lunes, 30 de marzo de 2015

A ARTE ABORIXE


As obras representativas da pintura dos primeiros poboadores de Australia constrúen as súas formas mediante puntos. Cando buscamos nos libros da biblioteca información sobre Australia, vimos que os búmerang empréganse tamén como soporte para esta arte. Un bo exemplo disto é o que Rita compartiu connosco e que observamos con atención.
Neste enlace vimos como un aborixe emprega esta técnica e decidimos adaptala as nosas posibilidades. Utilizando bastonciños dos oídos como pinceis creamos os nosos propios búmerang decorativos.

jueves, 26 de marzo de 2015

DOMINÓ DE MARSUPIAIS


As dúas últimas sesións dedicadas ao noso traballo semanal ao redor do dominó, empregámolas para a confección dun dedicado aos marsupiais. Con el pretendemos, ademais de xogar, memorizar os nomes daqueles animais menos coñecidos como o  uómbato demo de Tasmania ou o numbat. Incluímos tamén o equidna, aínda que realmente é un monotrema que nace de ovos, pero dende que vimos como os coida na súa barriguiña lles temos un especial agarimo.

miércoles, 25 de marzo de 2015

AS MOEDAS DE CARLA

No noso recuncho de Australia temos un bonito estoxo australiano con moedas deste país que nos trouxo Carla. 

Onte dedicamos parte da mañá a observalas detidamente e descubrimos que nelas aparecen representados varios animais típicos de Australia: o canguro, o emú, o equidna e o ornitorrinco.

Pero a de dez centavos sorprendeunos cun do que nunca escoitaramos falar: o ave lira. Trátase dun paxariño capaz de imitar calquera son, pero o máis sorprendente é a danza que realiza o macho para impresionar á femia durante o cortexo. A continuación vos deixamos o vídeo que vimos en clase por se queredes volver a ollalo na casa.

martes, 24 de marzo de 2015

NUMBAT E UÓMBAT


O vindeiro venres, no noso obradoiro de cociña, imos intentar elaborar un marsupial australiano que hoxe espertou a tenrura entre os cativos. Trátase do uómbat ou wombat. Xa os observamos en varias ilustracións nos libros da biblioteca, pero esta mañá, nun par de vídeos, puidémolos ver en movemento.
 Nun deles, e que vos deixamos a continuación, coñecemos a historia de Belle, unha pequena cría que foi rescatada da bolsa da súa mamá cando morreu atropelada por un coche. Foi levada ao Santuario Healesville onde vive na actualidade.



Outro marsupial australiano de nome moi parecido pero de aspecto ben diferente é o numbat. Neste enlace podedes volver a ver as imaxes e os vídeos que tanto nos impresionaron á mañá, sobre todo nos que emprega a súa longa lingua para comer termitas.  

lunes, 23 de marzo de 2015

VELLA FRETINDO OVOS


Este bodegón de Velázquez é o cadro que escollemos do libro “Historia de los grandes cuadros” para ilustrar o mes de novembro no calendario escolar que estamos confeccionado. As obras deste xénero teñen como escenario tabernas ou cociñas e amosan moitas clases de alimentos así como tixolas e fontes. 
Esta mañá, na biblioteca escolar, buscamos este cadro nos diferentes libros do autor e non tivemos problema para atopalo representado en varios deles. Considerada unha das súas mellores obras, este óleo pintouno cando soamente tiña dezanove anos.

viernes, 20 de marzo de 2015

OS NOSOS SENTIMENTOS MEDRAN…


Cos libriños que enchen a nosa bolsiña da hora de ler e que cada semana permutamos por outros novos conforme os lemos, imos aprendendo o nome de novas emocións.  Estes días, da man de Bamba, un medroso cachorro de león,  descubrimos a  valentía. A través da súa historia e as preciosas ilustracións que a acompañan, soubemos que ser valente non significa non ter medo, senón afrontar as dificultades sen deixarse vencer por el. Despois da súa lectura pintamos un novo bote de dourado e engadímolo ao mural de sentimentos e aos nosos recipientes de emocións. 

Cada vez temos máis, aos cativos lles encanta ler as etiquetas dos botes e contalos como se de pequenos tesouros se tratara.
Pero foi o fanático felino protagonista do conto “El tigre y la toleranciaquen nos axudou a comprender a importancia de aceptar aos demais tal e como son. Nos vindeiros días continuaremos traballando ao redor deste sentimento.  A tolerancia e o respecto son valores que pretende fomentar a V edición do concurso escolar convocado polo Parlamento de Galicia baixo a lenda "En busca da igualdade" no que imos participar. Xa vos contaremos.


miércoles, 18 de marzo de 2015

UNHA PARTIDA DE DADOS EN FAMILIA


Esa era a proposta que fixemos aos maiores de clase o mércores pasado.  Cada neno escolleu os membros da familia cos que quería xogar. Fixeron un listado cos seus nomes e deixaron o espazo para cubrir os sumandos segundo os resultados acadados cos lanzamentos dos dados. No transcurso da semana tiñan que traer as cifras logradas e o nome do vencedor.

Hoxe foi o día de comparar os puntos que cada gañador logrou. Fixemos un novo listado, esta vez máis complicado porque tiñan que escribir os nomes de todos e as dúbidas a hora de escribilos eran moitas: ¿Suevia se escribe con V ou con B?... ¿E David?, ¿acaba en Z?... ¡O nome do meu pai acaba en D non en Z!… ¿Cantos puntos ten Carlos, onde está o seu papel?... Buscaron, compararon, seleccionaron e sobre todo axudáronse mutuamente cos nomes  e os números das súas respectivas familias.


Paralelamente, os pequenos da clase tamén comezaron a anotar os resultados que obteñen cando lanzan un dado.


 Agora xa saben localizar os nomes dos seus compañeiros no listado pero asociar as grafías aos puntos acadados e deducir quen o gañador, aínda temos que seguir traballándoo. Para a semana a ver se argallamos tamén unha partida en familia.