lunes, 9 de febrero de 2015

ALGO NA CABEZA…

Achegase a festa do Entroido e na escola xa imos quentando motores seguindo as ordes do Meco. Mirade que divertidos estamos todos con “algo na cabeza”. Lembrade que mañá é o día de traer unha flor: no pelo, na roupa, no calzado … Pintada, de papel, natural … Como queiramos, o importante é pasalo ben e rir xuntos.

viernes, 6 de febrero de 2015

ORELLAS

Chega o Entroido e con el un dos nosos doces favoritos: as orellas. Hoxe, no noso obradoiro de cociña, levamos moito traballiño para facelas e cando rematamos estabamos todos cubertos de fariña, pero o pasamos tan ben facendo a masa e estirándoa que mereceu a pena o esforzo. Este ano ademais foi dobremente especial porque fomos coa mestra Ana ata o limoeiro da nosa horta para apañar os limóns necesarios para facer a masa … ¡que ben cheiraban!

jueves, 5 de febrero de 2015

O CROCODILO MARIÑO


A semana pasada, nunha revista que nos trouxo Adrián, vimos un artigo sobre o réptil máis grande da terra: o crocodilo mariño. A fotografía a dobre páxina que aparece na publicación é impresionante. Limos que vive en Australia e que é moi agresivo. Incluso viñan fotos de sinais que advirten do perigo pola súa presenza e prohiben o baño.

Hoxe retomamos a lectura da reportaxe e descubrimos que, a pesar de ter unha magnifica dentadura, este animal traga as súas presas sen mastigar … ¡coma as anacondas!. Despois vimos un anaquiño do documental “El rey cocodrilo” no que observamos como a mamá crocodilo pon ovos e deféndeos ata que nacen as crías. Para rematar, nun atlas do recuncho de Australia buscamos os debuxos dos crocodilos mariños ao norte da illa e intentamos adiviñar cantos dentes dicía a revista que ten o crocodilo.

miércoles, 4 de febrero de 2015

OS NÚMEROS E A ROUPA

O pasado 14 de xaneiro celebramos o día dos números nas prendas de vestir. Foi divertido buscar as grafías nas diferentes pezas de roupa, comprobar se tiñan unha cifra ou máis. Intentamos lelas e sacamos fotos. Estamos facendo un libriño con todas e un mural e continuamos traballando ao seu redor. Pero sobre todo está axudando aos cativos a memorizar o nome das grafías e a aumentar o vocabulario relacionado coa vestimenta. Unha vez máis graciñas a todas as familias por colaborar coa escola.




martes, 3 de febrero de 2015

VIPO EN AUSTRALIA

Hoxe, como a choiva deixounos outra vez sen poder saír ao parque, aproveitamos o tempo de recreo para ver un vídeo de Vipo, un can de orellas grandes que viaxa polo mundo. Como lles gustou tanto aos cativos aquí volo deixamos por se queren velo de novo na casa.

lunes, 2 de febrero de 2015

PREPARANDO O ENTROIDO…

O día 13 celebraremos a nosa tradicional festa de Carnaval. Este ano terá como tema central Australia. Na nosa aula imos ir disfrazados de Koalas e nas vindeiras semana iremos investigando e aprendendo cousiñas deste simpático marsupial. Estamos confeccionando entre todos o noso disfrace pero necesitamos que cada neno traia unha diadema para facer as orellas. Sérvenos calquera que teñades na casa con tal de que sexa ríxida, se é de cor escura mellor. Graciñas.

domingo, 1 de febrero de 2015

O EQUIDNA AUSTRALIANO


Esta semana aproveitamos o noso obradoiro de cociña para coñecer un mamífero australiano moi peculiar: o equidna. A femia pon un ovo e colócao nunha fenda especial do seu ventre onde queda cuberto dunha sustancia pegañenta.  Tras a eclosión, a cría permanecerá no marsupio lambendo o leite que mana dos poros da pel da bolsa. Tras observar tan curioso animal en varios libros e ver este vídeo, fixemos a nosa versión culinaria con pauciños e pebidas de chocolate, cacahuetes e unha madalena.