jueves, 27 de febrero de 2014

O RATO XAPONÉS

Este é o título da pegadiza canción que estivemos escoitando e bailando hoxe na escola. 
As mestras do CRA de Bergondo tamén desenvolveron un proxecto ao redor de Xapón e ademais desta simpática canción que copiamos do blogue de música, no da biblioteca atopamos o conto da princesa Sukimuki que vos deixamos a continuación.

miércoles, 26 de febrero de 2014

CONCURSO DO PARLAMENTO DE GALICIA

O Parlamento de Galicia convocou a IV edición do concurso escolar  "O Parlamento de Galicia contigo e polos teus dereitos". O noso centro decidiu participar na modalidade "Imaxina a pintura". A través dun collage hai que expresar as nosas inquedanzas e ilusións. Para os nosos alumnos é complicado entender que é o Parlamento pero entre todos fomos argallando e este foi o resultado. A ver que vos parece e se recoñecedes a cada un dos personaxes que integran este particular Parlamento de Galicia.

martes, 25 de febrero de 2014

A VOLTAS CO ENTROIDO

Cada día falta menos para a nosa festa de Carnaval 2014. Xa estamos quentando motores coa ordes do Meco, personaxe imaxinario que o luns nos ordenou vir ao cole con algo na cabeza, hoxe cunha unha flor, mañá cun bigote e o xoves coas uñas pintadas. Os nosos traxes xa están case listos. Agora soamente falta que as previsións que dan choiva para o venres cambien. Gustaríanos poder facer o noso tradicional desfile pola aldea pero, se o mal tempo continua, teremos que substituílo por baile e obradoiros.

lunes, 24 de febrero de 2014

¡FELIZ DÍA DE ROSALÍA!

Hoxe conmemórase o aniversario do nacemento da escritora Rosalía de Castro. Na nosa aula gústanos celebralo facendo unha torta no obradoiro de cociña dos venres pero, como este ano coincide coa festa de Entroido, aprazarémolo ata a vindeira semana. 
O luns pasado dedicamos a nosa visita semanal á biblioteca a coñecer onde están colocados algúns dos libros que temos desta poeta, pero hoxe preferimos escoitar as versións musicadas dos seus poemas que recolle o libro disco “Rosalíapequeniña”. Sen lugar a dubidas o noso preferido é: Xan.

jueves, 20 de febrero de 2014

A NOSA EXPOSICIÓN DA CAMELIA

Brancas, vermellas, rosa claro, rosa escuro, fucsia, de dúas cores, con moitos pétalos, con poucos, cos estames á vista, con eles agochados, pechadas, abertas… ¡cantas clases de camelias!.
Unha vez máis queremos agradecer ás familias a súa colaboración, grazas a elas onte tivemos flores dabondo e puidemos observalas, tocalas, cheiralas, escollelas, colocalas, organizalas e, por último, debuxalas.

martes, 18 de febrero de 2014

A CAMELIA

Dende que Mencía nos trouxera unha flor de camelia para o noso recuncho de Xapón, estabamos a esperar que floreceran as do noso xardín para traballar ao redor delas. Cando o fixeron, os interminables días de choiva non nos deixaron saír a contemplalas. Durante estas semanas vimos no xornal varias noticias que tiñan a camelia como protagonista e son múltiples as exposicións que se organizan en diversas localidades. Hoxe, aproveitando a tregua que por fin nos deu o mal tempo, puidemos saír a velas, aínda que estaban moi estragadas pola choiva. En clase tamén queremos facer a nosa particular exposición da camelia para observar as súas cores e formas. Se o tempo o permite, mañá podedes traer á escola as variedades de camelias que logredes conseguir, a ver que tal nos queda.

lunes, 17 de febrero de 2014

TOKIO

Este é o título do conto que limos a semana pasada na biblioteca escolar. Con el descubrimos algunhas cousas curiosas de Tokio, como que hai moitos corvos, que regalan panos de man de papel con publicidade ou que as casas son moi caras. Pero o que máis nos chamou a atención deste libro foi o nome da editorial que o publica: media vaca
Na nosa biblioteca non temos ningún andel co seu anagrama porque unicamente temos este volumen. Os contos de todas aquelas editoriais das que soamente adquirimos un ou dous exemplares están xuntos nun estante que aproveitamos para coñecer.


