miércoles, 6 de mayo de 2015

MERGULLÁNDONOS EN ALEMAÑA


Pouquiño a pouco, coa colaboración das familias,  o noso recuncho do país xermano vai collendo xeito. Hoxe, para quentar motores, ondeamos e levamos para casa a bandeira que fixeramos a semana pasada. 
Na hora de ler, onte xa rematamos as lecturas dedicadas aos canguros, e está mañá a nosa bolsiña veu cargada de contos dos Irmáns Grimm. Estes escritores nacidos en Alemaña, percorreron o país recollendo contos e lendas que logo recompilaron nos chamados contos de fadas.

martes, 5 de mayo de 2015

A FRAGUA DE VULCANO


A semana pasada, cando limos o conto “Colás y su amigo Velázquez” vimos nas súas páxinas moitos dos cadros que xa coñecemos deste gran pintor español. De todas elas escollemos a obra “A fragua de Vulcano” para ilustrar o mes de marzo no noso calendario escolar de Velázquez. 
Pero, sen lugar a dúbidas, o que máis gustou aos cativos foi ver na Audioguía infantil do Museo do Prado ao deus Apolo cobrar vida no cadro e chamar por Vulcano.  Se na casa tamén queredes gozar con esta animación á vez que aprendedes algunhas cousiñas, podedes facer clic aquí, ao rematar a animación de As Meninas tedes que  pinchar en “volver al indice”, situar o cursor na frecha da dereita e continuar clicando nela ata que apareza a obra desexada, volver a facer clic sobre ela e comezará a infanta Margarita coa súa explicación.

viernes, 1 de mayo de 2015

MAIOS 2015

Como anunciaban as predicións, tivemos unha mañá dominada pola choiva pero, a pesar do mal tempo, pasámolo xenial. No transcurso da mañá xogamos, vimos contos, fixemos colares de flores, merendamos uns doces riquísimos que prepararon as familias,  vestimos e decoramos o Maio e o mellor, cantamos e bailamos arredor del. Graciñas á mamá de Uriel e aos músicos que a acompañaban, acabamos todos danzando e gozando da festa. Unha vez máis o noso máis sincero agradecemento a toda a comunidade educativa pola súa axuda e colaboración.

miércoles, 29 de abril de 2015

O NOSO PRIMEIRO GAÑADOR


O mércores pasado, despois de tres semanas botando a nosa partida, a case todos os participantes faltábanlle pouquiños números para completar o cartón.  Por pouco baleiramos totalmente o bombo de bolas.
Pero por fin, uns minutiños antes de que chegara a hora de recoller, Pablo Lorenzo cantou:  ¡bingo!. Hoxe comezamos unha nova xogada. A ver se desta volta non temos que agardar tanto para rematala.

martes, 28 de abril de 2015

PREPARANDO A FESTA DOS MAIOS

Para darlle a benvida á primavera nalgunhas zonas de Galicia celébrase a festa dos Maios. Trátase de realizar construcións cunha base de paus e recubrila de fiúncho, flores, ovos, laranxas ou outros elementos naturais dependendo do lugar.
O vindeiro xoves, na nosa escola, imos participar deste costume elaborando un Maio ao redor do cal cantaremos a ritmo de claves como manda a tradición.

Hoxe na aula comezamos cos preparativos. O primeiro identificar e localizar o fiúncho, elemento básico para vestir o Maio. 
Despois lembramos as normas de uso dos paus que empregaremos como claves e ensaiamos as cancións e movementos ao redor da estrutura que usaremos como base. As previsións anuncian que teremos unha mañá con choivas persistentes, esperemos que co paso das horas o tempo mellore e poidamos celebralo fóra e gozar todos da festa.

lunes, 27 de abril de 2015

AS FIANDEIRAS


No cadro que escollemos para o mes de febreiro, Velázquez  representa nun primeiro plano a unhas fiandeiras pero tamén conta “A fábula de Aracne”.

Aracne era unha moza cunha especial habilidade para tecer tapices, tanto que fixo unha competición coa deusa Minerva para ver cal das dúas creaba o tapiz máis fermoso. Inesperadamente Aracne vence no concurso. A deusa enfadada converte a Aracne nunha araña condenada a estar tecendo o resto da súa vida.