martes, 20 de junio de 2017

VARIANTE ESPIRITUAL DO CAMIÑO PORTUGUÉS


Dende que Lucía trouxera un mapa de O Camiño de Santiago e viramos que a Variante Espiritual do Camiño Portugués pasaba preto da nosa escola, tíñamos moitas ganas de facer unha pequena etapa. Comezamos por poñernos en forma e durante todo o curso saímos a camiñar cada día antes do recreo. Despois seleccionamos o tramo que mellor se adaptaba a idade dos nosos pequenos peregrinos: Ponte de Cabanelas - Pontearnelas. E por fin, despois de moita preparación e coa colaboración das familias, onte realizámola.
 No transcurso da mañá, ademais de aprender a seguir a sinalización do camiño,  vimos as plantacións de cultivos propios da nosa zona: viño, millo, patacas, leitugas, xudías, kiwi … Descubrimos as árbores froiteiras que bordean o sendeiro: figueiras, abeleiras, pereiras, pexegueiros … Vimos corvos, merlos, patos, ocas, peixes … e ata un burro que orneou con tal intensidade que detivemos a marcha co susto. Recoñecemos as estrugas e observamos a forma das súas follas para distinguilas da mentraste ou menta de burro, e aprendemos como empregar esta última para calmar o prurito que produce o contacto da primeira. Por suposto non faltaron os peregrinos, cargados coas súas mochilas, vieiras e bastóns.
Tras lavar as mans, un descanso e un bo bocadillo para recuperar forzas. Despois escribimos e intentamos memorizar o nome desta ruta e ilustrámola debuxando as nosas vivencias. Ao rematar viñeron os xogos: o pañuelito, guante guante … Paseniño ía chegando a hora de rematar a ruta pero aínda sobrounos tempo para cruzar a ponte de madeira e ver os saltos de auga do río Umia.










2 comentarios:

  1. Unha moi boa idea e a vez experiencia para os nosos nenos, viñeron moi contentos.

    ResponderEliminar
  2. Graciñas polo teu comentario. Todos pasamos unha mañá estupenda e os meniños portáronse xenial.

    ResponderEliminar