sábado, 30 de abril de 2016

FESTAS DOS MAIOS 2016

O venres foi unha mañá chea de actividades e emocións. Comezamos a xornada traballando duramente na confección dos colares de margaridas necesarios para decorar o Maio. Aínda que realmente o labor xa o empezaran as familias o día anterior baleirando ovos e apañando fiúncho, flores, laranxas e limóns para traelos á escola. Unha vez máis graciñas a todos pola vosa colaboración e xenerosidade, sen ela a elaboración do maio non seria posible.
Despois os cativos confeccionaron coroas de flores coas que acicalarse e aínda tivemos tempo dunha sorpresa moi especial: a visita da científica Luísa do CSIC en Galicia.
Ademais de contarnos un precioso conto co que nos explicou como xurdiu nela a necesidade de investigar e descubrir o porqué das cousas, ensinounos a través dun divertido experimento que a auga salgada pesa máis que a doce. Abraiados co resultado e con ganas de máis chegou o momento de recuperar forzas coa rica merendola que trouxeron as familias. 
Mentres, paseniño o Maio foi collendo xeito ata quedar rematado e a nosa exposición “A min gústame ler en …” tamén. Entón chegaron os músicos e o tempo das cancións e xogos ao seu redor.  A ritmo de gaitas bailamos, cantamos e gozamos dándolle a benvida a primavera.

No hay comentarios:

Publicar un comentario