lunes, 21 de septiembre de 2015

ZAPATOCAS


Hoxe comezou a funcionar a nosa biblioteca escolar e nela atopámonos cunha gran sorpresa: a mascota da biblioteca. Chámase Zapatocas e naceu  no ano 2002 da man dunha nena da escola de Ribadumia. Durante catorce anos deu nome a nosa revista escolar e, cando creamos a nosa biblioteca, converteuse na súa mascota. Sempre tivemos imaxes dela pero foi este verán cando a mestra Marta conseguiu contactar con alguén que puidera sacala do papel e transformala nun boneco ao que abrazar. Esta mañá xa estaba subida nun andel cunha carta na man e rodeada de libros pero iso volo contaremos outro día.

Hoxe os protagonistas, ademais de Zapatocas, foron os libros. Puidemos gozar deles e escoller un para levar. A mestra Ana explicoulle aos máis pequenos como funciona o sistema de empréstito, cales son as normas de funcionamento e como debemos de gardar os libriños na nosa bolsa de biblioteca para que vaian protexidos na súa viaxe ata casa. Como xa vos contamos o día da reunión de principio de curso, seria desexable que, ao igual que os libros que conteñen, nos axudedes a mantelas en bo estado. Tamén comezaron a súa andaina as mochilas viaxeiras e cada semana visitará  unha familia.

domingo, 20 de septiembre de 2015

REMATAMOS O PERÍODO DE ADAPTACIÓN


Dende que comezou o curso, gradualmente, os novos alumnos foron coñecendo espazos, materiais, mestres, compañeiros … Os veteranos adaptándose aos roles que “facerse maior” leva: cambio de amigos, máis responsabilidades, tarefas diferentes, xogos de complexidade crecente … 

Tras unha incorporación gradual dos máis pequenos e un horario flexible e axustado ao forte momento emocional co que todos vivimos estes primeiros días, o venres dimos por rematado o período de adaptación. O luns comezaremos cos obradoiros e o traballo coas mestras especialistas.


sábado, 19 de septiembre de 2015

¿ONDE COLOCAMOS O NOME?

Xa temos a primeira foto co sitio elixido para pousar o nome propio na casa. Carla púxoo no cadro da súa habitación, unha proposta bonita e orixinal para os que aínda non se decidiron. 
Na asamblea do venres os nenos contaron que o colocaron na neveira, na mesa, no chan … A ver se alguén máis se anima a enviarnos fotos e continuamos publicándoas nesta entrada.
E chegounos a segunda foto cunha elección 
espectacular... a neveira.

jueves, 17 de septiembre de 2015

COS NOMES PARA CASA

Hoxe, como todos os anos a principio de curso, os nenos levaron para casa un pequeno cartel co seu nome para colocar nun lugar visible. Cada curso o nome ten unha complexidade engadida para avanzar no coñecemento da lingua escrita, polo que debe de substituír ao anterior. Traballamos a redor del porque, ademais de servir para identificarnos, é un texto sinxelo, curto e ofrece un modelo fixo para avanzar no coñecemento do noso sistema de escritura. Podedes colocalo na habitación, na porta do armario, na cociña, no baúl dos xoguetes … pero sempre ao alcance dos cativos. Animádevos a mandarnos comentarios co lugar que escolleu cada rapaz, se ademais nos enviades a escoladeleiro@gmail.com unha foto del co neno no sitio da casa elixido, publicaremos a imaxe no noso blog, seguro que aos meniños lles divirte ver onde o colocaron os seus compañeiros.

miércoles, 16 de septiembre de 2015

TRABALLANDO CON ROTULADORES…


¡Como lles gusta aos pequenos pintar cos rotuladores!... pero para non estragalos temos que aprender a usalos correctamente. Primeiro quitar a tapa, despois colocala na parte traseira para non perdela, pintar sen calcar demasiado para non romper o papel e, por último, volver a colocar a tapa facendo “clic” para que non caia.

martes, 15 de septiembre de 2015

O RECUNCHO DA COLCHONETA


Un dos recantos máis activos da nosa aula é o da colchoneta. Nel os cativos poden xogar con animais, ferramentas, bonequiños, coches, barcos, camións e, sobre todo, con gran variedade de pezas de construción. Pero ademais de lugar de xogos, a colchoneta é tamén o espazo onde facemos multitude de actividades: contamos as nosas inquedanzas e sucesos na asamblea, ollamos o xornal, marcamos o calendario, anotamos o tempo meteorolóxico, realizamos a hora de ler, escoitamos música, cantamos… Hoxe, os pequenos, coñeceron algunhas das tarefas que nela facemos pero, especialmente, gozaron coa cantidade de xoguetes que este curruncho ten.

Pouco a pouco, os novos alumnos van ampliando o seu tempo de permanencia na escola. Está mañá xa merendaron connosco e quedaron ata a hora da saída co resto dos seus compañeiros. Portáronse como auténticos chicos maiores e integráronse nas rutinas da aula sen dificultade.

Mentres, cos maiores e medianos, imos quentando motores na aprendizaxe da lectoescritura traballando ao redor dos nomes dos novos amigos. Vimos como se escribían, copiámolos do encerado, asociámolos coas fotos e contamos cantas letras tiñan cada un. Por certo … ¿quen se lembra que nome tiña máis letras de todos?... A ver quen nos manda un comentario coa resposta.

lunes, 14 de septiembre de 2015

ADAPTÁNDOSE Á ESCOLA NO RECREO


Xogar ao pilla e á roda, facer castelos de area, tirarase pola randeeira, abanearse no bambán e na moto, enredar coas follas e as pedriñas, pasear a carretilla … nada mellor que o patio de recreo para experimentar, relacionarse, crear vínculos afectivos e, sobre todo, axudar aos máis pequenos a integrarse nas rutinas da escola de xeito gradual.