sábado, 16 de mayo de 2015

FILGUEIRA VALVERDE NO XORNAIS


Vímolo esta semana, en “El Diario de Pontevedra” e “La Voz de Galicia”. No primeiro anunciando unha “fotobiografia” que regalan hoxe co periódico ao mércalo. No segundo limos que axudou a fundar o Museo de Pontevedra e falamos das pinturas, xoias, mobles, moedas, instrumentos musicais, útiles da vida cotiá… que nel podemos atopar. Dende aquí animamos a todas as familias a visitar este museo gratuíto, con espazos como a recreación da cámara da fragata Numancia que poden resultar de interese para os cativos.

jueves, 14 de mayo de 2015

AS LANZAS


“La infantita quiere buñuelos” é o título dun dos libros que a biblioteca municipal de Meis cedeunos en préstamo temporal mentres esteamos a traballar ao redor da figura de Velázquez. Escollémolo para ilustrar o mes de maio do noso calendario escolar do autor. Nel cóntanos unha trasnada argallada pola infanta Margarita e Nicolasito, o anano representado no cadro As Meninas que anda a molestar ao can. A trama comeza cando a princesa quere tomar o chocolate con buñuelos destinado a súa media irmá e as damas. Pero non pode … o seu pai, o rei Felipe IV, ten que recortar os gastos da corte para facer fronte ás débedas da guerra e á mala xestión. Unha delas quedou inmortalizada na obra  “A rendición de Breda, ou As lanzas” de Velázquez que eliximos para o mes de maio. Entre realidade e fantasía, gozamos da lectura deste divertido libro á vez que coñecemos algúns dato da época do pintor.

miércoles, 13 de mayo de 2015

UN LIBRO DE NÚMEROS ESPECIAL



Dende que celebraramos o día do número nas prendas de vestir, comezamos a elaborar un libriño individualizado e personalizado baseado na nosa vestimenta. Nel, paseniño, recollemos as fotos e os nomes de todos os nenos, ás grafías que aparecen nas diferentes prendas, como denominamos cada peza de roupa e como podemos escribir os número empregando letras.

Agora, cos maiores da aula, andamos co máis difícil, a numeración das páxinas e e a súa orde respectando esta disposición. Hoxe realizamos a portada e de paso aproveitamos para lembrar como debemos usar o afialapis. Pronto estará rematado, despois de tantos meses a voltas con el están desexando levalos para casa. Por certo, quen se lembra que número esqueceu a mestra incluír na portada do libriño … A ver quen nos envía un comentario coa resposta.

martes, 12 de mayo de 2015

LETRAS GALEGAS 2015


Este ano o día das letras galegas está dedicado a Xosé Fernando Filgueira Valverde. Ao longo desta semana intentaremos que os cativos se familiaricen  un chisquiño coa figura e obra deste autor pontevedrés. Comezaron onte en informática coa mestra Araceli vendo e realizando as actividades LIM propostas polo Seminario Galán e que vos deixamos a continuación por se queren volver a facelas na casa. Soamente tedes que facer clic na imaxe inferior para acceder.



Hoxe estivemos lendo e comentando algúns dos carteis da exposición gañadora do concurso-exposición Letras Galegas 2015, aprendendo a escribir o nome do autor homenaxeado e facendo un quebracabezas da súa caricatura. Nos vindeiros días continuaremos coas actividades propostas no libriño que acompaña aos carteis e coas do equipo de normalización lingüística do centro.

lunes, 11 de mayo de 2015

FELIPE IV A CABALO


O noso calendario escolar de Velázquez continua avanzando. A semana pasada chegamos ao mes de abril e foron “Las Tres Mellizas” as encargadas de achegarnos o cadro “Felipe IV a cabalo”.

Aínda que tamén observamos a obra en detalle accedendo á galería on line do Museo do Prado e, por suposto, nos libros que temos na escola, o que máis gustou aos cativos foi ver a Velázquez pintándoa na animación do vídeo que vos deixamos a continuación.

viernes, 8 de mayo de 2015

FLORES DE FROITAS

Aínda que a choiva e o mal tempo queren seguir connosco, no noso obradoiro de cociña tamén quixemos darlle a benvida á primavera elaborando unhas saudables flores de froitas. A ver se o sol se anima, ven a merendar á escola e decide quedarse durante unha tempada.

jueves, 7 de mayo de 2015

A FERMOSURA DAS PALABRAS


Achegase o Día da Letras Galegas e na nosa escola imos celebralo traballando ao redor das palabras máis fermosas da nosa lingua. Trátase da iniciativa que puxo en marcha a mestra Ana o pasado mes de febreiro para conmemorar o Día de Rosalía de Castro. Dende entón, un caderno viaxeiro anda visitando os fogares dos nosos alumnos e cada familia vai escollendo e escribindo a que consideran a palabra máis bonita da lingua galega. Soamente hai unha condición: non se pode repetir.
Na aula estamos aproveitándoas para enriquecer o noso vocabulario á vez que aprendemos a súa ortografía e lembramos os nomes dos compañeiros. A ver si para a semana o noso caderniño remata a súa andaina e temos a lista definitiva.