Neste andel atopamos o libro Margarita”, o poema de Rubén Dario que tanto nos gusta e que limos fai un par de semanas. A continuación vos deixamos a súa versión en curtametraxe, veredes que bonito.

domingo, 16 de febrero de 2014

GATIÑOS

E despois do can veu o gato. Paseniño imos collendo xeito coa papiroflexia. No libriño  “Marionetas de origami” que anda visitando fogares nunha das mochilas viaxeiras, vimos como facer dende un coello ata un porquiño. A ver se esta semana somos capaces de facer algún máis.
Por se queredes facelo na casa, a continuación vos deixamos un vídeo explicativo.

viernes, 14 de febrero de 2014

YOKO

Este é o nome da gatiña xaponesa protagonista dun conto que temos na biblioteca.  Nel observamos como leva á escola o seu almorzo nunha caixiña con compartimentos chamada bento. Xa o viramos en varios libros que temos de Xapón pero, o día que limos Yoko", comprobamos no encerado dixital como hai xaponeses que crean auténticas obras de arte, podedes comprobalo premendo aquí, seguro que vos entran ganas de preparar un. 
Este conto tamén nos axudou a lembrar que as páxinas dos libros se enumeran e a recoñecer os anagramas de diferentes editoriais para localizalar os libros dentro da biblioteca. Agora xa sabemos onde buscar se queremos levar este contiño para casa.

jueves, 13 de febrero de 2014

ROSQUILLAS

Chega o Entroido e como case todas as datas do ano ven acompañado de doces típicos: filloas, orellas... Durante este mes imos intentar elaborar algún deles no noso obradoiro de cociña, o venres comezamos por un dos máis doados de facer e que máis nos gusta: as rosquillas.

miércoles, 12 de febrero de 2014

COCIÑANDO CONTOS

Este é o lema da XV edición do Salón do Libro Infantil  e Xuvenil de Pontevedra que comezará o 14 de marzo. Vimos a noticia no xornal La Voz de Galicia do domingo e xa estamos comezando a argallar algo para traballar ao redor del. Aínda non teñen colgado o seu programa de actividades pero imaxinamos que pronto estará listo. Temos ganas de ver a Orbil, a súa mascota, e saber que obradoiros, contacontos, espectáculos ou concertos prepararán.

martes, 11 de febrero de 2014

CANCIÑOS

¡Como nos gusta crear figuras de papel!... dende que descubrimos esta arte xaponesa xa fixemos unha grúa, un sombreiro, un barco, un vaso… e hoxe tocoulle quenda ao can que vos propuxemos a semana pasada. Empregando os papeis das fotocopias que saen mal, un rotulador dos que xa non pinta, un adhesivo e ceras de cores, mirade que monicreques simpáticos construímos.

lunes, 10 de febrero de 2014

PREPARANDO O ENTROIDO 2014

O vindeiro día 28 celebraremos no noso centro a festa de Carnaval co Xapón como tema central. Dende que Félix nos contara nunha das súas cartas que Sakura quería facer un disfrace de gueixa e viramos como eran os seus traxes, todos tíñamos ganas de vestir un quimono. Agora  que se aproxima a festa chegou o momento de comezar a traballar ao redor del. Imos ir disfrazados de emperadores de Xapón e nas vindeiras semanas concretaremos o noso traxe, pero primeiro imos investigar un pouquiño ao redor da familia imperial nipona. Se na casa tedes contos, enciclopedias, fotos, catálogos de disfraces, xoguetes ou calquera outro material que pensedes nos pode axudar a confeccionar o noso disfrace, podédelo traer para velo na aula e aprender todos xuntos.

