nas vosas casas ou preguntarlle aos avós, seguro que eles coñecen moitos dos temas máis diversos.

OS DEBUXOS DE LAURA


Esta fin de semana Laura quixo compartir connosco as súas actividades realizadas con témperas. Cantos nos alegramos de saber dela!
Pintar con pinceis ou cos dedos sempre é unha tarefa divertida e creativa. Podedes probar a mesturar as cores e experimentar para obter novas tonalidades. No vídeo inferior tedes unha proposta de como facelo.