miércoles, 30 de abril de 2014

MOTOS DE NEVE

Félix falounos delas na carta que enviou a Sofía dende o Polo Norte e a semana pasada vimos unha no xornal “Diario de Arousa”. Hoxe empregámola como escusa para traballar a numeración das páxinas deste periódico.

lunes, 28 de abril de 2014

DVD DO OSO POLAR


Xa sabemos que na biblioteca hai moitos contos, enciclopedias e libros, pero hoxe comprobamos que tamén temos DVDs . 
Como andamos a voltas co Polo Norte, vimos parte do documental El reino del oso polar para  aprender, ademais de como viven estes animais, como localizar os DVDs que temos na biblioteca escolar. Nos vindeiros días desta semana que se anuncia chuviosa, remataremos de ver como medran os osiños polares e como a súa mamá intenta protexelos.

domingo, 27 de abril de 2014

A CASIÑA DE CHOCOLATE

Tellado de biscoito, ventás de galleta, paredes de chocolate e lambetadas… ¡Que rica estaba a casiña que Andrea preparou para nós¡. Graciñas á familia de Andrea por cociñar este saboroso conto.


viernes, 25 de abril de 2014

A CASA DE FRIDA KAHLO

Vímola o martes, no encerado dixital, e puidemos facer unha visita virtual polo xardín, a cociña, o comedor, o dormitorio… Trátase do Museo Frida Kahlo tamén coñecido como A Casa Azul, o lugar onde naceu, viviu e morreu esta artista mexicana. Se na casa tamén queredes vela, podedes clicar no seguinte enderezo

Para os que prefiran coñecela xogando, poden facer clic na imaxe e accederán á casa de Frida. No seu dormitorio poderán decidir como vestila, na cociña axudala a realizar a súa comida favorita, no comedor coñecerán a súa familia…

jueves, 24 de abril de 2014

O GATO CON BOTAS

Comezamos comendo os seus bigotes, despois o fociño, os ollo, a boca… ata non deixar nin as botas. Nunca nos podíamos  imaxinar que un pequeno felino sabería tan ben. Pensamos que o segredo de tan deliciosa receita está no agarimo co que a fixo Antía coa axuda da súa prima Uxía. Graciñas á familia de Antía por compartir con nós este delicioso “gato con botas” e un bico moi especial para Uxía.
  

miércoles, 23 de abril de 2014

¡FELIZ DÍA DO LIBRO!

Hoxe, para celebrar o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor, á mestra Montse da escola de Lois tíñanos preparada unha sorpresa moi especial na biblioteca escolar. Coa axuda do mestre Jose, a través dun divertido teatro, falounos de Cervantes e Shakespeare, representounos o conto de Carapuchiña Vermella con monicreques, fíxonos rir coa historia dos “Chibos chibóns”, cantounos unha simpática canción con guitarra eléctrica incluída e, para rematar, trouxo marcapáxinas para todos. Graciñas mestres Montse e Jose por facer de hoxe un día especial.


martes, 22 de abril de 2014

ARQUITECTOS DO FUTURO

Dende que vimos no xornal as construcións que fai o arquitecto xaponés Shigeru Ban con tubos de papel, decidimos imitalo ao noso xeito particular. Agora con facilidade creamos casas, torres, pazos, pontes… cos tubos do papel hixiénico como materia prima e a nosa imaxinación como recurso. Tal vez dentro duns anos sexan estes nenos os que reciban o premio Pritzker.

lunes, 21 de abril de 2014

EL TREN TOM

Este é o título do conto que decidiu cociñar Aaron para nós. Un autentico tren de mercadorías cun vagón cargado de… ¡LAMBONADAS!... Tantas e tan saborosas que non sabíamos por cal decidirnos. Un a un fomos elexindo as nosas favoritas e pouco a pouco o tren foi quedando sen carga. Despois descubrimos que a cheminea estaba boísima e as rodas exquisitas. Grazas a Aaron e súa familia por compartir con nós esta orixinal e rica receita.

jueves, 10 de abril de 2014

BUSCANDO INFORMACIÓN DO POLO NORTE

O pasado luns aproveitamos a nosa visita á biblioteca escolar para localizar os libros que falan do Polo Norte. Esta semana comezamos a montar un novo recuncho en clase para colocar todo o material que consigamos ao respecto. 
Vimos un vídeo de Félix no Polo Norte e xa empezamos a familiarizarnos co vocabulario relacionado co tema: osos polares, renos, morsas, aurora boreal, Polo Sur… A nosa investigación está en marcha, aínda que quedará interrompida polas vacacións de Semana Santa, continuaremos á volta.



lunes, 7 de abril de 2014

O LIBRO DA SELVA

Xa comemos lobos, leóns, vacas, porcos e ata osos… pero hoxe descubrimos que as serpes están riquísimas. Carlos decidiu que quería cociñar “O libro da selva” e coa axuda da súa mamá preparou este rico réptil de froitas que compartiu con nós á hora da merenda. Graciñas a Carlos e a súa familia por esta nutritiva e saborosa receita.

viernes, 4 de abril de 2014

A VACA CONDESA

Este divertido conto que fala da importancia do afecto, é o que escolleu Lucía para cociñar. Tróuxonolo onte e puidémolo ler en clase antes de merendarnos  a súa protagonista.  O máis solicitado no rico menú que nos preparou coa axuda da súa mamá, foi a lingua, pero os cornos, as orellas, os ollos, o fociño… desapareceron case de inmediato. Graciñas a Lucía e a súa familia por compartir connosco as súas bonitas lecturas e ricas receitas.
  

jueves, 3 de abril de 2014

DÍA DO LIBRO INFANTIL

Para conmemorar o nacemento do escritor Hans Christian Andersen, autor de contos tan famosos como “A Sereíña” ou “A Raíña das Neves”, dende 1967, o 2 de abril celebrase o Día Internacional do Libro Infantil. O seu obxectivo e espertar o amor polos libros para nenos e salientar a súa importancia. Na escola recuperamos a nosa maleta cargada de contos e películas deste escritor para a hora de ler e xa comezamos a mergullarnos neles. 

martes, 1 de abril de 2014

FÉLIX NO POLO NORTE

Onte soubemos que a nosa mascota viaxeira leva varias semanas vivindo cun neno esquimó no Polo Norte. O luns na biblioteca limos a súa última carta e xa comezamos a buscar información sobre este novo lugar. Como sempre, se na casa tedes materiais relacionado co tema, podedes traelo á escola para aprender todos xuntos.