Despois das visitas o mes
pasado dos coelliños de María, Martiño e a mestra Marina, non podíamos deixar escapar
a oportunidade de investigar e coñecer mellor a estes animaliños. Aínda que xa viramos un pouquiño como eran os
seus órganos internos, o martes, traballamos ao redor deles máis profundamente.
Primeiro lembramos como se chamaban cada un e comparámolos cos dos humanos.
Para poder manipulalos e entendelo mellor, empregamos o torso desmontable que temos en clase. Fígado, cerebro, corazón, pulmón, estómago... os nosos órganos internos son máis grandes ca os do coello pero teñen os mesmos nomes e parecidas funcións.
Co corpo humano era máis doado que co debuxo do coello,
pero mirando atentamente a ilustración do libro, colocar cada etiqueta no seu
lugar correspondente non foi demasiado complicado para os maiores, cos pequenos aínda temos que seguir traballando un pouquiño máis.
No hay comentarios:
Publicar un comentario