sábado, 24 de noviembre de 2012

A PRENSA DIXITAL

O curso pasado recibíamos diariamente “La Voz de Galicia” e o “Faro de Vigo”. Cando chegabamos á escola atopabamos o xornal na porta. Facíanos ilusión chegar o primeiro para collelo e ollalo na colchoneta mentres viñan o resto dos compañeiros. Co transcurso dos meses, aínda que non sabíamos ler, fomos aprendendo a localizar as diferentes seccións: o tempo, os deportes, os pasatempos, cultura … E aquelas noticias que, polas fotos, espertaban o noso interese, pediámoslle a mestra que nolas lera. Cando xa chegaban todos, sentados ao redor do xornal, comentabamos as novas publicadas e, ás veces, eran detonante de novos proxectos de investigación na aula.
Este ano, xa non recibimos xornais, botámolo moito en falta. Era unha rutina diaria que nos gustaba e axudábanos a saber o que pasaba no mundo e coa axuda da mestra intentabamos comprendelo. Dende a semana pasada decidimos que non queríamos seguir sen ler o xornal na escola, como agora xa non nos chega o periódico, optamos por pasarnos á prensa dixital. Preferimos o xornal impreso porque non necesitamos que a mestra nos conecte o ordenador pero, mentres non atopemos patrocinador, dedicaremos os martes á prensa dixital.

No hay comentarios:

Publicar un comentario