miércoles, 30 de septiembre de 2015

A VOLTAS COS NÚMEROS DE TELÉFONO


Como quedaramos a semana pasada, hoxe, cos maiores e os medianos da aula, comezamos a elaborar unha axenda cos números de teléfonos. O primeiro ver como son. A mestra María prestounos a do centro e comprobamos que nun lateral teñen o abecedario. A orde é moi importante para localizar o que buscamos. Teñen dúas columnas, unha para os nomes e outra para os números. Os nomes están ordenados pola letra que empezan. Nós tamén imos facer o mesmo e iniciamos o noso listado cos nomes dos nenos que empezan por A. Despois tiñamos que localizar as tarxetas que realizaramos o pasado mércores e copiar ben os díxitos. ¡Canto traballiño e soamente fixemos o “A”!.. xa vos contaremos como imos avanzando, mentres podedes ensinarlle aos cativos a axenda de teléfono da casa e axudarlle a buscar os números que sexan do seu interese.

martes, 29 de septiembre de 2015

DEBAJO UN BOTÓN


Mirade na fotografía que atentos estamos para no perder o ritmo que nos marca a canción. Cada vez que escoitamos “TON” temos que dar unha palmada pero se oímos “TIN” o golpe será nas pernas. O xogo complícase cando aumentamos a velocidade. Seguro que todos coñecedes a canción pero vola deixamos a continuación por se queredes divertirvos practicando en familia.


lunes, 28 de septiembre de 2015

ZAPATOCAS EN ANDALUCIA


Nunha entrada anterior quedounos pendente falarvos da carta que traía Zapatocas e sobre a que estivemos traballando a semana pasada. Nela contábanos que quería viaxar a Andalucia e animábanos a buscar información sobre esta Comunidade Autónoma.

Na aula xa comezamos a montar un recuncho para colocar todo o material que atopemos: o primeiro o libro “Andalucia” que Zapatocas trouxo como agasallo. Se na casa tedes contos, libros, DVDs, fotos, quebracabezas, postais, mapas, obxectos, folletos ou publicidade de axencias de viaxes, receitas… relacionado con esta Comunicade e adaptado ás idades dos nosos alumnos, podédelo traer para velo na aula, enriquecer o noso recuncho e aprender xuntos.

Hoxe na nosa visita á biblioteca escolar buscamos onde estaba colocado o libro que atopou Zapatocas. Vimos que tiña pegatina branca e o número nove porque trata de xeografía e está situado xunto a máis exemplares que falan de países e outros lugares. 

viernes, 25 de septiembre de 2015

BOLBORETAS DE UVAS

É tempo de vendima e aproveitamos a oportunidade que as uvas nos brindan para inaugurar o noso obradoiro de cociña empregándoas como ingrediente principal. Esta mañá engadímoslle sandía ou melón atendendo ao gusto dos comensais e realizamos esta divertida e nutritiva merenda.


jueves, 24 de septiembre de 2015

¡CANTOS XORNAIS!


Unha vez máis temos que agradecer as familias á súa implicación nas actividades propostas dende a escola. Nesta ocasión compartindo connosco os xornais que de diferentes xeitos chegan as súas mans. A través deles soubemos que un tractor cargado de uva virou en Ribadumia, que un golfiño apareceu morto na Praia ou que hai periódicos que falan exclusivamente de deportes.
 Ademais de ler as novas que a prensa recolle, hoxe comezamos co traballo sistemático arredor deles.  Cos maiores lembramos os nomes dos que víamos o curso pasado e intentamos ler e identificar os seus anagramas. Aos pequenos aínda lles costa aclararse co seu manexo e utilidade pero xa puideron realizar tarefas para diferenciar os periódicos doutros materiais impresos como os contos.

miércoles, 23 de septiembre de 2015

OS NOSOS NÚMEROS DE TELÉFONO


Tras o período de vacacións estival, varios dos medianos da clase esqueceron como se chaman algunhas das grafías dos números e moitos perderon a habilidade para realizar ben os seus trazos. Para axudarlles na adquisición destas destrezas á vez que avanzamos no coñecemento do emprego e significado dos números na vida diaria, comezamos a traballar a redor dos números de teléfono.

Cada neno localizou o seu no listado que temos en clase, recortámolos, vimos que díxitos contiñan, descubrimos que todos comezaban por seis,  confeccionamos tarxetas para continuar facendo tarefas con eles e intentar memorizalos, copiámolos e nas vindeiras semanas intentaremos crear as nosas propias axendas de teléfonos, a ver que tal nos saen.

martes, 22 de septiembre de 2015

OS MARTES… XOGOS TRADICIONAIS

Este curso, coa axuda da mestra Olalla, imos dedicar  as dúas últimas horas dos martes a traballar ao redor dos xogos tradicionais. A idea é, ademais de recupelalos, basearnos neles para avanzar no coñecemento da lingua escrita á vez que aprendemos a xogar en grupo. Comezamos está mañá coa canción popular “Un elefante se balanceaba” que vos deixamos a continuación por se queredes xogar tamén na casa.


Primeiro, comprobamos si sabíamos contar ata 15 e ensaiamos todos xuntos para axudar aos máis pequenos. Despois, para aprender a canción, vímola un par de veces no encerado dixital. Acto seguido, a mestra Olalla converteunos en elefantes e, no Local Social, seguindo as consignas da letra, fomos montándonos nunha improvisada tela de araña que con tanto peso rompeu mentres botabamos unhas risas.

Para non esquecer todos os xogos e cancións tradicionais que imos aprender, ao rematar de xogar escribimos o título da canción para ir creando a nosa propia recompilación. Os pequenos con letras móbiles e moita axuda. Para os medianos e maiores engadimos tamén a letra e os números. Unha mágoa que chegara a hora da saída e non nos dera tempo de volver a xogar.