viernes, 7 de febrero de 2014

FEBREIRO, MES DE ROSALÍA

Dende que cambiamos a folla do calendario e marcamos no día 24 o aniversario do nacemento da poeta Rosalía de Castro, decidimos dedicar este mes a coñecer a súa vida e algúns dos seus poemas. Pero esta semana a escritora foi protagonista na nosa aula porque atopamos unha noticia sobre ela no xornal Faro de VigoNela aparecían varios retratos, en concreto contamos 13. 
Na prensa electrónica tamén viña recollida a información e puidemos velos moito mellor e en color empregando o encerado dixital. Estivemos observándoos e cada un escolleu o que máis lle gustou. Utilizándoos como modelos, vamos a reproducilos dándolle o noso toque persoal, xa vos ensinaremos o resultado cando os rematemos.

jueves, 6 de febrero de 2014

ORIGAMI

O pasado luns dedicamos a nosa visita semanal á biblioteca a coñecer onde están colocados os libros que tratan desta arte xaponesa que, sen empregar pegamento nin tesoiras, crea figuras baseándose unicamente no pregado ou dobrado do papel.
 Gustáronnos tanto as creacións que vimos nos libros que decidimos continuar coa temática. Nos vindeiros días intentaremos facer algúns dos modelos que vimos, a ver que tal nos saen.  Para os que desexen beneficiarse das vantaxes da arte do origami e practicar tamén dende casa, a continuación lles deixamos un video como suxerencia para unha nova fin de semana cargada de choiva.




miércoles, 5 de febrero de 2014

ROLIÑOS DE XAMÓN E QUEIXO

No noso obradoiro de cociña do venres quixemos experimentar coa comida xaponesa. Como non somos capaces de elaborar sushi, intentamos imitalo facendo roliños de xamón cocido e queixo. Á hora de comelos, non podíamos deixar pasar a oportunidade de intentar empregar os palillos. É máis complicado do que parece pero fixemos o que puidemos.

lunes, 3 de febrero de 2014

FOCA, LOBO OU LEÓN MARIÑO

Fai uns días, a partir da noticia que limos no xornal  La Voz de Galicia” sobre os lobos mariños arrastrados ata as nosas praias, estivemos traballando un pouquiño ao redor destes animais e reflexionando sobre as consecuencias dos temporais na súa vida. Ao ver as fotos, pensabamos que se trataba de focas, pero o titular falaba de lobos mariños
Na biblioteca buscamos cal era a diferenza entre eles e quedamos abraiados coa cantidade de especies que hai emparentadas coa foca. O único que nos quedou claro foi que a foca común non ten orellas. Na prensa dixital, limos que o mal tempo tamén tivo consecuencias sobre os golfiños e incluso sobre unha balea, como vimos nun vídeo que acompañaba á información.  


sábado, 1 de febrero de 2014

UN HIPOPÓTAMO NA BAÑEIRA!

Neste álbum ilustrado acompañamos a un neno xaponés no seu momento do baño diario. Cando se vai introducir na bañeira, comeza a súa aventura cunha tartaruga, dous pingüíns, unha foca e ata unha balea. 
Pero este libro, ademais de facernos rir, axudounos a descubrir que os baños en Xapón son diferentes. As bañeiras teñen tapas para manter a auga quente o maior tempo posible e todos os membros da familia báñanse na mesma auga. Para que a auga se manteña limpa, lávanse co xabón e dúchanse antes de meterse na auga. Todo isto lémolo no epílogo que ven ao final do conto “Un hipopótamo na bañeira” que nos deixaron na Biblioteca Publica Municipal de Meis. As súas autoras son dúas xaponesas de recoñecido prestixio en Xapón e foi traducido ao galego por Suevia Sobral, a ilustradora do libro “O meu marabilloso sombreiro” que tanto nos gusta.