martes, 27 de enero de 2015

AUTRALIA NA MOCHILA...

Hoxe Carla compartiu connosco un agasallo moi especial que lle trouxo a súa madriña. Trátase dunha mochila na que podíamos ler o nome de Australia e, o que máis nos gustou, un adorable e suave Koala incorporado que todos queríamos acariciar.
Estamos montando un novo recuncho en clase con Australia como tema central. Andamos a investigar e coñecer cousas do país onde anda Félix, o noso peluche viaxeiro. Se na casa tedes contos, libros, DVDs, fotos, xoguetes, quebracabezas, postais, mapas, obxectos, folletos ou publicidade de axencias de viaxes, receitas… que queirades compartir,  podédelo traer para velo na aula e aprender todos xuntos.

lunes, 26 de enero de 2015

FELIZ DÍA DE AUSTRALIA


Cada 26 de xaneiro os australianos celebran o seu día nacional. Na nosa escola tamén quixemos unirnos á festa ondeando a súa bandeira. Pero primeiro tivemos que construíla. Deunos moito traballiño coloreala sen facer borrachos nas estrelas pero, cun pouquiño de paciencia, todos levamos a nosa bandeira australiana para casa.

viernes, 23 de enero de 2015

PLÁTANOS EN PIXAMA


A receita do noso obradoiro de cociña de hoxe tróuxonola Félix de Australia. Vímola no seu libro “El correo flotante de Félix”. Como podedes ver na ilustración, na receita orixinal, o pixama do plátano faise con follado e hai que metelo ao forno. Coma na escola non o temos, optamos por adaptala e substituír ese ingrediente por pan de molde. Cando xa o tiñamos feito pensamos que quedaría moito máis bonito se lle poñiamos ollos, boca, pelo… Quedamos en probar na casa esta fin de semana a ver que tal nos sae.

jueves, 22 de enero de 2015

PREPARANDO O DÍA DA PAZ


O vindeiro día 30 de xaneiro celebrase o día escolar pola paz e a non violencia. Para conmemoralo, este ano na escola andamos a traballar ao redor das nosas emocións: tristeza, alegría, rabia, calma, medo, amor, noxo… Coa axuda dos libros da bolsiña de lectura imos descubrindo que as emocións que sentimos teñen nome e pódense compartir. Algunhas fanos sentir ben a nós e as persoas que nos rodean pero, outras, se non aprendemos a xestionalas adecuadamente, poden facernos dano.


Baseándonos no conto do vídeo anterior,“El monstruo de colores”, imos crear o noso bote de sentimentos para a paz. Pensamos enchelo das emocións positivas que axudan e facilitan a convivencia pero necesitamos que os cativos traian un bote de boca ancha para gardalas. Sírvenos calquera que non rompa se cae ao chan: o do cacao que lle botamos o leite, o das cremas, o da mascarilla do pelo …  se non teñen poden traer unha caixiña, latiña ou calquera outro recipiente que non sexa moi grande. Ao noso recuncho de sentimentos xa comezaron a chegar os primeiros: o bote dos sobres de azucre, unha caixiña dun cinto, outra das cápsulas do café … Paseniño iremos decorándoas e enchéndoas de emocións.

miércoles, 21 de enero de 2015

SUMAMOS PUNTOS


A semana pasada botamos un par de partidas co xogo de pesca que nos trouxo o Apalpador. Primeiro tíñamos que localizar o nome do xogador na lista, rodealo e pintalo da cor elixida polo participante. Despois había que lanzar a caña e descifar o valor do obxecto pescado. Por último, anotar os puntos que sacaba cada quen.

Hoxe, para ver quen era o gañador, rematamos de sumar os puntos acadados en ámbalas dúas xogadas. Agora xa sabemos que o xogo de pesca tamén nos sirve para sumar. 
Se queredes practicar sumas sinxeliñas facede clic aquí. Os que xa saben pode ir acrecentando o grao de complexidade aumentando o numero que aparece á dereita da pantalla onde di: dificultade.

martes, 20 de enero de 2015

A PEDRA DE ULURU


No medio do deserto australiano atópase a rocha máis grande do mundo. Félix falounos dela na súa carta e onte puidémola ver en varios libros da biblioteca, pero especialmente nunha fotografía preciosa do exemplar “Las maravillas del mundo explicadas a los niños”.

A rocha Uluru, tamén chamada Ayers Rock, é un lugar sagrado para os aborixes. Aínda que é posible escalalo, os propietarios tradicionais non o fan e piden que, por respecto a súa cultura, outras persoas tampouco o fagan. Pero como puidemos ver no seguinte vídeo en clase, hai moitas persoas que soben a súa cima. 

lunes, 19 de enero de 2015

AUSTRALIA NO XORNAL


O xoves pasado retomamos o noso traballo semanal coa prensa para descubrir que en Australia é verán. Vímolo nun artigo do suplemento dominical Extra Voz número 207. Unha rapaza chamada Paula, que marchou a traballar a ese país, fala do costume de pasar o día de Nadal nos parques ou praias de pícnic. Iso de poder celebrar o Nadal na praia facendo bonecos de neve con area gustounos a todos.