Mostrando entradas con la etiqueta Carpas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Carpas. Mostrar todas las entradas

martes, 12 de noviembre de 2013

AS CARPAS NO ESTANQUE

Cando botamos as carpas no estanque, tiñamos medo de que non se adaptaran ben ao exterior. Despois de máis dunha quincena no seu novo hábitat, comprobamos que se aclimataron sen problemas. Aínda que vimos como se alimentan de pequenos insectos que caen na auga, por se non teñen suficiente, botámoslle de comer a diario e gústanos observalas mentres comen.

martes, 29 de octubre de 2013

CARPAS, TAMÉN PARA SUMAR

Aproveitando que as carpas que nos trouxo a mestra Ana espertaron o noso interese, decidimos empregalas para a suma. Descubrimos que con elas é moi doado. Primeiro imaxinamos que dous pratiños da cociniña eran estanques, introducimos varios peixes en cada un, puxemos o símbolo de sumar no medio e contamos.
Agora xa non necesitamos pratiños, os estanques son as nosas mans, os dedos que levantamos en cada unha as carpas, para sumar xútanmos as mans e contamos co nariz. Se queredes,clicando na imaxe inferior, podedes practicar sumas faciliñas, e se vos resultan demasiado doadas, cambiades o nivel de dificultade á dereita da pantalla.

E para todos aqueles que desexen coñecer as nosas carpas, pódense achegar ao estanque do xardín da escola, esta mañá, xunto cos nenos de Ribadumia,  botámolas dentro. Esperamos que se aclimaten ben ao seu novo hábitat pero sobre todo que nos axudedes a evitar que as molesten.

domingo, 20 de octubre de 2013

CARPAS… ¡PARA COCIÑAR!

Tras dúas semanas a voltas coas carpas koi, non podíamos resistir a tentación de intentar facelas no obradoiro de cociña, e aquí está o resultado.

sábado, 19 de octubre de 2013

KOINOBORI

Félix, na súa carta, falaba de que Sakura e a súa avoa estaban a facer carpas de papel. Esta semana soubemos que se trataba de Koinobori, bandeiras tradicionais xaponesas coas que se decoran edificios e casas o día do neno. Son izadas co desexo de que os rapaces medren fortes e con boa saúde.  A carpa máis grande, de cor negra, representa o pai; a seguinte, de cor vermella, á nai; e as restantes aos fillos. Na nosa aula tamén fixemos os nosos particulares koinobori cos membros da nosa familia e escoitamos a canción popular que adoitan cantar os nenos.


jueves, 17 de octubre de 2013

NA HORA DE LER: CONTOS DE DRAGÓNS

Dende que a semana pasada coñeceramos a lenda xaponesa da carpa que se converteu en dragón,  decidimos dedicar a hora de ler aos contos de dragóns. O nacemento do dragón, El tesoro perdido de la cueva del dragón, Dragones, La leyenda de SanJorge, Os dragóns do arco da vella, El dragón Danilo… na nosa biblioteca escolar temos contos de dragóns para todos os gustos.
Hainos malos e bos, que dan medo ou fan rir, que viven en países afastados ou preto das aldeas … Estamos aumentando o noso vocabulario con palabras relacionadas co tema, aprendendo a debuxar dragóns, a recoñecelos... pero sobre todo, a perderlles o medo e a divertirnos con eles. O que resta de mes ímolo dedicar aos libros de dragóns, se na casa tedes material relacionado co tema podedes traelo a escola e aprenderemos todos xuntos.

jueves, 10 de octubre de 2013

A CARPA QUE SE CONVERTEU EN DRAGÓN

Conta unha lenda xaponesa que, toda carpa que consiga nadar río arriba e saltar a fervenza da porta do dragón, será recompesada e convertida neste ser mitolóxico. Varios peixes intentarono pero soamente a carpa Koi o conseguiu. É por isto que a carpa Koi é considerada como símbolo da perseveranza ante a adversidade. A partir desta bonita historia, na aula comezamos a ver como son os dragóns xaponeses. Descubrimos que teñen corpo de serpe, cabeza de crocodilo, cornos de cervo, melena de león, poutas de aguia e bigotes de carpa; pero a diferenza dos occidentais, carecen de alas para voar.

miércoles, 9 de octubre de 2013

O NOSO ESTANQUE

Xa sabemos que o pobre Félix caeu nun estanque cando os globos baixaron de súpeto en Xapón, por sorte Sakura e a súa avoa estaban preto de alí e axudárono a saír. No xardín da nosa escola tamén temos un, pero durante o verán secou e botáronlle pedras e lixo.
O luns estivemos a limpalo e enchémolo de auga.
O noso non é tan bonito como os xaponeses pero imos intentar que se pareza.
A mestra Ana tróuxonos carpas para botalas dentro cando rematemos de observalas, e a profe Ángeles plantas acuáticas para que os peixes teñan onde agocharse. Xa vos contaremos que tal lles vai no seu novo hábitat.


lunes, 30 de septiembre de 2013

CARTA DE FÉLIX DENDE XAPÓN

Cando Félix desapareceu no ceo, tanto Sofía coma nós quedamos preocupados. Pero agora xa sabemos que está ben, aínda que tivo un aterraxe un pouco accidentado. Contóunolo nunha carta que estivemos a ler a semana pasada, nela nos di que chegou a Xapón e que vai quedar alá pero… ¿onde está ese país?... en clase estivemos vendo mapas e intentado localizalo. Xa empezamos a saber que está formado por illas pero ao igual que Félix queremos coñecer a súa cultura, costumes, gastronomía…
Agora imos montar un recuncho na aula con todos os materiais que atopemos relacionados co país nipón. Coma sempre, se tedes na casa contos, libros, DVDs, fotos, quebracabezas, postais, mapas, obxectos, propaganda de axencias de viaxe, folletos ou calquera outro material relacionado co tema e adaptado ás idades dos nosos alumnos, podédelo traer para velo na aula e aprender todos xuntos.