domingo, 22 de febrero de 2015

ROSQUILLAS

Esta semana, no noso obradoiro de cociña, despedímonos do Entroido 2015 elaborando unhas riquísimas rosquillas. Pero coma sempre, o que máis lle gustou aos cativos foi enredar coa fariña … Menos mal que o mestre Jose axudounos a limpar todo.

viernes, 20 de febrero de 2015

CATÁLOGO DE DISFRACES 2015

Hoxe, coa axuda da mestra Ana, rematamos de escoller a nosa indumentaria para o noso catalogo de disfraces 2015. Se nestes últimos días de Entroido aínda non sabedes que poñervos, aquí van as suxestións dos nosos pequenos modelos de Leiro …

jueves, 19 de febrero de 2015

A NOSA HEMEROTECA


Coa axuda das familias os xornais volveron a formar parte da rutina da nosa aula. Sempre que os temos gústanos ollalos, comentar as novas, intentar adiviñar o número da páxina no que sae a noticia, vendo os anuncios de viaxes imaxinámonos navegando rumbo a outros países …
Cando rematamos de velos, deixámolos na biblioteca de clase por se alguén desexa volver a miralos tranquilamente noutro momento. Como agora temos moitos, decidimos organizalos nun andel e poñerlle unha etiqueta co nome de hemeroteca. Ao principio custábanos pronunciar a palabra, agora xa nos sae a case todos e sabemos que para consultar os xornais temos que acudir a nosa particular hemeroteca.


viernes, 13 de febrero de 2015

ENTROIDO 2015

A choiva e a humidade non quixeron perderse a nosa festa de Carnaval e acompañáronnos durante toda a xornada. Pero nós divertímonos igual contando contos, facendo máscaras, xogando e bailando. Australia foi o tema central do Entroido deste ano, e canguros, koalas, emús, cacatúas e aborixes desfilamos polo Local Social de Lois. Cando chegou o momento da merenda, orellas, filloas, rosquillas, biscoitos e outros doces ricos que as familias prepararan con moito agarimo, fixeron as delicias de grandes e pequenos. Unha vez máis graciñas a todas pola súa colaboración.

jueves, 12 de febrero de 2015

¡CANTOS DOMINÓS!


De froitas, de ideas, de números, de formas xeométricas …  estamos descubrindo que na aula temos dominós de moitas clases. 
Onte, na nosa sesión semanal dedicada aos xogos de mesa, empregamos un que nos axudou a lembrar os nomes dalgunhas figuras xeométricas: círculo, cadrado, triángulo, rombo … O próximo día a ver se probamos co de texturas, é para botar partidas cos ollos pechados … ¡a ver se somos capaces de identificar as pezas mediante o tacto!.

miércoles, 11 de febrero de 2015

TEMPO DE ENTROIDO…


Nestes días o tema central das conversas dos cativos é o Carnaval. Os folletos con  disfraces de todo tipo inundan tendas e comercios. Como outros anos, na escola aproveitamos esta publicidade para crear o noso particular catálogo de Entroido. Por agora os nenos andan a escoller e recortar cadanseu traxe favorito, cunha única condición, non se pode repetir. Pouco a pouco imos facendo a montaxe coas nosas fotos, esperamos telo rematado pronto.
E os que desexen mergullarse no Entroido da man dos Bolechas, poden facer clic neste enlace.

martes, 10 de febrero de 2015

A VOLTAS COAS EMOCIÓNS…


Estamos descubrindo que hai varias palabras para expresar un mesmo sentimento. Así a rabia pódese chamar tamén ira e cólera. A calma, tranquilidade. A alegría, ledicia... Deste xeito o noso mural de sentimentos vaise enchendo con novos botes de emocións á vez que enriquecemos o noso vocabulario.

Pero o que temos máis ganas de facer é unha ruleta para marcar estados de ánimo coma a do libro ¡Sentimentos! que limos esta mañá. Trátase dun “sentimentómetro” no que sinalabamos se hoxe experimentabamos: valentía, medo, enfado, vergoña, tristeza, cariño, alegría ou rabia. Cando rematemos co Entroido a ver se facemos a nosa propia versión do “sentimentómetro”.
E non vos esquezades, mañá é o día do bigote: grande, pequeno, delgado, con barba, postizo, pintado, negro, marrón, de colores …