jueves, 22 de abril de 2021

MARTA E O CONTO SOFÍA ALEGRÍA: EXPERTA EN UNICORNIOS

Marta é a primeira nena de Leiro en participar na proposta para conmemorar o Día do Libro. Na recreación da portada converteuse na protagonista do conto Sofía Alegría: experta en unicornios. Disfrazouse coma ela e ata imitou a súa postura á perfección. Moitas grazas!

martes, 20 de abril de 2021

COÑECENDO A DON QUIXOTE

Co gallo do Día do Libro, onte Zapatocas preparounos unha recompilación de libros ao redor da figura de Don Quixote. No transcurso desta semana iremos coñecendo algúns dos personaxes e aventuras da obra máis coñecida de Miguel de Cervantes.



lunes, 19 de abril de 2021

PONLLE AS PILAS AO TEU BOCATA

Para coñecer as virtudes das conservas de produtos do mar, desenvólvese a campaña Ponlle as pilas ao teu bocata. Dende a escola sumámonos a esta iniciativa propoñendo cociñar un saboroso bocadillo Neutrón. Neste enlace tedes as múltiples opcións que levaron os meniños o venres no tríptico informativo, animádevos a elaborar o que máis vos apeteza.

viernes, 16 de abril de 2021

TESOUROS NAS ANDAINAS

 

Coa chegada do bo tempo recuperamos as nosas andainas diarias na contorna da escola. Ademais de adestrarnos, por se a final de curso podemos facer un anaquiño do Camiño de Santiago coma outros anos, cada día atopamos pequenos tesouros.

Onte descubrimos unha chea das herbas que a mestra chama “coxeguiñas”. Estivemos apañando nelas para facer un ramo de flores secas que hoxe adornamos reciclando recortes de plástico. Coa axuda da mestra Ana investigamos e soubemos que se trata da briza, unha herba que ten ademais outros nomes tan fermosos coma “tremedeira”.


jueves, 15 de abril de 2021

PREPARANDO O DÍA DO LIBRO

O vindeiro día 23 celébrase o Día Internacional do Libro. Para conmemóralo Zapatocas compartiu connosco esta divertida proposta que realizaron noutros coles. Trátase de escoller un conto e, con materiais que teñades na casa e a vosa imaxinación, recrear a súa portada. Cando a teñades lista, mandade por correo electrónico a foto da portada orixinal do conto elixido e a foto coa vosa recreación a escoladeleiro@gmail.com. A modo de exemplo iremos publicando nesta entrada as que estamos a facer as mestras. 






AS FLORES DE FROITA DE ERIK

 

Erik tamén animouse a cociñar flores de froitas incluíndo un nutritivo ingrediente: aguacate. Mirade nas fotos que ben lle queda.